A Xunta só actuará na mellora da AC-862 entre a saída do Outeiro e a entrada en Riboira

0

Secundino García e mailo concelleiro de Servizos, Tomás Calvo, mantiveron este luns un encontro en Santiago co responsable da Axencia Galega de Infraestruturas para coñeceren os detalles do proxecto de mellora da seguridade e de ampliación da capacidade da AC-862 entre San Sadurniño e Ponte Mera. Un programa licitado o ano pasado que contempla investir arredor de 10 millóns de euros ao longo de 27 quilómetros de trazado rectificando curvas, creando novos carrís para vehículos lentos, renovando firmes ou o cambiando a sinalización. Porén eses traballos non se farán en todo o percorrido, senón que as actuacións se centrarán en zonas concretas. Na xuntanza deste luns -solicitada polo goberno local en agosto pasado- o director da AXI, Francisco Menéndez, avanzou que no caso de San Sadurniño só está previsto intervir no tramo comprendido entre a saída do Outeiro e a entrada en Riboira cun ancheado da estrada pola súa marxe esquerda que permita facer un segundo carril de subida. Do proxecto quedan fóra, polo tanto, o centro urbano e tamén o tapón formado pola ponte da vía do tren á saída de Riboira.

O alcalde lamentou que a AXI e a empresa adxudicataria da redacción do proxecto obviasen o “ofrecemento de colaboración” por parte do Concello de cara a definir melloras “que respondan ás necesidades de mobilidade e de seguridade”. De feito, nunha carta remitida á axencia hai case un ano, o executivo local brindábase a detallar todos aqueles aspectos que puidesen contribuír a unha redacción final do proxecto máis acaída á realidade, sobre todo no tocante ao tramo urbano da estrada e á súa conexión tanto con Marqués de Figueroa como coa vía provincial que vai cara a Ferreira desde a rotonda do Casal.

Once meses despois, e xa co proxecto redactado “que non incorpora ningunha posible achega municipal” -comenta Secundino García-, a Axencia Galega de Infraestruturas citou para onte ao mediodía aos dous representantes do Concello para expoñerlles o alcance das actuacións previstas. Neste sentido, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade levará a cabo unha modificación do tramo da estrada de Ortigueira comprendido entre o cruzamento de acceso ao campo dos Currás e xusto antes de chegar ao lugar de Riboira, en Lamas.

Dos 9 quilómetros que pasan por territorio de San Sadurniño só se actuará na mellora da seguridade nese segmento concreto, duns 1.800 metros de lonxitude. Neles farase unha ampliación da calzada pola marxe esquerda -en sentido subida- renovándolle o firme e dotándoa dun carril pola dereita para tráfico lento. O proxecto de obra recolle o enlace coa pista que leva ao campo de fútbol, pero non fala de solucións que melloren a seguridade no entramado de cruzamentos que hai en Riboira “nin tampouco do tapón que supón a ponte elevada do tren”, explica o alcalde.

A Xunta abrirá proximamente o prazo de exposición pública de todo o plan, que levará aparellado un proceso expropiatorio dos anacos de leiras afectadas pola ampliación, montes na súa maior parte. Deste xeito estímase que toda a tramitación administrativa aínda se demorará varios meses, aínda que a Consellería calcula que as obras poderían comezar no prazo dun ano.

Estado do plan para a vía de alta capacidade
O encontro mantido co responsable da Axencia Galega de Infraestruturas tamén se aproveitou para falar das previsións en canto á actualización do proxecto da Vía de Alta Capacidade da Costa Norte, cuxo primeiro tramo é a unión da AG-64, en San Sadurniño, co lugar da Sanguiñeira, en Bardaos.

A redacción do estudo informativo e impacto ambiental, así como do proxecto construtivo, adxudicóuselle á UTE formada por Fhecor Ingenieros Consultores S.A. e G.O.C. S.A. e, na práctica, supón “comezar desde cero unha infraestrutura da que levamos falando máis de vinte anos e que xa acumula máis dunha década de retraso”, comenta Secundino García.

O novo proceso deixa en nada todo o que se prevía ata agora -trazados, expropiacións, etc.- aínda que, segundo puideron saber Secundino García e Tomás Calvo -responsable da área de Servizos-, todo apunta a que, no caso de San Sadurniño, só se variará a conexión coa autovía Ferrol-Vilalba e o itinerario ata cruzar o río Xubia, mantendo o resto do trazado que xa estaba contemplado no anterior proxecto até a Sanguiñeira. En calquera caso, o alcalde lembra que tan pronto como estea rematada a redacción a Xunta deberá abrir un prazo de exposición pública  “no que tanto o Concello como o resto da veciñanza poderemos achegar as alegacións que estimemos oportunas”.

Share.