Abel Vega, documentalista

0

Para poñernos ao día nas reseñas semanais do Chanfaina ‘Lab, temos que publicar antes das 18.00h. de hoxe a correspondente ao venres pasado, protagonizada por Abel Vega e a súa curta documental “Cando roxe o formigueiro”. Este veciño de Igrexafeita -albanel retirado- marca un alto na súa traxectoria de narracións etnográficas para ofrecernos unh espectáculo inquedante por momentos no que bota man do seu saber para mostrar a complexidade social das formigas e homenaxear o filme protagonizado por Charlton Heston. Armado “cunha cámara do Alcampo que me costou 99 euros” o realizador amador rubrica unha obra  que engancha de principio a fin malia non dispoñer dos medios técnicos dos que goza David Attemborough. En vez diso, Abel  válese da súa espontaneidade, desa mirada limpa e do “amor co que describe praceres e vivencias de forma inocente e fascinante”, tal e como dixo del o director Óliver Laxe, admirador declarado da obra e do propio Vega. Outro admirador seu, o profesor Manolo González, resume a estrea e fala do director nun interesante artigo en Fálame de San Sadurniño:

O veciño de Igrexafeita Abel Vega xa nos sorprendera nas últimas edicións do Chanfaina Lab coas súas creacións audiovisuais. Abel traballou arreo durante toda a vida como albanel, mais unha enfermidade laboral apartouno do seu oficio. Inquedo e activo, cunha curiosidade sen límite, aos seus 60 anos, segue a vivir unha segunda xuventude. Como él mesmo afirma con humor, agora dispón de tempo para atender ás catro galiñas da casa, colaborar no que pode coa Asociación veciñal Adiante Igrexafeita, tocar o acordeón e gravar vídeos con vocación didáctica, nos que mira coa cámara todo o que lle resulta familiar, en definitiva, todo canto o envolve. Aprendemos con el a facer pan, descubrimos os muíños de Igrexafeita, as pedras do Forgoselo ou as fervenzas do Río Castro, imaxes e sons que perpetúan a memoria local tanto a nivel patrimonial como etnográfico. Podes ver algúns dos seus filmes en Fálame de San Sadurniño para comprobar o seu amor polos fermosos recunchos da paisaxe humana e natural da súa matria da infancia, a querida parroquia de Igrexafeita e tamén da Serra do Forgoselo da que é un auténtico erudito.

Nesta edición, Abel quixo mudar de rexistro. En lugar de facer as videocartografías da parroquia ás que nos ten acostumados, pretendeu afondar na vida dos animais mais pequeniños do seu entorno despois dun tempo cavilando sobre o tema do seu filme: “Deille moitas voltas ao que ía facer este ano, e quixen cambiar o meu estilo. Un día fun coa muller ata o Forgoselo para coller setas, mais eu andaba un pouco fastidiado e quedei na pista. A cinco metros había un formigueiro e estaba a pasar unha formiga que transportaba un enorme grilo morto. Viña polo carreiro, camiñando con moita dificultade, pero o que me chamou a atención foi que, deseguida apareceron dúas formigas máis para axudala, porque case non podía con animal. As tres foron loitando co grilo ata chegar á “casa”. Era incrible ver que animais tan pequenos fulminan a outros que lle dobran en tamaño para ter garantida a despensa no inverno. Debín botar alí, pasmado, máis de media hora. Entón foi cando pensei, ben podería facer un vídeo desto”. Así que Abel agarrou a súa “cámara do Alcampo que me custou 99 euros” e a ratos foi localizando e gravando a vida salvaxe dun formigueiro, nun tempo de gravación total que calcula en “máis de dous días enteiros”

“Cando ruxe o formigueiro” é un documental apaixoante que engancha de principio a fin; realizado ao xeito clásico, cun off “abeliano” no que amosa a complexidade social das formigas, un microcosmos ao que normalmente non lle prestamos atención cando andamos polo monte. O cineasta de Igrexafeita válese da súa espontaneidade, desa mirada limpa e do “amor co que describe praceres e vivencias de forma inocente e fascinante”, tal e como dixo del o director Óliver Laxe, admirador declarado da obra e do propio Vega. Este veciño bo e xeneroso, comprometido coa memoria e transmisión cultural do seu xeito de vida insiste en que vexamos o seu documental como unha metáfora da vida: “Recomendaríalle a quen se encontre un formigueiro, que se pare a miralo e se marabille do ben organizadas que están, porque é todo un espectáculo velas traballar. Como choian todas no mesmo sentido para non pasar necesidades no inverno e cómo axudan a eliminar os pequenos insectos da natureza.” Reflectir a autenticidade e a verdade: este é o obxectivo deste veterano sen complexos e decidido a participar no Chanfaina Lab ata que o corpo aguante. A cabeza non lle para: “En realidade xa teño case decidido o asunto que vou facer o ano que ven, estoulle a dar voltas para ver cómo fago”.

Share.