Aberto o prazo de solicitude para participar no proceso selectivo da bolsa de contratación de Axente de Igualdade

0

Desde hoxe, 31 de xaneiro, poden presentarse as instancias para participar no procedemento convocado polo Concello de San Sadurniño para a creación dunha bolsa de emprego orientada a contratacións laborais temporais na categoría de Axente de Igualdade. A formación da bolsa, que non implica necesariamente unha contratación inmediata, desenvolverase mediante concurso-oposición, é dicir, avaliando os coñecementos das persoas aspirantes e a súa experiencia acreditada, tanto formativa como por ter traballado en postos similares con anterioridade. O prazo para achegar a documentación e o xustificante do pagamento das taxas (29,71€) remata o luns 13 de febreiro.

A bolsa convócase para a cobertura de baixas, vacacións e permisos da titular da praza, cuberta recentemente a través do proceso de estabilización de emprego no que se encontra inmerso o Concello en cumprimento da normativa estatal que busca reducir a temporalidade nas Administracións públicas.

Os requisitos xerais para poder acceder ao proceso selectivo son a de ter máis de 16 anos e non superar a idade de xubilación, posuír capacidade funcional para o desenvolvemento das funcións propias do posto, non ter sido obxecto de expedientes ou condenas que impidan traballar no sector público e contar coa nacionalidade española (ou cumprir co disposto no artigo 52 da Lei 2/2015 do emprego público de Galicia).

Porén, tamén se esixe formación de Grao, Licenciatura ou Diplomatura en calquera das seguintes áreas: Igualdade, Socioloxía, Psicoloxía, Dereito, Ciencias Políticas e da Administración, Psicopedagoxía ou Pedagoxía, Traballo social ou equivalente na área das ciencias sociais e xurídicas. Ademais haberá que estar en posesión dun mínimo de 500 horas de formación especializada (en cursos de polo menos 100 horas) en materia de igualdade de xénero ou violencia de xénero, a menos que se dispoña do Grao en Igualdade.

A selección farase, en primeiro lugar, mediante as probas da oposición. Son dúas. Unha de galego, que é obrigatoria (salvo que se posúa certificado de perfeccionamento ou Celga 4) e eliminatoria, na que se cualificará á persoa aspirante como apta/non apta pero sen outorgar puntos. A outra proba centrarase nos coñecementos teóricos, que cumprirá demostrar mediante un exame tipo test sobre 29 temas.

As persoas que superen o exame serán as que pasarán á fase de concurso, na que se valorarán os méritos formativos, por experiencia laboral e polo resultado dunha entrevista curricular relacionada coas funcións que se deben desempeñar no posto.

Unha vez sumadas todas as puntuacións conformarase a bolsa por orde decrecente de cualificación, co obxectivo de cubrir rexeitamentos, baixas e outras vacantes temporais de natureza similar. O funcionamento da bolsa tamén vén recollido no punto 13 das bases. Os contratos, de tipo temporal e como persoal laboral, serán para un grupo II, cun nivel de destino 24 e un complemento específico de 41 puntos, de acordo coa relación de postos de traballo do Concello de San Sadurniño.

Segundo o anuncio publicado no BOP do luns 30 de xaneiro, as solicitudes para participar na selección haberá que presentalas, como último día, o luns 13 de febreiro, xa sexa presencialmente no Concello, a través da Sede Electrónica ou por calquera dos outros medios previstos na normativa sobre relación coas Administracións Públicas.

Canda o Anexo II da solicitude -que figura ao final do anuncio do BOP- tamén se deberán presentar a copia do DNI, pasaporte ou documento de identificación, a copia da titulación acreditativa,  tamén a copia da certificación dos coñecementos do galego (se se dispón dela para non ter que facer a proba lingüística), a relación de méritos e a súa acreditación. No caso da experiencia  será necesario adxuntar o informe de vida laboral e as certificacións expedidas por Administracións, entidades sociais ou empresas privadas nas que se especifiquen as tarefas desenvolvidas. Tamén cómpre achegar o xustificante do pagamento do dereito de exame (29,71 euros), que deberá ingresarse na conta do Concello ES74-2080-0208-0131-1000-0059.

Nos días seguintes ao remate do prazo de presentación das solicitudes, o Concello publicará a lista provisional de persoas admitidas e, posteriormente -tralo prazo de alegacións-, o listado definitivo. Da celebración das probas informarase a través do taboleiro de edictos e do apartado de Emprego Público do taboleiro de anuncios da Sede Electrónica, ao que pode accederse desde esta ligazón da web municipal.

 

 

Share.