Aberto o prazo para solicitude de novas admisións na EIM “A Rolada”

0

Ata o 31 de marzo permanecerá aberto o prazo de solicitude de praza para novas incorporacións na Escola Infantil Municipal “A Rolada” de cara ao curso 2017/2018. Este segundo período de peticións -o anterior estivo aberto para reservas entre o 1 e o 15 de marzo-  está pensado para as familias que vaian ter un meniño ou unha meniña proximamente ou para aquelas que queiran inscribir as criaturas no centro por primeira vez. A documentación para as solicitudes de ingreso haberá que entregala na oficina de Igualdade en horario de mañá. Tamén alí nos facilitarán información sobre o centro e sobre as axudas municipais destinadas ás familias usuarias no curso 2016/17. A convocatoria oficial das bolsas da EIM publicarase nuns días, tan pronto como o orzamento municipal acade a aprobación definitiva. A partida ascende a 8.000 euros e ás familias pode supoñerlles ata un 50% de aforro.

A EIM A Rolada ofrece de cara ao curso 2017/2018 un total de 38 prazas distribuídas en tres unidades: 8 na de nenos e nenas de tres meses a un ano, 13 na de criaturas de un a dous anos e 17 na ocupada por cativería de entre dous e tres anos.

Os servizos da EIM A Rolada diríxense preferentemente a familias empadroadas do municipio con nenos e nenas de entre tres meses e tres anos de idade e só no caso en que haxa vacantes poderá admitir alumnado doutros concellos priorizando aquelas familias que teñan o seu posto de traballo nunha empresa de San Sadurniño. As prazas adxudicaranse segundo a seguinte orde de admisión:

1. Reserva de praza ordinaria, na que gozarán de preferencia para a adxudicación as nenas e nenos con matrícula no curso anterior. Á súa vez, terán preferencia na elección de xornada as familias empadroadas no concello. O prazo de solicitude de reserva estivo aberto durante a primeira quincena de marzo.

2. Reserva de praza para fillas e fillos do persoal municipal e da EIM, que terá preferencia na adxudicación de vacantes existentes nas mesmas condicións que as persoas empadroadas.

3. Novos ingresos, que se cubrirán unha vez adxudicadas as prazas reservadas e seguindo os criterios de baremación recollidos no regulamento de funcionamento da EIM.

A Escola Infantil Municipal A Rolada presta varios servizos adaptados ás necesidades de cada familia. O horario de apertura máximo é de 8 da mañá a 8 do serán de luns a venres e, dentro del, pódense elixir de dúas a oito horas de atención educativa. Esta posibilidade ten, á súa vez, varias opcións: xornada completa continuada ou partida, media xornada de mañá, media xornada de tarde ou xornada de dúas horas só pola tarde. A parte educativa complétase con servizo de comedor, actividades paralelas e extraescolares e mesmo con saídas e excursións dentro do horario de atención como parte fundamental do currículo do centro.

O funcionamento deste servizo de titulariedade pública está recollido nun regulamento modificado recentemente para adaptalo aos últimos cambios normativos neste campo e tamén para mellorar a xestión do centro atendendo á experiencia acumulada desde a súa apertura e ás peticións expresadas polas familias.

As tarifas vixentes para estes servizos son as seguintes:

Concepto Cota vixente
Matrícula (anual) 20 eur.
Mensualidade a xornada completa (8h.) 195 eur.
Mensualidade a media xornada (4h.) 117 eur.
Xornada de 2 horas 70 eur.
Hora complementaria (prezo mensual) 20 eur.
Hora extraordinaria (prezo diario) 3,5 eur.
Comedor mensual para almorzo 25 eur.
Comedor mensual para xantar 78 eur.
Comedor mensual para merenda 25 eur.
Comedor en día solto 4 eur.

 

Cómpre ter en conta que as familias empadroadas no municipio poderán beneficiarse das axudas que convoca anualmente o Concello e que, dependendo do seu nivel de renda, poden chegar a cubrir ata un 50% dos custes de escolarización. O periodo correspondente ao curso 2016/2017 -os nenos e nenas que están agora na escola- aínda non  está aberto, xa que primeiro deberán estar aprobados definitivamente os orzamentos municipais. Neles hai reservada unha partida total de 8.000 euros e nos próximos días, cando entren en vigor as contas municipais deste ano, publicarase a convocatoria. As familias que obteñan praza no curso que arranca en setembro (o 2017/2018) deberán agardar á convocatoria de axudas que lles toca, é dicir, a que se publicará probablemente a primeiros de 2018.

Para obter máis información sobre os servizos da escola ou sobre os procedementos de reserva de praza/nova incorporación pódese acudir ao propio centro -981 490 369- ou pasar pola oficina de Igualdade, coa que tamén se pode contactar a través do 981 490 027 ext.1. Iso si, a presentación de solicitudes só se poderá facer no departamento de Igualdade.

Descargas:
Folla de solicitude de praza na EIM
Regulamento de funcionamento da EIM

Share.