Aberto o prazo de inscrición para o derradeiro mercado local do ano

0

O domingo 28 de outubro celebrarase nos xardíns municipais o último mercado local do ano. Cadrará en plena época de castañas e magostos, polo que volverá ser unha boa ocasión para atopar unha grande variedade de produtos de temporada, como son as propias castañas -que este ano seica van ir caras-, as noces, fabas, mel, os cogumelos, etc. Unha oferta que se xunta á habitual de alimentos transformados, planta, artesanía e artigos de segunda man. Ademais, a cita tamén contará con propostas de animación acaídas a este tempo.

Para participar no mercado é necesario entregar cuberta no Concello ou na Casa da Cultura a correspondente ficha de inscrición, dispoñible desde esta ligazón. A solicitude hai que cursala, como moi tarde, o mércores 24 de outubro, xa sexa presencialmente, por correo ordinario -Lugar do Casal 16, 15560 San Sadurniño- ou a través do correo electrónico agustin.perez@sansadurnino.gal.

Desde comezos deste ano, o Concello anima a cita engadíndolle música, teatro e outras actividades paralelas, que nesta ocasión terán moito que ver co tempo no que estamos. Así, de 11 a 12.00h. e de 13 a 14.00h. teremos teatro de rúa magosteiro con moito humor e o reparto gratuíto de castañas asadas entre todo o público asistente.

No medio da animación teatral -de 12.15 a 13.00h.- actuará a Banda de Gaitas do Padroado da Cultura de Narón e durante boa parte da mañá -das 11 ás 14.00h.- haberá xogos populares na cancha habilitada polo Concello no fondal dos xardíns, lugar que antano ocupaba a pista de tenis da marquesa.

En relación coa posta en valor do medio rural, cómpre lembrar que en vésperas do mercado -o venres 26 ás 18.30h.- a Casa da Xuventude acollerá a segunda charla do Outono agroecolóxico organizado polo Concello e A Cortiña. O público asistente manterá un encontro con Elia Rodríguez, impulsora canda Vicente Méndez da Finca das Fadegas, no concello mariñao de Ribadeo. O proxecto foi pioneiro no cultivo ecolóxico en Galicia -neste 2018 fai 40 anos- e chegou a converterse no seu medio de vida. Hoxe é unha filla da parella quen o xestiona canda outra socia.

Información descargable:
Bases e folla de inscrición no mercado (.odt)
Bases e folla de inscrición no mercado (.pdf)

Share.