A Xunta empeza a retirar patacas das zonas infestadas de couza guatemalteca

0

A empresa pública SEAGA iniciou este martes a retirada de patacas nas zonas afectadas pola avelaíña guatemalteca, en cumprimento das medidas de erradicación desta praga declarada en 31 municipios do norte de Galicia. Tal e como apuntan os medios, o primeiro día do dispositivo -que na nosa zona se desenvolveu en Cabanas e Ares- saldouse con 35 toneladas de pataca recollida e con non poucas anécdotas, froito seguramente do descoñecemento que aínda existe sobre a normativa e, principalmente, sobre o protocolo que vai seguir a Xunta para limpar de pataca todos os municipios infestados. Un descoñecemento ao que tamén contribuiría “o escaso interese da Xunta por facilitarlle información á xente”, tal e como declarou o alcalde, Secundino García.

O rexedor local comunicoulle onte pola mañá ao servizo de sanidade vexetal da Xunta o seu malestar por como o goberno autonómico está xestionando a crise da pataca desde o punto de vista informativo. “Nas reunións que tivemos coa Xunta quedamos en que debían facer unha campaña informativa potente enviando cartas ás casas explicando o problema, as medidas preventivas e o protocolo de recollida. Hai máis de quince días pasóusenos un modelo de carta xunto cun folleto explicativo e  hoxe (por onte) o persoal técnico da Xunta dinos que esa carta informativa non se vai enviar”.

Para Secundino García o asunto “é suficientemente grave” como para que Medio Rural “asuma a súa responsabilidade e destine recursos a informar á xente”.  O rexedor local engade que “non é de recibo que nos manden cartas cando as pensións soben un céntimo, que publiquen ducias de anuncios e publirreportaxes na prensa cada vez que se inaugura unha estrada e que, neste caso, se tente pasar de puntas sobre un problema que ameaza con espallarse por toda Galicia. Na web de Medio Rural nin sequera hai un botón que nos leve a información completa e ordenada sobre o tema”.

As queixas manifestadas por García tiveron un efecto case inmediato, xa que a iso das 14.30h. o servizo de sanidade e produción vexetal remitiu por correo electrónico un escueto comunicado informando de que os traballos de recollida da pataca  “levaranse a cabo, de forma escalonada, nos diferentes concellos, durante todo o mes de maio”. O correo pon ao tanto á administración local de que o servizo provincial se porá en contacto con ela “con antelación” para informar das datas en que SEAGA pasará polo municipio “e poder organizar os traballos de recollida, así como dar o aviso ás persoas afectadas”. A este respecto a comunicación de Medio Rural indícalle ao Concello que ten  “á súa disposición” os carteis nos que se especificarán “os días e horas nos que os equipos oficiais pasarán polos diferentes domicilios para realizar a retirada de pataca”.

O comunicado da Xunta finaliza cunha recomendación dirixida ao Concello: “é importante informar aos cultivadores de que deben ter arrincadas as plantacións e preparadas as patacas en bolsas de plástico abertas, as cales serán precintadas no momento da súa recollida. Ademais, indicar que deberán estar en bolsas separadas as patacas de semente, as de consumo da campaña pasada e as arrincadas da presente campaña”.  Sobre esta cuestión, Secundino García asegura que Medio Rural “tenta pasarlles aos concellos parte do problema, que sexa a administración local quen dea a cara diante da veciñanza”, algo que para o alcalde atende a “decisións políticas, non técnicas”.  “As cousas non se fan así -prosegue García-, desde o primeiro momento os concellos brindámonos a colaborar no que fixese falta para atallar o problema, propuxemos maneiras de levar adiante o protocolo de forma efectiva, pedímoslle á Xunta que destinase recursos a informar e concienciar á xente nas zonas afectadas, fixémonos eco da situación cos nosos propios medios… e, en vez diso, vemos que a Xunta segue o seu propio camiño de costas ás propostas municipais. Cremos que non é unha maneira axeitada de xestionar o problema”.

Cousas importantes que hai que saber neste momento
Tal e como viñemos informando nas últimas semanas, a recollida domiciliaria de pataca vai facerse de sur a norte en todos os municipios declarados como infestados de couza guatemalteca. Na nosa zona onte e hoxe tócalles a Cabanas e Ares e mañá e máis pasado será a quenda de Mugardos e Fene. Por iso é posible que a semana que vén lle toque a San Sadurniño, aínda que non é seguro, xa que a Xunta non facilitou datas concretas.

Ante a dúbida o mellor é ir arrincando as patacas de cedo e ilas metendo xa nos sacos oficiais que se poden coller na Casa da Cultura. Hai que facer o mesmo coas patacas de semente que non se plantasen e coas patacas vellas de consumo que nos sobrasen do ano pasado, se é que as temos. En cada saco debemos gardar un tipo de pataca, nunca mesturadas.

En principio o dispositivo oficial irá parroquia por parroquia despregando catro furgóns e un camión con peche hermético que se colocará nunha zona céntrica da zona de recollida.  Tamén en principio as cuadrillas de recollida de SEAGA irán ás vivendas que presentasen as correspondentes declaracións de leiras sementadas antes do 5 de marzo -data en que entrou en vigor a prohibición de plantar- e/ou aquelas que comunicasen cantidades de pataca da semente sen plantar e sobras da colleita pasada.

Pero, ¿que ocorre se non se declarou nada e se teñen patacas? Esa é unha circunstancia que se está dando -houbo moita xente que non fixo a declaración- e para a que non hai unha resposta oficial máis aló da que figura no DOG, aínda que si oficiosa.

Quen teña pataca sobrante pode declarala aínda usando este formulario, que se debe cubrir e entregar na Oficina Agraria de Ferrol ou no rexistro do Concello. Por outra banda, desde o Concello recoméndase que se presente igualmente a folla correspondente ás declaracións de superficie plantada, aínda que o prazo para facelo rematase o 31 de marzo, para facilitarlle aos servizos oficiais a planificación da recollida.

Por último, se alguén non declarou nada, nin plantacións nin patacas gardadas na barrela, que non se preocupe polo momento. A Xunta non vai multar a ninguén por agora. Do que se trata é de destruír de forma controlada toda a pataca das zonas infestadas. Por iso, cando veñan os servizos oficiais pola nosa zona é moi recomendable facerlles saber que temos pataca para que a leven, aínda que non a declarasemos nos prazos oficiais. Mellor facelo agora que enfrontarse a unha multa máis adiante. 

Lembramos, ademais, que os servizos oficiais da Xunta non apañan as patacas da barrela nin tampouco as arrincan do terreo, iso é algo que debemos facer nós e despois térllelas listas nos sacos para que as leven nas datas que indique Medio Rural.

Cando nos pasen pola casa hannos pesar cada saco e facilitarnos un albarán das cantidades retiradas de cada tipo de pataca. Ese certificado será o que poderemos utilizar despois para solicitar as correspondentes indemnizacións, das que xa falamos hai uns días:

  • a 0,70€/kg. a pataca de semente que non se plantara por culpa da prohibición.

  • a 0,30€/kg.a pataca de consumo que sobrase das plantacións de 2016.

  • e a 0,40€/m² de leira plantada antes da entrada en vigor da prohibición e sempre que se declarase previamente a superficie sementada, tal e como recollía a resolución autonómica que obrigaba a facer esa declaración antes do 31 de marzo.

Segundo a orde de Medio Rural publicada no Diario Oficial de Galicia do 26 de abril, estas compensacións haberá que solicitalas nun impreso específico da Xunta (o MR465A)  e haberá de prazo ata o 30 de setembro para facer a solicitude. Iso si, a orde de Medio Rural non aclara canto tardará en resolver as solicitudes nin tampouco -e aí vai algo que se debe ter en conta- se o cobro da indemnización pode ter repercusións con respecto ao IRPF. Isto último é algo que se debe mirar ben e consultalo, non vaia ser que por cobrar 25 quilos de pataca da semente -uns 17,5€- o ano que vén e por termos este ano máis dun pagador teñamos que facer unha declaración da renda que noutras circunstancias non teriamos a obriga de facer.

Por último cómpre sinalar que para a retirada da pataca o persoal da Xunta irá debidamente identificado e en vehículos oficiais rotulados. Medio Rural informa de que as datas e horas aproximadas ás que pasarán por cada parroquia se anunciarán mediante carteis informativos dispostos en lugares públicos.

Documentación e normativa publicada:
Folla de solicitude de indemnizacións (pdf)
Folla de declaración de superficies plantadas (pdf)
Folla de declaración de patacas de semente e autoconsumo almacenadas (pdf)

Orde publicada o 26 de abril coas bases que regularán as indemnizacións
Resolución publicada o 14 de marzo con medidas urxentes de loita contra as avelaíñas guatemaltecas da pataca
Decreto estatal publicado o 4 de marzo co programa nacional de control e erradicación da praga 
Resolución publicada o 10 de marzo establecendo zonas infestadas, zonas tampón e implementación das medidas do decreto estatal
Lei estatal de sanidade vexetal

Novas anteriores sobre o tema:
O DOG publica os prezos aos que se van pagar as patacas nas zonas infestadas pola couza guatemalteca – 26/04/2017
A Xunta enviará ás casas información sobre a loita contra a praga da pataca – 12/04/2017
A Xunta empeza a adaptar a normativa estatal para controlar a couza guatemalteca da pataca – 10/03/2017
Prohibido plantar patacas – 04/03/2017
O Concello esíxelle a Medio Rural información clara sobre as medidas de control da praga da pataca – 16/02/2017
A Xunta obriga desde hoxe a declarar as parcelas sementadas con pataca nas zonas en corentena pola couza guatemalteca – 14/02/2017
A Xunta declara a corentena en case toda a comarca por mor da couza guatemalteca da pataca – 6/02/2017
A Xunta alerta da importancia de tomar medidas contra a polilla guatemalteca da pataca – 23/06/2017
A comarca enfróntase a unha nova invasora – 16/06/2016

 

Share.