“ABatida”, de Anxos Fazáns, tira poesía de onde semella non habela

0

A poesía é o principal sustento sonoro de “Abatida”, filmado en Super-8 por Anxos Fazáns. A realizadora pontevedresa acaba de estrear con éxito a súa primeira longa e no Chanfaina ‘Lab quixo reflectir o amor e o desamor xunto co marcado contraste entre o urbano e o rural, tan próximos en Galicia e, ao mesmo tempo, tan afastados. Unha batida de caza en Santa Mariña do Monte e as evolucións dun can rastrexando a presa no medio da maleza sonlle suficientes elementos para construír este haiku visual que non deixa a ninguén indiferente. Da peza fala o profesor Manolo González na páxina de Fálame de San Sadurniño.

Anxos Fazáns (Pontevedra, 1992). Graduouse en Comunicación Audiovisual pola UVigo e posteriormente estuda o Máster de Dirección de Cine na ESCAC. Continúa complementando a súa formación con diferentes cursos, seminarios e obradoiros. Traballa todo canto pode como axudante de dirección, segunda axudante e script en diferentes curtas e longametraxes. Ademais escribe, dirixe e edita os seus propios proxectos en diferentes formatos. Destacan as curtametraxes “Direcciones”“Nacer en Septiembre” e “Area”, seleccionadas no Festival de Cans ou Zinebi entre outros; os videoclips para bandas galegas como Pelusa e os Vacalouras ou a webserie “Fame” , gañadora do Premio á mellor webserie en lingua galega no Carballo Interplay 2015. Aos seus 25 anos vén de rematar a súa primeira longametraxe de ficción:“A Estación Violenta” que se está a proxectar nestes días nas salas cinematográficas do estado.

Anxos achegouse a San Sadurniño acompañada por Nuria Vil, filóloga, poeta e activa axitadora da “Asociación 85C de mulleres artistas”. As dúas mozas viñeron ata o Chanfaina Lab un pouco á aventura, sen unha idea clara do que ían facer: “Quixen colaborar coa poeta Nuria Vil e construír unha peza na que a poesía e a imaxe fosen da man, sen que ningunha das dúas destacase por riba da outra. Tiña que ser polo tanto unha experiencia compartida e de descubrimento. Non comezamos cun texto en mente, senón que nos achegamos ata San Sadurniño para ver a onde nos levaba. Os ladridos duns cans chamaron a nosa atención, falamos co seu dono, eran cans de caza. Nun impulso preguntamos cando ían de caza, como e con quen. Seguimos o rastro ata lograr unirnos á seguinte batida de xabaril. Atraeunos o descoñecido, o diferente, o poucas veces retratado. Xurdíronos moitas preguntas entorno ás ideas previas que cada unha tiña da caza e decidimos descubrilo dende dentro. A sensación de curiosidade e certa proximidade ao perigo resultounos fondamente poética.Queriamos violencia, non simbólica, senón sangue, vísceras e persoas con ollos escuros e baixos que non fosen quen de manter a mirada. Atopamos xusto o contrario (con algunha excepción, coma sempre). Non sei se alguén entenderá que non sentimos impacto de máis, pasados 5 minutos, estando nun grupo de vinte homes armados, se será complicado comprender que sentimos o desexo de ver morrer o xabaril, cando menos de escoitar disparos próximos e unha certa sensación de perigo. Aqueles cazadores pintaban no chan con xiz o cerco quilométrico do xabaril e o punto exacto onde cortar o rastro. Doris, adestrada, ladraba constantemente para ventar. Ceibábana a 8 metros exactos de corda apenas tensa. Non morreu nada aquel setembro, pero nós si aprendemos a trazar unha estratexia de busca, o mesmo cós cazadores do animal, dalgunha ferida xa esquecida na memoria. Non morreu nada aquel setembro, mais eu comecei a asasinar certos recordos borrosos e a deixar ceibos outros desexos que desacordara.”

“ABatida” é pois un videopoema compartido, un haiku visual, construído a partires de sensacións agromadas nunha batida de caza, na que a nerviosa procura da cadela Doris pola natureza salvaxe de Santa Mariña do Monte, nos serve de fío para reflectir os universos persoais das cineastas, como os latexos da cidade que enxergan os versos de amor, desamor e vinganza. A cineasta pontevedresa mantense fiel ao seu estilo visual a base de planos curtos, pegañentos e por veces salvaxes, que evolucionan nun aparente caos: “Esta é unha peza de experimentación e de busca, un proceso de encontro entre a palabra e a imaxe, un choque co noso lado animal, impulsivo e salvaxe. Un pequeno espazo no que todo o erróneo se converte en poético. Sucidade, axilidade, rabia e tensión.” Así pois, invitámosvos a deixarvos levar polo “mapa inesperado de sensacións” compartidas por unha cineasta e unha poeta; e de paso, recomendamos que non deixedes de ver estes días nas salas de cinema “A estación violenta”, a primeira longametraxe de Anxos Fazáns. É a persoa máis nova que acada un fito similar -estrear comercialmente unha longametraxe- na historia do audiovisual galego.

Share.