A Xunta inicia a retirada de pataca en San Sadurniño

0

Sobre as 8.30h. desta mañá comezou en San Sadurniño a campaña de retirada de pataca dentro do programa de medidas para a erradicación da couza guatemalteca. O dispositivo fórmano un camión estanco da empresa GESUGA e persoal de SEAGA que leva todo o día percorrendo o territorio casa por casa para levar todas as existencias de pataca da semente, restos da colleita do ano pasado e patacas de cedo arrincadas nos últimos días. Segundo informaban esta mañá algúns membros do equipo de recollida, o traballo desenvolveuse con normalidade e, en termos xerais, cunha total colaboración veciñal malia as protestas pola medida.

O punto de encontro de todos os equipos de traballo de SEAGA foi a beira do Xuvia, ao pé da explanada do mesón A Granxa, onde un camión estanco centralizou a recollida de tubérculos para o seu traslado á planta da empresa xestora de subprodutos GESUGA, situada en Cerceda.

Repartido en parellas en cadansúa furgoneta, o persoal percorreu durante a mañá parte de Naraío, San Sadurniño, Santa Mariña e Bardaos indo casa por casa.  Un traballo que continúa durante a tarde e que aínda proseguirá mañá, de novo entre as 8.30 e as 18.00h.

Cara ao mediodía, dous dos equipos cos que puidemos falar sinalaban que a mañá foi relativamente tranquila, aínda que de descontento xeral por ter que entregar pataca “que non ten mal ningún”. E é que toda a loita contra a couza guatemalteca fundaméntase precisamente en deixar o insecto sen o seu único alimento, posto que -segundo asegurou a Xunta nas charlas de hai algúns meses- non hai nin insecticidas nin outras alternativas efectivas para acabar coa praga.

Por este motivo, e en cumprimento da normativa vixente, é obrigatorio entregarlles aos servizos oficiais a pataca da semente que non se chegara a plantar, a pataca que sobrase da colleita do ano pasado e tamén a pataca arrincada das plantacións feitas antes do 5 de marzo deste ano, data en que entrou en vigor a prohibición de sementar en 31 concellos do norte de Galicia, entre eles San Sadurniño.

A Xunta programou unha primeira batida botando dous días en cada municipio. Aquí toca hoxe e mañá, pero está previsto que os equipos de retirada da pataca volvan de novo máis adiante -posiblemente dentro de dúas ou tres semanas- para levar os tubérculos de quen a día de hoxe aínda non arrincara as plantacións de cedo ou daquelas persoas que non tiveran as patacas ensacadas para entregarllas á Xunta.

As patacas deben ir, preferentemente, metidas nos sacos oficiais que facilita Medio Rural (hainos na Casa da Cultura) e separadas por tipos, é dicir, sen mesturar as da semente, as da colleita de 2016 e as arrincadas deste ano. O persoal de SEAGA pesará cada saco e entregaranos un albarán pola cantidade de pataca que leven: tantos quilos de semente, tantos de pataca vella e tantos de pataca nova, de ser o caso. Ese albarán será o que nos servirá para solicitar antes do 30 de setembro as axudas correspondentes: a Xunta pagará a 0,30 €/Kg. a pataca sobrante do ano pasado, a 0,70€/Kg. a pataca da semente e a 0,40€ o m² de pataca nova arrincada (neste último caso deberíase ter feito a correspondente declaración de superficie plantada antes do 31 de marzo).

Documentación e normativa publicada:
Folla de solicitude de indemnizacións (pdf)
Folla de declaración de superficies plantadas (pdf)
Folla de declaración de patacas de semente e autoconsumo almacenadas (pdf)

Orde publicada o 26 de abril coas bases que regularán as indemnizacións
Resolución publicada o 14 de marzo con medidas urxentes de loita contra as avelaíñas guatemaltecas da pataca
Decreto estatal publicado o 4 de marzo co programa nacional de control e erradicación da praga 
Resolución publicada o 10 de marzo establecendo zonas infestadas, zonas tampón e implementación das medidas do decreto estatal
Lei estatal de sanidade vexetal

Novas anteriores sobre o tema:
A Xunta retirará as patacas de San Sadurniño o 22 e o 23 de maio – 11/05/2017
O DOG publica os prezos aos que se van pagar as patacas nas zonas infestadas pola couza guatemalteca– 26/04/2017
A Xunta enviará ás casas información sobre a loita contra a praga da pataca – 12/04/2017
A Xunta empeza a adaptar a normativa estatal para controlar a couza guatemalteca da pataca – 10/03/2017
Prohibido plantar patacas – 04/03/2017
O Concello esíxelle a Medio Rural información clara sobre as medidas de control da praga da pataca – 16/02/2017
A Xunta obriga desde hoxe a declarar as parcelas sementadas con pataca nas zonas en corentena pola couza guatemalteca – 14/02/2017
A Xunta declara a corentena en case toda a comarca por mor da couza guatemalteca da pataca – 6/02/2017
A Xunta alerta da importancia de tomar medidas contra a polilla guatemalteca da pataca – 23/06/2017
A comarca enfróntase a unha nova invasora – 16/06/2016

Share.