Aberto o prazo de matrícula na EIM A Rolada

0

O departamento municipal de Igualdade remitiu este venres as notificacións de concesión de praza ás familias que fixeron as preinscricións na Escola Infantil Municipal A Rolada para o curso 2018-2019. Unha vez a reciban -algunhas xa chegaron- terán un prazo de 15 días para formalizar a matrícula. Para iso deberase entregar cuberta a documentación esixida: o modelo de petición, a relación de servizos contratados e os anexos sobre distintas autorizacións. Ademais tamén fará falla achegar catro fotos de carné da nena ou neno, a copia da súa tarxeta sanitaria, un certificado médico, a copia da cartilla de vacinación e unha copia do documento de identidade das persoas autorizadas pola familia para recoller a crianza á saída da escola.

Para o curso 2018-2019 recibíronse 29 solicitudes, das que 15 son de reserva de praza -nenas e nenos que xa están este ano na EIM- e outras 14 de novo ingreso: 1 na unidade de 0 a 1 ano, 11 na unidade de 1 a 2 anos e 17 na de 2 a 3 anos, que ten completo o seu cupo.

A escola volve confirmar a súa condición de centro de referenza na zona xa que, en principio, acollerá 13 criaturas de San Sadurniño, 8 de Narón, 5 de Moeche, 1 de Neda, 1 de Cerdido e 1 de Valdoviño. Porén, esta distribución e o número total poden sufrir variacións, dado que hai familias que solicitan praza en varios centros ao mesmo tempo e logo, no período de confirmación, elixen o que se acomode máis ás súas necesidades.

En calquera caso, a día de hoxe a escola infantil de San Sadurniño aínda tería capacidade para outras 9 nenas e nenos máis. O centro ofrece un máximo de 38 prazas e, á espera de que se confirmen as solicitudes presentadas, quedarían dispoñibles como mínimo 7 prazas na unidade das crianzas máis pequeniñas (0-1 ano) e 2 prazas na de 1 a 2 anos.

Tal e como comentan desde o departamento de Igualdade e Servizos Sociais, estes números poden variar lixeiramente se algunha familia non formaliza finalmente a matrícula en San Sadurniño por ter obtido praza noutro centro que lle cadre mellor. Con todo, desde Igualdade apuntan que case con total seguridade haberá coincidencia entre o número de solicitudes previas e de matrículas confirmadas.

Ao remate do prazo de matriculación -15 días despois de recibir a notificación- saberase cantas vacantes quedan, que poderán solicitarse en calquera momento, incluso despois do comezo do curso. Neste sentido é habitual que nos meses de agosto e setembro se produzan novas solicitudes de incorporación, principalmente para a unidade de 0 a 1 ano.

Os impresos están dispoñibles tanto na escola infantil como na ligazón que hai algo máis abaixo. O trámite da matrícula debe facerse directamente na EIM. Tanto no centro como no Concello pode obterse máis información sobre o procedemento de matrícula ou os servizos de atención á infancia que se ofertan.

Modelo de solicitude de matrícula e anexos

Share.