Acelera PYME organiza un seminario en liña sobre como mellorar a presenza en internet

0

ASIME, a asociación galega da Industria do metal e das Tecnoloxías asociadas, é unha das 58 entidades que xestionan en Galicia o programa estatal Acelera PYME impulsado por Red.es con fondos Next Generation, co que se pretende promover a transformación dixital das pequenas e medianas empresas, persoas autónomas e emprendedoras para que melloren en competitividade. A través deste plan -que inclúe ademais as subvencións do Kit Dixital– tamén se organizan accións formativas gratuitas, como a que se desenvolverá o próximo 26 de xaneiro por videoconferencia a partir das 11:00h, centrada na construción dunha identidade dixital e no posicionamento de calquera peme na Internet. As inscricións poden facerse a través desta ligazón.

O evento ten como fin seguir apoiando ás pemes, persoas autónomas e emprendedoras de calquera sector no proceso de Transformación Dixital e incorporación de novas tecnoloxías nos seus modelos de negocio. Desde a Oficina Acelera PYME da Coruña ofrécese a oportunidade de coñecer as tecnoloxías dispoñibles para axudar a mellorar a imaxe de marca, alcanzar nova clientela e mercados e incrementar as vendas de produtos ou servizos.

No webinar, que se desenvolverá por videoconferencia, explicarase como poñer en marcha unha páxina web e os beneficios que pode reportar esta ferramenta de comunicación e posicionamento na rede. Ademais tamén se falará da importancia de planificar unha estratexia comercial propia que permita acadar recoñecemento “tanto a nivel local como estatal”, apuntan desde ASIME.

Dos contidos encargarase Luis Yebra, máximo responsable da empresa especializada e mercadotecnia e comunicación ARTENOVA , quen debullará os seguintes puntos:

  • Desenvolvemento dunha páxina web e os beneficios para a empresa
  • Estratexia e mellora a marca do negocio
  • Tipos de páxinas web
  • Optimización dunha páxina web corporativa
  • Servizos
  • Preguntas e conclusións

O programa, presentado pola enxeñeira de software e especialista en e-learning Cheryll Stonestreet, arrancará ás 11:00h e prolongarase até aproximadamente as 12:15h, aínda que a duración podería ser maior, xa que as empresas e persoas participantes no webinar poderán exporlle dúbidas e preguntas ao relator.

O encontro é o primeiro organizado pola Oficina Acelera PYME A Coruña xestionada pola asociación galega de empresas do metal ASIME. Celebrarase de maneira virtual a través da plataforma de Microsoft Teams. Quen desexen asistir poden inscribirse a través deste formulario de rexistro. Ofrecen máis información no correo coruña@acelerapyme.asime.es

Share.