Aberto ata o 31 de marzo o período de solicitudes de praza de nova incorporación na EIM A Rolada

0

Unha vez rematado o período de reserva de praza na EIM A Rolada para o alumnado matriculado no presente curso, o Concello de San Sadurniño abre un novo prazo de quince días dirixido ás solicitudes de nova incorporación. Atendendo ás peticións de reserva rexistradas ata onte, o centro disporía de 8 prazas vacantes na unidade de 0 a 1 ano, 9 na de 1 a 2 anos e tan só 6 para a aula de 2 a 3 anos. As familias que desexen matricular as súas nenas e nenos na escola infantil por primeira vez teñen ata o 31 de marzo para presentar a documentación a través da Sede Electrónica Municipal ou presencialmente na oficina do rexistro. O Concello pídelles ás familias que no caso de facelo en persoa pasen antes pola escola para verificar que non falta ningún papel. No centro -981 490 369- tamén lles solventarán calquera dúbida sobre o trámite e ampliaranlles información sobre o servizo.

Os servizos da EIM A Rolada diríxense preferentemente a familias empadroadas no municipio con nenos e nenas de entre tres meses e tres anos de idade. Só no caso en que haxa vacantes poderá admitir alumnado doutros concellos priorizando aquelas familias que teñan o seu posto de traballo nunha empresa de San Sadurniño.

A escola dispón de 38 prazas distribuídas en tres unidades: 8 na de nenos e nenas de tres meses a un ano, 13 na de criaturas de un a dous anos e 17 na ocupada por cativería de entre dous e tres anos. Unha vez finalizado o período de reservas para o alumnado  matriculado este ano, o Concello conta xa con 15 peticións, de modo que, en principio, habería dispoñibles para novos ingresos un total de 23 prazas: as 8 da unidade de 0-1, 9 na de 1 a 2 anos e 6 na aula de 2 a 3.

O horario de apertura máximo é de 8 da mañá a 8 do serán de luns a venres e, dentro del, pódense elixir de catro a oito horas de atención educativa. Esta posibilidade ten, á súa vez, tres opcións: xornada completa, media xornada de mañá (9:00 a 13:00h) ou media xornada de tarde (15:00 a 19:00h).

Ás familias que precisen horas a maiores -sen superar as oito-, que deberán sinalarse nas solicitudes ou en calquera momento ao longo do curso, computaráselles como xornada completa.  A parte educativa complétase con servizo de comedor, actividades paralelas e extraescolares e con saídas e excursións dentro do horario de atención, como parte fundamental do currículo do centro.

O servizo de conciliación é gratuíto en canto a matrícula e custes de atención (non así os servizos complementarios como é o caso do comedor). Ademais, en cumprimento da orde autonómica de gratuidade, a Xunta subvenciona unha parte do mantemento e dos servizos educativos, mentres que o Concello asume a outra parte para garantir que a atención sexa realmente de balde para as familias.

A documentación que se deberá presentar pode recollerse na EIM A Rolada. Recoméndase pasar polo centro para verificar que non falta ningún papel antes de rexistralo no Concello, xa sexa presencialmente ou a través da Sede electrónica, onde tamén está habilitado o correspondente procedemento en liña.

Documentación 
Acceso ao procedemento na Sede Electrónica (só para quen desexe facer a solicitude en liña con certificado dixital ou descargar os impresos)
Modelo de solicitude de praza
Regulamento de funcionamento
Ordenanza fiscal

Share.