A Xunta organiza para hoxe ás 18.00h. na Aula CeMIT unha charla sobre as Directrices da Paisaxe

0

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio convocou para a tarde deste luns en San Sadurniño un obradoiro participativo de cara á elaboración das Directrices da Paisaxe. É preciso inscribirse a través da conta secretaria.iet@xunta.es ou chamando aos teléfonos 981541755/981541756. Quen se acheguen ata esta actividade poderán expresar as súas aspiracións en canto aos obxectivos de calidade paisaxística, é dicir, as súas preferencias en canto ás características paisaxísticas da súa contorna, así como a súa opinión sobre as posibles medidas de protección, planificación e xestión da paisaxe.

No obradoiro traballarase coa plataforma web https://sixot.es/Paisaxe, posta en marcha pola Xunta como punto de encontro virtual do proceso participativo de elaboración das Directrices da Paisaxe. A ela tamén se pode acceder desde a casa e será necesaria a creación dunha conta de uso de cara a utilizar as súas ferramentas. O sitio presenta os principais tipos de paisaxe das distintas comarcas paisaxísticas de Galicia e elixir os tipos de paisaxe preferidos de cara á súa planificación futura. Ademais, a través desta web os usuarios e usuarias poderán localizar puntos relevantes dende o punto de vista paisaxístico e asignarlles unha valoración, determinar os elementos que os compoñen e propoñer medidas de actuación para os mesmos.

Segundo sinala a Xunta, no obradoiro participarán “tanto axentes convidados polo seu coñecemento da área paisaxística ou a súa actividade vinculada á xestión da paisaxe, como calquera persoa que desexe asistir e se inscriba na dirección secretaria.iet@xunta.es ou chamando aos teléfonos 981541755/981541756”.

Estas actividades forman parte dos 50 talleres públicos que o departamento autonómico organizará en total en toda Galicia, un por cada unha das 50 comarcas paisaxísticas nas que se divide o noso territorio. Esta distribución pretende garantir unha maior equidade espacial no proceso de participación, facilitando á poboación de todos os ámbitos territoriais o acceso a este proceso dun xeito presencial.

As Directrices
Desde a Consellería de Medio Ambiente tamén se informa que “xa seguiu un proceso de participación cidadá para a elaboración do Catálogo das Paisaxes de Galicia, que agora se atopa en proceso de exposición pública. Agora abre ese mesmo procedemento para a elaboración destas directrices, que xunto co Catálogo, conformarán o Atlas das Paisaxes de Galicia”.

A Lei de Protección da Paisaxe da Galicia establece que as Directrices de Paisaxe han de recoller os obxectivos de calidade paisaxística, que “deben expresar as aspiracións da cidadanía en canto á valoración e o grado de compromiso da colectividade na protección das nosas paisaxes, polo que a determinación destes obxectivos farase mediante un proceso de participación pública”. O mesmo Convenio Europeo da Paisaxe afirma que, unha vez identificados e valorados os diferentes tipos de paisaxes (proceso xa realizado no Catálogo), deben definirse os obxectivos de calidade paisaxística para os mesmos, despois dunha consulta pública.

– See more at: http://workplace.afaisca.com/gl/novas/contenido/0363_gl.html#sthash.N37fQhDa.dpuf

Share.