Aberto ata o 31 de xaneiro o prazo de solicitude das axudas do LEADER para 2023 e 2024

0

O pasado día 29 de decembro, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a convocatoria de subvencións para a execución de proxectos da medida Leader do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020, cun orzamento de 15,3 millóns de euros para as anualidades 2023 e 2024, cofinanciado nun 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), nun 2,5% pola Administración xeral do Estado e nun 22,5% pola Xunta. Trátase das axudas ás que poden optar persoas autónomas, empresas e outras entidades de natureza privada, ademais dos concellos dos territorios incluídos nos ámbitos xestionados por Grupos de Desenvolvemento Rural, como é o caso do GDR Seitura 22 na nosa comarca. As solicitudes poden presentarse até o 31 de xaneiro a través da nova plataforma XALEA habilitada pola Xunta para simplificar o trámite. Quen precise máis información, axuda coa solicitude ou asesoramento sobre como perfilar o seu proxecto pode contactar co GDR Seitura 22, que ten oficinas en Ferrol, Ortigueira e As Pontes.

No GDR Seitura 22 están integrados os 22 municipios -ademais do de Miño- que antes se dividían en territorio Costa Noroeste e Euroeume, as dúas entidades que xestionaron na zona o anterior periodo de fondos europeos FEADER. Esta entidade consituida en 2016 ten a encomenda de mediar entre as iniciativas públicas e privadas e a AGADER, como axencia encargada en último caso do desenvolvemento en Galicia do Leader 2014-2020.

A función de Seitura 22 é a de dinamizar, informar e tramitar os proxectos presentados, que poden ser produtivos e non produtivos. Nos primeiros, para os que se reserva o 75% do financiamento, encadraríase a iniciativa privada -pemes, persoas autónomas, etc.- e nos segundos, aos que se destina o 25% restante, entrarían as entidades públicas  e privadas non lucrativas con propostas de interese colectivo que non supoñan o desenvolvemento dunha actividade económica con finalidade lucrativa.

As bases reguladoras do programa apuntan a que del poderán beneficiarse persoas físicas e xurídicas que, no caso da iniciativa privada, han de ter a consideración de pequena empresa, é dicir, ter menos de 50 persoas empregadas e un volume de negocio anual inferior aos 10 millóns de euros.

Os investimentos que se queiran acoller ás axudas non poderán estar iniciados antes da solicitude, terán que estar localizados no territorio que abrangue o GDR, ser viables desde o punto de vista técnico e económico e ser finalistas, é dicir, que na data da xustificación final dos investimentos ou gastos subvencionados se cumpran os obxectivos para os que se aprobaron os proxectos. Non poderán subvencionarse, polo tanto, fases dun proxecto que non constitúa unha actividade finalista.

A prioridade na asignación de fondos  -609.150,71 euros para este ano e o que vén-  responderá ás necesidades de desenvolvento reflectidas no plan de acción de Seitura 22 para o conxunto do territorio, pero tamén a factores introducidos posteriormente pola AGADER nas sucesivas modificacións da normativa reguladora.

Nese plan figuran, entre outras actuacións produtivas, o apoio á creación, ampliación e mellora dos servizos comerciais nas zonas rurais; a dotación de servizos asistenciais dirixidos a colectivos desfavorecidos; os investimentos na mellora da mobilidade e acceso a servizos para persoas con discapacidade; os proxectos centrados na difusión do uso das TIC entre o tecido empresarial e social; o investimento en proxectos agrarios respectosos co medio, fundamentados na produción ecolóxica e nas variedades autóctonas; a promoción da eficiencia enerxética nas explotacións; as iniciativas que desenvolvan a función produtiva do monte; a valorización de producións complementarias como a micoloxía e os pequenos froitos; apoiar a transformación das producións locais e a súa adscrición a distintivos de calidade; a prestación de servizos turísticos especializados; o asesoramento ao emprendemento e a posta en marcha de espazos para as iniciativas empresariais… e así ata compoñer un documento con 30 paxinas de posibilidades potencialmente elixibles para seren financiadas.

A axuda para proxectos produtivos será de entre un 15 e un 50% do investimento total subvencionable, sen superar en ningún caso os 200.000 euros de achega. No caso dos non produtivos -os dirixidos principalmente a concellos e asociacións sen ánimo de lucro- poderían alcanzar os 50.000 e o 90% do investimento total subvencionable.

Entre os conceptos admisibles dentro da subvención estarían: a construción, merca e mellora de inmobles para o proxecto (máximo 50% do gasto subvencionable); a adquisición de terreos (ata o límite do 10% do gasto subvencionable); a compra de maquinaria e equipamento; os investimentos intanxibles -programas informáticos, webs…; os custos xerais vinculados aos gastos de investimento do proxecto, como son honorarios de persoal técnico ou de asesoramento (máximo 12% do custo subvencionable); os gastos notariais e rexistrais derivados do inicio da actividade, ademais da merca de patentes, licenzas, marcas rexistradas e dereitos de autoría (tope do 20% subvencionable) e, por último, os medios e equipamentos de transporte, segundo sexa a natureza do proxecto.

O periodo de solicitude das axudas para proxectos que entrarían no financiamento da anualidade de 2023 -cuxos fondos ascenden a 121.830,14 euros- e para a de 2024 -que dispón de 487.320,57- está aberto ata o 31 de xaneiro.  

As peticións deben presentarse por vía electrónica, algo que desde esta convocatoria se vai simplificar coa posta en marcha da plataforma XALEA, á que se accede desde desde a Sede Electrónica da Xunta ou desde a web da AGADER, onde tamén se atopa unha completa guía sobre o procedemento de solicitude.

Para obtermos máis información sobre a tramitación ou sobre como perfilar o noso proxecto podemos contactar co GDR Seitura 22 ou  acudir a algunha das tres oficinas do GDR Seitura 22 nos seguintes enderezos:

  • Ferrol: A Malata, s/n, Edificio de Usos Múltiples, 15405. Teléfono: 981 333 398  – info@seitura22.gal
  • Ortigueira:  R/ Reverendo Marquez Cortiñas, s/n, 15330. Teléfono: 654 364 174 – tecnico@seitura22.gal
  • As Pontes: R/ Juan Antonio Suanzes, s/n, Edificio CAP, 15320. Teléfono: 981 440 668 – seitura22@seitura22.gal

 

 

Share.