A XX Marcha Ciclista Ferrolterra pasa este domingo por San Sadurniño

0

O Club Ciclista Ferrol ten practicamente cuberto o cupo de participación para a XX Marcha Ciclista Ferrolterra que na mañá do domingo percorrerá as estradas da comarca entre Ferrol e Cariño. As bicicletas empezarán a rodar na Malata ás 9 da mañá, chegarán ao avituallamento sobre as 11.30h. e está previsto que pasen por San Sadurniño cando veñan de volta, a iso das 13.25h. 

A XX Marcha Ciclista a Ferrolterra partirá de Ferrol, tirará para Valdoviño polo Val e despois continuará ata Cedeira, onde se ofrecerá un tramo libre de subida á Garita de Herbeira. Desde alí os e as ciclistas baixarán a Cariño para o avituallamento de media mañá -sobre as 11.30h.- e, refeito o grupo, retomarase a marcha ata Mera e emprenderase a volta pola estrada de Ortigueira.

Pasarán polo Campo do Hospital e despois, á altura do lugar da Barqueira, en Cerdido, torcerán á esquerda para tirar cara ás Somozas. Logo tomarán a AC-4902 con destino a Moeche, onde conectarán de novo coa AC-862.

O rutómetro indica que o paso por San Sadurniño se producirá entre as 13.20 e as 13.30h. seguindo o trazado da AC-862. No Casal a marcha encamiñarase a Pedroso, logo á Carreira, despois circularán polo Río do Pozo, o alto da Bailadora, Serantes, Ferrol e, de novo, A Malata, onde está previsto finalizar a roda sobre as 14.30h.

Cómpre ter en conta que se trata dunha marcha, non dunha carreira e, polo tanto, o ritmo marcarao a organización, que estipulou unha media para todo o percorrido duns 25km/h. O grupo irá neutralizado e o tráfico non se cortará, aínda que si estará restrinxido nos momentos e lugares polos que vaia pasando.

O club ciclista limitou as inscricións a 200, que se poden formalizar ata as 14.00h. deste venres.

Share.