Aberto o prazo de solicitude campamentos de verán para persoas con discapacidade

0

 

Ata o 30 de abril permanece aberto o prazo de solicitude dos campamentos de verán específicos para persoas con discapacidade que convoca a Xunta de Galicia. Van dirixidos a persoas de entre 11 e 40 anos e con eles búscase mellorar a integración social de xente moza con algunha discapacidade mediante a súa participación en estadías vacacionais e campos de traballo. Ademais da idade, o requisito principal para acceder aos campamentos é ter unha discapacidade recoñecida cun grao superior ou igual ao 33%. Hai máis información nas oficinas municipais de Servizos sociais ou directamente na web de Xuventude.

Xunto coas condicións xa citadas, as persoas que queiran participar tamén deben cumprir estoutras:
-Non presentar trastornos que poidan alterar a convivencia durante o transcurso da actividade.
-Ter unha capacidade mínima de comunicación e de participación nas actividades que se van desenvolver.
-Ter unha mobilidade acorde coas características da instalación que se solicita.

Os lugares elixidos para as estadías son o albergue xuvenil de Gandarío -situado ao pé desta praia de Bergondo- e a residencia de tempo libre de Panxón, en Nigrán (Pontevedra). Débese mirar ben en cal dos dous se solicita praza, xa que ambos teñen características distintas -Gandarío pode acoller persoas con mobilidade reducida-, programas diferentes e quendas que varían. En total ofértanse 150 prazas por un prezo de 125 €, que se rebaixa a 62,5€ se se ten to título de familia numerosa ou a 93,75€ co Carné Xove.

Destinos Actividade Idades Datas Nº de prazas Prezo
Albergue Xuvenil de Gandarío, Bergondo
(Adaptado para persoas con mobilidade reducida)
Natureza xunto ao mar 11-14 anos do 1 ao 10 de agosto 15

125 eur.

15-18 anos do 11 ao 20 de agosto 25
19-25 anos do 11 ao 20 de agosto 30
26-40 anos do 20 ao 29 de agosto 30
Residencia de Tempo Libre Panxón, Nigrán. Teatro e aventuras na natureza 11-14 anos do 1 ao 10 de xullo 10

125 eur.

15-18 anos do 1 ao 10 de xullo 10
19-25 anos do 1 ao 10 de setembro 15
26-40 anos do 1 ao 10 de setembro 15

A adxudicación das prazas farase tendo en conta as seguintes prioridades:

-As persoas que non participaran en anos anteriores.
-As que residan habitualmente no domicilio familiar fronte ás que están acollidas en centros residenciais.
-Pola súa idade, se este fose o último ano que poderían participar nun campamento deste tipo.
-No caso de empate, terán prioridade as persoas con maior porcentaxe de discapacidade. Se segue habendo empate, terán a praza as persoas que presentaron antes a solicitude.

Documentación que cumprirá presentar:
Folla de solicitude
Informe médico
-Copia do carné de familia numerosa ou do carné xove, segundo proceda, no caso de acollerse a algunha destas condicións.
-Unha fotografía tamaño carné.
-As persoas seleccionadas teñen que aceptar ou renunciar á praza antes de 10 días dende que reciben a notificación de que foron aceptados. No caso de aceptar a praza hai que entregar tamén o xustificante de ter pagado, a copia da tarxeta sanitaria ou do seguro médico privado e un informe médico actualizado no caso de haber cambios de saúde importantes ou necesitar algunha atención especial dende que se presentou a solicitude.

As solicitudes hai que tramitalas na Consellería de Política social ou a través do departamento municipal de Servizos Sociais. O prazo finaliza o 30 de abril. Para obter máis información tamén se pode chamar ao Concello -981 490 027 ext.1-, ao teléfono gratuíto 900 333 666 ou mandarlle un correo de consulta a autonomiapersoal.sxps@xunta.es.

Share.