A Xunta saca unha nova liña de axudas para a mellora de terrazas desde o 1 de outubro

0

A Xunta de Galicia publicou no último mes tres convocatorias de axudas dirixidas a persoas autónomas, microempresas e hostalaría coa finalidade de axudarlles a paliar os efectos económicos da pandemia. Trátase de catro liñas que son compatibles entre si e que, ademais, tamén o serán coas liñas doutras administracións (agás as de adaptación de terrazas), como por exemplo as abertas polo Concello e a Deputación a través do PEL-Reactiva. A máis recente, do xoves pasado, está orientada a sufragar os gastos efectuados desde o 1 de outubro para a adaptación de terrazas en establecementos hostaleiros, así como para a merca de elementos de envasado e empaquetado necesarios para ofrecer o servizo de consumo en domicilio. Para ver en detalle os requisitos pódese acudir aos Diarios Oficiais de Galicia do 18 e do 27 de novembro e do 3 de decembro, ou entrar na web www.oficinadoautonomo.gal. Tamén se pode contactar co 900 815 600 ou co técnico de Desenvolvemento local -981 490 027 / ignacio.fernandez@sansadurnino.gal- para solventar calquera dúbida ou pedir que nos bote unha man coa solicitude, que debe facerse a través da Sede Electrónica da Xunta.

Ata o 28 de febreiro: Axudas para adaptación de terrazas e merca de elementos de envasado ou empaquetado para servizo a domicilio
A última das convocatorias publicadas pola Xunta -saiu no DOG do 3 de decembro– refírese aos custes de adaptación ás novas esixencias preventivas das terrazas dos establecementos hostaleiros, ademais de sufragar a compra de elementos necesarios para ofrecer o servizo a domicilio.

Neste caso poderán acollerse ás axudas as pequenas e medianas empresas (PEMES) do sector que exerzan a súa actividade en Galicia, dadas de alta como restaurantes, cafetarías, bares, salóns de banquetes ou en calquera das epígrafes que se relacionan na propia orde. Ponse como condición a obriga de manter durante tres anos os investimentos que se beneficien das axudas.

Cómpre ter en conta, ademais, que estas serán incompatibles con outras achegas económicas públicas destinadas ás mesmas actuacións. Por este motivo, se se solicitou tamén a do Concello-Deputación do PEL Reactiva, débese mirar que os conceptos non sexan coincidentes ou, de selo, que estes se efectuasen até o 30 de setembro deste ano.

E é que esta liña da Xunta subvencionará unicamente aqueles gastos e investimentos realizados a partir do 1 de outubro de 2020. Entre eles están: a instalación de peches estables e elementos que sirvan de illamento, acoutamento do perímetro ou protección, colocación de toldos, biombos, cortaventos, parasoles e tarimas. Tamén entraría a adecuación estética e a mellora da funcionalidade da terraza renovando mobiliario, instalando calefactores ou iluminación e mesmo actuacións na fachada do local para integrar ou facer máis atractiva a súa imaxe. Por outra banda tamén se subvenciona a compra de elementos sustentables de envasado e empaquetado de comida e bebidas para o servizos de entrega a domicilio ou de recollida no establecemento.

A achega será do 80% do concepto subvencionable e o mínimo que se debe pedir por solicitude son 1.500 euros. O tope da axuda será de 14.000 € para o acondicionamento de terrazas, de 7.000€ para o equipamento e estética das mesmas e de 4.000 para a merca de elementos de empaquetado.
Ata o 18 de decembro: Programa de rescate para persoas autónomas
As persoas beneficiarias poderán ser as autónomas e autónomos con e sen persoal contratado ao seu cargo que estean dados de alta no Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA) ou no Réxime do Mar como traballadores por conta propia, incluídas as persoas autónomas societarias. Será obrigatorio que teñan o domicilio fiscal en Galicia e que se lles recoñecese o cesamento ordinario ou extraordinario de actividade regulado no Real Decreto Lei 30/2020, de 29 de setembro, de medidas sociais en defensa do emprego.

As persoas traballadoras por conta propia que cumpran con estes requisitos e que pertenzan a calquera tipo de actividade económica poderán optar a un pagamento único de 1.200 euros (non é preciso xustificar gastos). Esta contía incrementarase ata os 2.000 euros para os autónomos de sectores ou actividades económicas especialmente paralizadas cuxos códigos na Clasificación Nacional de Actividades Económicas (CNAE) se especifican no DOG do 18 de novembro.

Estas axudas non serán acumulables  -se se percibe a de 2.000 non se poderá percibir a de 1.200- pero si serán compatibles coas destinadas a microempresas e para a hostalaría. É dicir, unha persoa autónoma que teña un bar poderá percibir esta axuda e, ademais, acollerse tamén á específica para o seu sector, incluso á de microempresas se a súa fórmula de negocio ten esa consideración legal.

Ata o 28 de decembro: Axudas a microempresas e hostalaría
As microempresas, persoas autónomas con persoal contratado por conta allea ao seu cargo e tamén as PEMES de sectores especialmente paralizados poderán percibir 4.000 € pagadeiros en dúas veces -2.000 en 2020 e 2.000 en 2021-, ou ben 5.000€  divididos en 2.500 este ano e 2.500 o que vén, sempre que, neste último caso, se encontren entre as actividades especialmente paralizadas que se sinalan no DOG.

Hai tres requisitos obrigatorios: ter domicilio fiscal en Galicia, que as empresas e autónomos con persoal a cargo teñan ou tivesen autorizado un ERTE por causa da crise sanitaria desde marzo e, ademais, que visen reducida a súa facturación polo menos o 45% durante este ano (comparando os tres primeiros trimestres de 2020 con toda a facturación de 2019). Será obrigatorio tamén o mantemento da actividade durante os próximos 6 meses.

Este primeiro programa considera actividades especialmente paralizadas (5.000€ de axuda) o lecer nocturno -discotecas, pubs, salas de festas, salas de concertos e outros asimilables-, e tamén outros negocios que se viron afectados -segundo os códigos CNAE publicados no DOG do 27 de novembro-, como por exemplo taxis, axencias de viaxes, empresas de cátering, operadoras turísticas, organizadoras e eventos e feiras, artes escénicas e actividades auxiliares, xestión de salas de espectáculos, cines…

O segundo programa diríxese á hostalaría -bares, restaurantes, hoteis, aloxamentos…- cuxa actividade se vise obrigada a pechar por algún dos decretos da Xunta ou por pertencer a municipios afectados por peches perimetrais.

Percibirán 1.500€ por mes de paralización da actividade (sen consumo no interior ou nas terrazas) contando desde outubro. Fará falla que esa circunstancia se dea durante un mínimo de dúas semanas e, no caso de ser só por ese tempo mínimo, o importe da axuda reduciríase proporcionalmente (750€). Se teñen 10 ou máis persoas traballando no local, a contía sobe até os 2.000 €. As axudas son por establecemento, de maneira que unha empresaria ou empresario con máis dun local poderá solicitar a subvención para cada un deles.

 

Quen cumpra os requisitos, que solicite xa mesmo
Desde Desenvolvemento local recórdase que todas estas axudas da Xunta se convocaron en concorrencia non competitiva e iranse outorgando por orde de entrada a todas aquelas que cumpran os requisitos. É moi importante solicitalas o antes posible en previsión de que o crédito dispoñible non chegue para atender todas as peticións con dereito a elas.

Share.