A XXVI Feira da Plantación supera todas as marcas de asistencia

0

Tralo exitoso cambio en 2022 da Feira da Plantación para a beira do Xubia, o Concello de San Sadurniño pensaba que o evento pouco máis podía medrar en público e vendas. Enganouse. E é que a edición deste 2023 superou todas as expectativas. Desde primeiras horas da mañá houbo centos de persoas á procura de planta e outros produtos e, a diferenza de citas anteriores, tamén pola tarde se notou moito movemento polos sendeiros da Cortiña. A iso contribuíron varios factores, aínda que se cadra os máis destacables foron o da coincidencia da feira en véspera de festivo, o bo tempo e tamén o feito de celebrar a feira nun espazo que se presta para pasar o día en familia… e facendo compra.

O concelleiro de Desenvolvemento Local, Manolo Varela, facía a última hora da tarde unha valoración “inmellorable” sobre como se desenvolveu o evento, onde a única nota negativa foron as retencións de tráfico que se produciron a media mañá -houbo colas ata a saída da AG-64-, que ademais obrigaron ao Concello a ampliar o espazo de aparcadoiro.

Polo demais, segundo Varela, a feira foi “apoteósica” tanto pola afluencia de visitantes como por como lle foi aos puntos de venda ao longo do día. Para o edil unha das claves foi o cambio de espazo en 2022 (antes celebrábase ao pé do colexio público) que, asegurou o concelleiro, “foi un acerto total”, dado que a beira do Xubia “é un sitio moi agradable”, ademais de amplo. Neste sentido Varela mostrouse sorprendido polo crecemento dunha cita sobre a que o seu departamento tiña boas expectativas “porque o ano pasado foi moi boa e tiñamos dúbidas sobre se podía mellorarse, e mellorouse”.

O Concello aproveitou a feira para presentar o proxecto “Terra de vida”, que a partir de xuño ofrecerá visitas guiadas e obradoiros polos espazos naturais do paseo fluvial, o arboreto, a horta de froiteiras e os xardíns municipais, coa finalidade de poñer en valor os seus recursos turísticos, ambientais e económicos vinculados coa agroecoloxía, algo que tamén perseguen as dúas grandes feiras anuais que se celebran na contorna.

Sobre o resultado económico é imposible dar cifras. Manolo Varela limitouse a comentar o que lle trasladaron os expositores: “falas cos postos e din que é unha feira na que se vende”. E debe ser certo, xa que ao mediodía algúns deles esgotaran existencias e outros tiveron que ir buscar máis, principalmente planta para horta. José Luís Sanjurjo, de Bardaos e un dos históricos das feiras sadurniñesas e de toda a volta, destacou que a xente viñera xa desde primeira mañá buscando “pemento, moita berenxena, moito cabaciño e tamén moito tomate variado, non o roxo de sempre”. El tamén fixo unha valoración positiva da feira, destacando a idoneidade da ribeira do Xubia para este tipo de eventos, tendo en conta que a mañá “foi unha invasión” de xente paseando e facendo compra.

Alén da planta de horta tamén tiveron boa saída os produtos alimentarios, como o pan, as empanadas -houbo quen xa as comeu á sombra-, as galletas Maruxas -que presentaron como novidade as bañadas en chocolate- e o produto lácteo. Javier Graña, de Queixos Brigantia, destacou o constante ir e vir de público que, ademais, “viña comprar”. Cristina Pérez, da granxa Lourán (As Restrebas, Monfero), achegábase á feira de San Sadurniño por primeira vez para vender unicamente requeixo. “Houbo moita xente, sobre todo pola mañá, e moita venda. Son case as sete da tarde e estamos vendendo os últimos botes”.

Porén, o produto estrela da Feira da Plantación son as plantas de temporada e as froiteiras. José Horjales, do viveiro local A Casa da Planta asegurou que se vendera “máis que o ano pasado” e suxeriu como mellora de cara a próximas edicións habilitar “unha pequena zona de carga, porque hai xente que leva moita cousa e voluminosa”

Micaela Campanini, de Viveiros Flor Galicia e Herbas de Caaveiro, cualificaba a edición deste ano como “espectacular” por tanto público e porque tivese “moita gana de comprar”. Tal e como comentou, os produtos que mellor se venderon foron a albáfega en canto a herbas aromáticas e “as cousas coridas e que duren moito tempo” en canto a flor. Campanini tamén valorou o cambio de situación da feira: “a xente aproveita para comprar planta e dar un paseo… este sitio está moito mellor”.

Viveiros Rey -outro dos habituais- describiu a xornada como “incrible” por público e por vendas. “Esta feira atrae xente con gana de comprar. Saben que hai ofertas e tamén novidades que os viveiros gardamos para esta feira en concreto, e a xente  vén a tiro fixo. Compran o que lles interesa ou nun posto ou noutro e despois aproveitan para pasar o día en San Sadurniño, ademais de que hoxe fai un día estupendo”, explica Alicia Cabrera, apuntando que as preferencias foran pola planta de temporada como os  “xeranios, sufinias… e sorprendeunos este ano a saída dos hibiscus e plantas de interior. Non sei o que pasou, pero foi para nós a estrela.

No referido a árbores, sobre todo froiteiras, Ramiro Martínez, de Viveiros O Pomariño, explicaba pouco antes da clausura que o público “viña buscando un pouco de todo”, pero que no seu caso tiveran boa saída as maceiras e que “tamén se vendeu moita cerdeira”.

San Sadurniño pecha así unha exitosa XXVI Feira da Plantación que ofreceu moitos outros atractivos, como obradoiros para a rapazada e persoas adultas, música, espazo para xantar polbo e churrasco, sorteos e a tradicional entrega gratuíta de bolsiñas con flor para plantar doada por Vivergal. Este ano o Concello trasladou ao fondo do recinto o punto de información e de recollida do agasallo floral, co obxectivo de que o público se distribuise dunha maneira máis homoxénea polo espazo. Todo un acerto que tamén se traduciu en mellores vendas para os postos. O esquema repetirase na próxima cita: a Feira Rural de finais de agosto.

Share.