A Xunta prohibe as reunións de máis de 10 persoas que non vivan xuntas, tanto dentro como fóra da casa

0

A segunda vaga da pandemia está facendo medrar rapidamente os contaxios, debido principalmente -segundo a Consellaría de Sanidade- ás xuntanzas informais de non convivintes. Por este motivo, desde hoxe está en vigor a prohibición de que se xunten grupos de máis de 10 persoas que non vivan baixo o mesmo teito para calquera actividade ou evento de carácter familiar ou social na vía pública, en espazos de uso público ou en espazos privados. Esta restrición -que se revisará cada sete días- non lle afecta a persoas que vivan xuntas nin a actividades laborais, empresariais, profesionais e administrativas, actividades en centros universitarios, de formación e ocupacionais, sempre que se adopten as medidas que tivesen deseñadas nos seus respectivos protocolos preventivos.

A medida -avanzada polos medios de comunicación hai dous días- saíu publicada no DOG onte á noite canda outras restricións máis severas en varias vilas onde se detectou un elevado número de contaxios. No tocante á prohibición de grupos de non máis de 10 persoas non convivintes -que antes era unha recomendación-, a Xunta xustifica o reforzo preventivo nos datos epidemiolóxicos, que se dispararon en pouco máis dunha semana desde os 50 até os 80 casos por cada 100.000 habitantes, moi por riba das taxas de finais de agosto, as máis altas rexistradas en Galicia.

Tamén se apunta como factor determinante que o número reprodutivo instantáneo -indicador do número de casos secundarios que ocorren por cada caso activo- supera o 1 en todas as áreas sanitarias. “A transmisión está a aumentar, polo que se espera que a tendencia de casos e taxas vai seguir aumentando”, asegura a orde publicada esta pasada noite pola Consellaría de Sanidade como aviso a navegantes de que o sistema público de saúde podería verse saturado de continuar esta tendencia. Segundo a Xunta, un dos principais focos dos contaxios son “as reunións familiares ou sociais nas cales cabe apreciar un maior risco de transmisión polas circunstancias en que se realizan, por existir unha maior confianza e relaxación das medidas de seguridade”.

Por esta razón, e “tras escoitar as recomendacións do Comité Clínico” reunido esta semana, a situación sanitaria “impón con carácter urxente” adoptar a limitación dos grupos a un máximo de dez persoas  “para o desenvolvemento de calquera actividade ou evento de carácter familiar ou social na vía pública, espazos de uso público ou espazos privados”.

A restrición non se aplica ao traballo en empresas e negocios, nin tampouco ás actividades administrativas, en centros universitarios, educativos, de formación e ocupacionais, “sempre que se adopten as medidas previstas nos protocolos de funcionamento”.

A diferenza do avanzado polos medios de comunicación, no DOG non hai referencia algunha a velorios, celebracións relixiosas. Feita unha consulta telefónica á Dirección Xeral de Saúde Pública, indican que a restrición para grupos de non convivintes tamén será de aplicación en velorios e enterros desde hoxe mesmo, polo que non poderían xuntarse no cemiterio ou no tanatorio máis de 10 persoas. Nunha segunda consulta por escrito ao enderezo electrónico habilitado polo SERGAS para solventar estas dúbidas obtivemos como resposta que “seguen en vigor os aforos delimitados na resolución do 12 de xuño de 2020, coa salvedade de que os grupos deben ser como máximo de 10 persoas en cada un deles”.

A única precisión que se fai textualmente no DOG refírese ás celebracións en establecementos de restauración concertadas antes do 14 de outubro e que vaian desenvolverse desde hoxe até o domingo, día 18. Nese intervalo temporal non será de aplicación o límite grupal de 10 persoas non convivintes -cabe entender que despois do domingo si o será- pero, en calquera caso, as persoas responsables dos establecementos deberán comunicarlle eses eventos á Xefatura territorial da Consellaría de Sanidade “para que poidan adoptar as medidas ou efectuar as recomendacións pertinentes”.

A orde publicada no DOG descarga nos concellos a responsabilidade “da vixilancia, inspección  e control do cumprimento da medida de prevención”. Neste sentido, desde o Concello de San Sadurniño xa se solicitou axuda da FEGAMP para que emita un informe aclaratorio sobre o alcance da orde autonómica, de cara a precisar o máis posible en que casos se debe aplicar e como se vai facer efectiva naqueles municipios que, coma San Sadurniño, non dispoñen de policía local.

O consistorio vai manter a programación prevista nas escolas municipais, na actividade física e tamén nas andainas que tiña organizadas os últimos domingos de mes. Para as escolas faranse grupos máis reducidos con horarios distintos, aínda que polo número de matrículas rexistradas até o momento parece que non será necesaria esa redistribución. O mesmo ocorre nos grupos de ximnasia de mantemento para persoas maiores e nas sesións de exercicios que se desenvolven no local social de Lamas -debido ao peche do ximnasio-, que en ningún caso sobrepasan 10 participantes. Unha cita que si se verá afectada pola orde é a andaina programada para o día 25 por Bardaos que, para non ter que suspenderse, se dividirá en tres grupos separados que sairán en distintos momentos.

Cousas que debemos ter moi presentes
Independentemente desta nova restrición, desde o Concello vólvese insistir no que se vén recordando nos últimos meses: hai que extremar as precaucións. “Familiar” e “convivinte” non son necesariamente o mesmo, debemos telo moi claro. Ser membros dunha mesma familia non nos libra de podernos contaxiar entre nós se, por exemplo, nos xuntamos todos os irmáns e irmás na casa dos avós un domingo sen poñer en práctica a separación interpersoal, o uso de máscara e evitando o contacto físico. Esas xuntanzas tamén estarían prohibidas agora no caso de que sexamos máis de 10 persoas que non vivamos baixo o mesmo teito.

É fundamental ter sempre en mente o significado de “convivinte”, que se refire a aquelas persoas que viven no mesmo domicilio… Polo tanto,  “convivintes” tampouco  son as amizades coas que tomemos as cañas todos os días ou con quen nos xuntemos a fin de semana para unha churrascada. Repetimos: hai que ter moito ollo con estas cousas e recordar que desde agora non poderemos xuntarnos máis de 10 persoas nin dentro nin fóra da casa, salvo que vivamos xuntas e nas outras circunstancias exceptuadas na orde da Consellaría de Sanidade.
Por último, outro recordatorio que xa lanzamos ducias de veces: mantede sempre a separación de 1,5 metros, usade a máscara, lavade ou desinfectade as mans con frecuencia, non fumedes na vía pública ou espazos abertos ao público a menos de 2 metros doutras persoas e, moi importante, se tedes algún síntoma da COVID-19 quedade na casa e avisade ao SERGAS chamando ao 900 400 116.
Share.