A Xunta repite para Fin de ano a estratexia preventiva de Noiteboa e o Nadal

0

O Comité clínico da Xunta compareceu a primeira hora da mañá en rolda de prensa para informar da situación epidemiolóxica e da carga hospitalaria que existe en Galicia neste momento, así como das variacións no nivel de restricións en determinados concellos. Na intervención indicouse que Galicia se encontra nun nivel “estable” en canto a contaxios e incidiuse en que se debe manter a prudencia, dado que na estatística da COVID-19 aínda non entraron as posibles repuntas de contaxios que puidesen producirse durante a Noiteboa e o Nadal. Neste sentido, desde a Xunta mantense a recomendación de que de cara á Noitevella e o Aninovo as reunións familiares se limiten só a convivintes ou, como máximo, a dúas unidades familiares, co tope de 10 persoas. Se excepcionalmente se reunisen máis de dúas unidades de convivencia non se poderán sobrepasar as 6 persoas -sen contar rapazada de ata 10 anos- e en ningún caso exceder as 10 persoas. En canto á mobilidade, a Xunta mantén o esquema aplicado nas datas festivas de hai uns días, abrindo unha fiestra temporal  desde as 00.00h. deste mércores 30 até as 23.00h. do venres 1 de xaneiro na que se permitirá a mobilidade de entrada ou saída en territorios con peches perimetrais, como é o caso das Pontes e da améndoa conxunta formada por Narón e Ferrol. Iso si, o conselleiro aclarou que as persoas que se despracen aos domicilios de familiares durante ese tempo deberán estar de volta nos seus domicilios ás 23.00h. do día 1. Ademais, na noite do 31 ao 1 o toque de queda iniciarase ás 01.30h., co obxectivo de que as familias poidan regresar á casa sen apuro despois da cea de Ano vello. Polo demais, as recomendacións son as mesmas que xa deberon poñer en práctica a semana pasada. 

Todo está recollido no protocolo específico que se pode descargar da web do SERGAS. O máis destacado é o seguinte:

  • Recoméndase a celebración das ceas da Noitevella e os xantares de Aninovo só con persoas convivintes entendendo como tales ás persoas que viven habitualmente no mesmo domicilio. De celebrarse reunións con persoas non convivintes, recoméndase realizalas, de ser posible, en espazos abertos ou exteriores, minimizando o tempo da reunión e sempre preservando a distancia de seguridade, a hixiene de mans e o uso axeitado da máscara.
  • Non se superará un máximo de dúas unidades de convivencia (entendéndose como tales as unidades compostas por convivintes no mesmo domicilio). Neste caso, o número de persoas que se poderan reunir será de 10.
  • No caso de que se reúnan dúas unidades de convivencia recoméndase, de ser o caso, priorizar as unidades unipersoais, para evitar situacións de soidade non desexada. Se, en último extremo, se reúnen máis de dúas unidades de convivencia, o número máximo de persoas que se poderán reunir, incluíndo os nenos menores de 10 anos será tamén de 10. (6 maiores e 4 nenas/os ata 10 anos)
  • A celebración de ceas e comidas realizarase  nunha mesa o suficientemente grande para que permita o mantemento da distancia de seguridade de 1,5 metros entre as persoas. Ademais, non se compartirán alimentos (canapés, ensaladas, salsas, etc.), procurando que sexa só unha persoa a que poña e quite a mesa e atenda ao resto de comensais, previa desinfección das mans. Evitarase o contacto físico -estreitar a man, bicos, apertas…- e tamén falar alto e cantar (para isto pode ser útil manter a música ambiental, no seu caso, nun volume baixo). Ventilarase adecuadamente a estancia e tentarase  reducir o tempo de celebración de comidas e ceas.
  • inicio do toque de queda na noite do 31 ao 1 fixouse nas 1.30h., co que se amplía a marxe para cear sen présas en Ano vello e ter tempo suficiente para regresar ao domicilio tralas uvas e a sobremesa.

O Comité clínico da Xunta variou o nivel de restrición en varios concellos, aínda que os que temos máis próximos con peches perimetrais seguirán como están polo menos outra semana máis, posto que aínda non baixaron da ratio de 100 casos confirmados por cada 100.000 habitantes nos últimos 14 días.

Con todo, no municipio das Pontes e no perímetro conxunto de Ferrol e Narón a hostalaría poderá abrir o día 31 até as 18.00h. e o día 1 a partir das 11.00h., mantendo as limitacións de aforo que lles son de aplicación. Ademais, igual que ocorrera na Noiteboa e no Nadal, permitirase a mobilidade de entrada e saída para a celebración de xuntanzas familiares  desde as 00.00h. deste mércores 30 de decembro até as 23.00h. do día 1 de xaneiro. Sobreenténdese que este levantamento temporal das restricións á mobilidade non se debe tomar como excusa para ir de viños a eses municipios ou para que a veciñanza deses territorios vaia tomalos a outras zonas.

Coidado cos movementos e coa interacción social
Todas estas medidas teñen por obxectivo reducir ao mínimo a posibilidade de contaxios. Galicia encóntrase nunha situación “contida” en canto á evolución da pandemia e a presión asistencial sobre as UCIs dos hospitais. Por iso durante a comparecencia desta mañá se reiterou a petición de “prudencia” e “cautela”, así como o cumprimento de todas as medidas de prevención.

No protocolo publicado pola Xunta para as festas do Nadal recoméndase limitar a actividade social e manter os mesmos grupos de persoas durante os encontros familiares que se produzan desde a Noiteboa até Reis. De cara á tarde e o serán de Ano vello debemos ter en conta que  na hostalaría de concellos coma o noso, que se encontra nun nivel de restricións básico, o aforo máximo no interior será dun 50% e dun 75% nas terrazas. Non se pode utilizar a barra e os grupos non poderán ser maiores de 6 persoas. A máscara só se poderá quitar no momento xusto da consumición.

 

Share.