Aberto até o 19 de setembro o prazo de solicitude das bolsas escolares

0

Hoxe, luns 29 de agosto, abre oficialmente o período de solicitude das bolsas escolares do curso 2022-2023, destinadas a estudos obrigatorios e posobrigatorios, ademais de reservar unha partida para o ciclo de 2º de Educación Infantil. Os importes e os criterios para acceder ás bolsas son os mesmos que o ano pasado, coa diferencia de que neste aumentan os umbrais de renda e, polo tanto, serán máis as familias que poderán percibir as axudas. O importe total para distribuír ascende a 25.000 euros. A solicitude pode facerse presencialmente ou por vía electrónica ata o día 19 de setembro. 

A distribución dos 25.000 euros prevese da seguinte maneira: 10.750 para estudos obrigatorios, outros 10.750 euros para postobrigatorios, 1.500€ para 2º Ciclo de Educación Infantil (ao que só o Concello lle outorga axudas) e 2.000 euros de reserva para atender posibles situacións socioeconómicas especiais.

As contías máximas das axudas por solicitude son as mesmas que o ano pasado: ata 100 euros para 2º de Educación Infantil, 200 euros de tope por alumno/a en estudos obrigatorios e ata 800 no caso dos postobrigatorios.

O principal cambio é a ampliación dos umbrais de renda da unidade familiar, que pasan dos 9.000 aos 12.000 euros no caso de 2º de Educación Infantil e de 18.000 a 25.000 euros nas bolsas de estudos postobrigatorios.

Igual que o ano pasado, a achega para a formación obrigatoria seguirá vinculada co cheque para material que outorga a Xunta, de maneira que non está suxeita a xustificación perante o Concello de niveis de renda. Dito doutro modo, para obter a bolsa municipal de ata 200 euros (a contía final dependerá do número de solicitudes) abondará con presentar a documentación esixida nas bases acompañada da certificación expedida polo CPI conforme a nena ou neno é beneficiario do cheque autonómico.

As axudas poderán solicitarse desde o 29 de agosto ata o 19 de setembro, ambos días incluídos, na liña de que poidan resolverse e estar ingresadas nas primeiras semanas do curso, coincidindo co intre en que as familias deben facer un maior esforzo económico.

As bases da convocatoria e as follas de solicitude están dispoñibles na Sede Electrónica para facer o trámite en liña. Tamén se poden descargar nas ligazóns que hai ao pé desta nova, cubrilas e presentalas presencialmente no Concello.

Documentación descargable:
Bases
Anexo I
Anexo II
Anexo III

Share.