Aberto o prazo de presentación de ofertas para xestionar a cantina da piscina municipal durante o verán

0

Desde este luns e ata o próximo 27 de maio ás 14.00h. estará aberto o prazo para que calquera persoa autónoma ou empresa poida presentar a súa proposta de cara a xestionar a cantina da área recreativa de Currás durante os meses do verán. Trátase dun contrato menor que se resolverá en base á oferta económica que se faga -o mínimo son 100 euros-, pero tamén valorando a ampliación do horario de apertura, o programa de limpeza das instalacións ou a variedade de produtos que se ofrezan. Os pregos completos e a folla normalizada de presentación da proposta técnica e económica poden descargarse desde esta ligazón.

As condicións que deberá cumprir o adxudicatario ou adxudicataria da xestión son varias. A primeira refírese aos horarios de apertura, xa que a cantina terá que permanecer aberta entre o 20 de xuño e o 11 de setembro e, como mínimo, entre as 15.00h. e as 21.00h. durante todo o período, así como os luns, mércores e venres das 11.00h. ás 14.00h. dos meses de xullo e agosto, xa que eses días hai cursos de natación polas mañás. Trátase de horarios mínimos que as licitadoras poderán ampliar, posto que é un criterio que os pregos valoran cun total de 20 puntos.

Outro compromiso que se deberá adquirir é o de manter as instalacións en perfecto estado de limpeza. Un requisito que só abrangue o espazo da cantina e os aseos comúns do recinto, posto que os vestiarios e o mantemento do vaso correrán por conta da empresa que xestione o servizo da piscina durante o verán. O Concello valorará ata con 20 puntos o apartado do plan de xestión e de hixiene, que non só se refire á limpeza das instalacións, senón tamén ao cumprimento exhaustivo da normativa en materia de manipulación e almacenamento de alimentos e ao establecemento dun sistema de control hixienico-sanitario.

A este respecto o Concello permite a venda de bebidas e refrescos, bocadillos, tapas e racións ou menús variados, que deberán especificar a súa composición e estar recollidos nunha lista de prezos e nunha carta redactada en galego, de acordo coa ordenanza de normalización lingüística. Os pregos inclúen como cuestión valorable con ata 20 puntos que se ofrezan produtos autóctonos comercializados no propio municipio. No referido á atención ao público, a convocatoria tamén marca a obrigatoriedade de dispensar un trato cordial ás persoas usuarias e de ter á súa disposición documentos de reclamación que, no caso de producirse, deberán ser comunicadas ao departamento municipal de Deportes.

O último aspecto valorable neste procedemento será o do canon que deberá satisfacer a empresa ou persoa autónoma adxudicataria da xestión. O Concello puxo como cifra mínima a cantidade de 100 euros e, a partir de aí, as candidaturas poderán subir o que consideren oportuno tendo en conta que este apartado suporá 40 puntos no total da valoración.

As ofertas técnicas e económicas poderán presentarse no Concello ata as 14.00h. do día 27 de maio. A documentación pode consultarse na Secretaría-Intervención ou ben descargarse desde a ligazón que hai ao pé desta noticia, onde se atopan os pregos da convocatoria e tamén a folla normalizada para presentar as propostas.

Documentación descargable:
Pregos e folla normalizada.

Share.