Abre o prazo de inscrición na IX Feira Rural de San Sadurniño

0

A novena edición da Feira Rural de San Sadurniño volverá ser o último sábado de agosto -o día 26- un dos grandes referentes da comarca para mostrar todo o potencial que ten o medio rural, combinando para iso a esencia dos mercados de toda a vida coa presentación de experiencias que apostan pola sustentabilidade.  O evento que se celebra no contorno do arboreto da Cortiña contará con exposicións permanentes, obradoiros, exhibicións, co tradicional concurso de froita do país e tamén co mercado local. Os postos de alimentación, artesanía e segunda man que queiran reservar espazo poden facelo desde xa presentando a solicitude debidamente cuberta e aboando a cota de participación: 3 euros por cada expositor de produtos agroalimentarios, artesanía e 5 para viveiros e maquinaria. As entidades sen fins de lucro e os postos de segunda man están exentos destas cotas.

As contías veñen reflectidas no regulamento de participación na feira anexo á folla de inscrición que se poderá presentar no rexistro municipal, por correo postal -Lugar do Casal nº 16, 15560 San Sadurniño- ou ben enviala ao correo agustin.perez@sansadurnino.gal. A data límite para apuntarse é o 23 de agosto ás 14.00h. O listado de postos admitidos publicarase na web municipal o día 24.

As cotas de participación deben pagarse directamente na Casa da Cultura, onde tamén é posible entregar a ficha de inscrición, ou ingresalas na conta ES74/2080/0208/0131/1000/0059 indicando no concepto “Inscrición Feira Rural”. O día da feira será necesario presentar o resgardo do ingreso para acceder ao recinto. Recordamos os prezos: 3 euros para os postos de artesanía que, segundo a normativa do evento, poderán solicitar ata un máximo de 6 metros liñais; e 5 euros para os viveiros de planta e as exposicións de maquinaria, sen que existan neste caso límites ao espazo que poden pedir. Os postos de segunda man e as entidades sen fins de lucro están exentas da cota aínda que, iso si, neste último caso terán que presentar copia dos seus estatutos a menos que xa o fixeran con anterioridade para calquera convocatoria municipal.

O mercado arrancará a primeira hora da mañá distribuído polo arboredo de especies autóctonas da Cortiña. Na carpa principal poderán atoparse alimentos de calidade e tamén a froita que se presente ao concurso organizado polo Concello e a AGFA do Eume. As inscricións cumprirá facelas o propio día e o certame desenvolverase atendendo aos criterios de puntuación establecidos nas bases acordadas entre esta entidade e o departamento municipal de Desenvolvemento Local.

O programa de actividades paralelas está xa pechado. Nel volverá haber degustación de queixos e catas de viño e sidra, tamén se desenvolverá a tradicional copa de agility canino e organizaranse obradoiros para os nenos e nenas, un deles centrado na elaboración de marmeladas e o outro arredor do mundo das abellas en colaboración coa Casa do Mel de Goente.

Ademais tamén están previstas dúas sesións de iniciación á hípica para maiores e  rapazada, visitas guiadas á horta de conservación de froiteiras Carlos Fornos -situada ao pé da feira- e ao colmear didáctico xestionado pola AGA Ferrolterra-, teatro ambulante co Aturuxo de Melpómene, paseos en kaiac polo Xubia, xogos xigantes e os xa tradicionais enxeños solares dos Picos do Sol.

A feira celebrará dous sorteos entre o público asistente e contará cun espazo para xantar por un prezo módico. Outra opción son os restaurantes da zona -o mesón A Granxa e o mesón o Ferrador son os máis próximos,  aínda que tamén temos Riboira en Lamas e Os Cazadores en Santa Mariña-, polo que cómpre chamar con tempo de adianto para reservar. Tamén existe a posibilidade de traer a merenda e aproveitar algún dos recunchos de sombra á beira do Xuvia onde, ademais, hai tres mesas fixas: unha ao pé da estatua da deusa Navia e dúas no contorno da presa de Mera.

Documentación descargable:
Folla de solicitude de inscrición na feira e normas de participación
Bases do concurso de froita autóctona

Share.