Aclaración da información publicada en La Voz de Galicia sobre a indemnización á Cooperativa de San Sadurniño

0

En referenza á información publicada na edición de hoxe nas páxinas comarcais do xornal La Voz de Galicia, desde o Concello considérase necesario facer algunhas precisións ao respecto da información publicada, na que se obvian algúns aspectos importantes para a comprensión do asunto no seu contexto e tamén o alcance do ditame do Xulgado Contencioso-Administrativo de Ferrol, quen fallou en favor do Concello pola anulación do convenio urbanístico asinado en 2007 coa Cooperativa de Explotación en Común de San Sadurniño, hoxe en proceso de liquidación. O xulgado tamén desestima a reclamación patrimonial de 1.5 millóns de euros presentada pola entidade, se ben estima parcialmente o recurso no tocante ao importe da indemnización, establecéndoa en 504.402 euros máis xuros seguindo a valoración que fai a parte demandante con referenza ao valor medio do chan no concello de Narón no ano 2014. Porén, a sentenza non é firme e neste sentido o Concello presentou unha solicitude de aclaración do seu contido como paso previo ao recurso que se tramitará perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

A primeira precisión que se quere facer sobre o contido da información de La Voz de Galicia refírese precisamente á  aseveración de que o Concello “terá que indemnizar […] a unha cooperativa de explotación en común coa que firmara un convenio urbanístico en 2007”. Unha afirmación que, neste momento, non é correcta dado que a sentenza non é firme e, polo tanto, cabe recurso contra dela.  En relación co fallo do Contencioso Administrativo de Ferrol, o Concello xa solicitou a través da súa procuradora unha aclaración da sentenza e, posteriormente, presentarase o correspondente recurso perante o TSXG, de aí que mentres non finalice totalmente o percorrido xudicial -cunha sentenza nun ou noutro sentido, pero firme- non parece obxectivo asegurar unha contía determinada como posible indemnización.

A asesoría xurídica municipal solicitou esta aclaración por parte da xuíza ante o feito de que na propia sentenza se lle dá a razón ao Concello na resolución do convenio urbanístico que motivou o pleito e, por outra banda, o fallo -que, insistimos, é recurrible- rexeita as pretensións económicas iniciais dos liquidadores da entidade e marca un novo prezo pola ocupación dos terreos, atendendo unicamente ás valoracións presentadas pola representación legal da entidade en liquidación que, a xuízo do Concello, exceden con moito os prezos de mercado.  Cómpre ter en conta que as contías periciais aceptadas polo Contencioso baséanse en prezos de referenza para o concello de Narón no ano 2014 e non aos que lle serían de aplicación a San Sadurniño no ano 2007 en que se asinou o convenio.
Débese lembrar tamén que o Concello nunca se negou a pagar polos terreos cedidos onde se construiu o Centro de Día de San Sadurniño e onde, inicialmente, a Xunta tamén tiña previsto construír unha Galescola. O Concello mesmo expresou reiteradamente a súa vontade de manter coa entidade en liquidación o convenio suscrito en 2007, que se viu incumprido pola demora no proceso de aprobación dun novo PXOM ao que se vinculaba a recualificación urbanística doutras parcelas da entidade, entre elas a do Palomar e a do Hospital.
Os liquidadores rexeitaron esa posibilidade e demandaron xudicialmente o pagamento de 1.5 millóns de euros sen avirse a ningún outro tipo de negociación. O Concello resolveu entón o convenio e valorou as fincas a prezo de mercado en San Sadurniño co informe técnico da arquitecta municipal. De acordo con esa tasación ingresoulle á entidade en liquidación arredor de 80.000€ en concepto de indemnización pola ocupación dos terreos. A maior parte da contía correspóndese coa parcela urbana do Centro de Día, optando o consistorio por restituír “in natura” o terreo non ocupado.
A xuíza do Contencioso di que os terreos non poden ser devoltos -o Concello e a asesoría xurídica consideran que si, dado que as parcelas ocupadas e non ocupadas foron obxecto de segregación- e acepta unha valoración que, segundo a postura municipal, sobrepasaría amplamente o valor medio de mercado do terreo rústico en San Sadurniño, e máis aínda se temos en conta que se trata de superficies inundables na ribeira do Xubia que só poderían ser dedicadas a cultivos.
En calquera caso, debe terse en conta, unha vez máis, que a sentenza do contencioso non é firme como suxire o xornal cando asegura  taxativamente que o Concello “terá que indemnizar” nin tampouco se debería tomar como correcta a cantidade final que se apunta, 700.000 euros (504.000 máis “cerca de outros 200.000”), que non aparece reflectida en ningún apartado da sentenza, senón que se trata dun cálculo efectuado polo rotativo sen o rigor que debería observarse cunha información deste trascendencia.
Por outro lado, e dado que o Xulgado do Contencioso-Administrativo lle deu a razón ao Concello na cuestión principal do pleito -a resolución do convenio urbanístico e a reclamación patrimonial inicial- tamén esixirá que as costas xudiciais sexan asumidas pola parte demandante que, tamén debe puntualizarse, non son “os donos dos terreos”, senón a parte liquidadora encargada de administrar os dereitos da entidade xa desaparecida.
Share.