Aberto o prazo de preinscrición nos campamentos deportivos da Deputación

0

A Deputación da Coruña volve convocar o programa de campamentos deportivos de verán, que se desenvolverá entre o 26 de xuño e o 29 de xullo repartidos en cinco quendas por agrupacións de concellos. Aínda faltan dous meses, pero é necesario ir facendo xa as solicitudes de inscrición para cumprir cos prazos que establece o ente provincial. A San Sadurniño correspondéronlle 3 prazas ás que poderá optar a rapazada de entre 9 e 14 anos para participar na quenda comprendida entre o 17 e o 22 de xullo. O prazo para botar a solicitude está xa aberto e finalizará o día 20 de maio e haberá que presentala na Casa da Cultura ou no rexistro municipal.

A actividade terá lugar nas instalacións do IES Rosalía Mera, na Coruña, e ten un custe de 85€ que se deberán facer efectivos unha vez que se teña confirmada a praza. Como ocorre noutras actividades provinciais, como por exemplo a campaña de esquí, a Deputación o que fai é contratar arredor de 400 prazas que logo se reparten entre todos os municipios seguindo principalmente criterios poboacionais.

Unha vez feita esta distribución, o organismo supramunicipal define un calendario con varias quendas para cada comarca, de maneira que se facilita a loxística e, ademais, tamén se consegue que a rapazada dunha área determinada participe toda xunta no campamento.

Os campamentos están destinados a nenos e nenas de entre 9 e 14 anos de idade -con data de nacemento comprendida entre o 1/1/2008 e o 31/12/2013- e desenvolveranse desde finais de xuño até finais de xullo en catro quendas de 5 días de duración cun cento de participantes en cada unha delas. San Sadurniño irá na cuarta -entre o 17 e o 22 de xullo- xunto co resto de municipios da zona, desde Ares ata Cariño.

Durante a súa estadía, a rapazada contará cun amplo programa de actividades lúdicas e deportivas, así como saídas para visitar monumentos e museos. O programa  complétase con veladas nocturnas nas que as nenas e nenos desenvolverán actividades e xogos que fomenten a convivencia e o intercambio de experiencias.

O último día para botar a solicitude na Casa da Cultura é o 20 de maio. San Sadurniño dispón de 3 vacantes para rapazada empadroada no municipio e se houbese máis peticións que prazas dispoñibles faríase un sorteo o día 24 de maio. Para obter máis información pódese contactar co técnico de Cultura polas mañás no 616 332 919 ou enviarlle un correo ao enderezo agustin.perez@sansadurnino.gal.

Folla de preinscrición 
Folla informativa

Share.