A Xunta compromete 12.000 euros para o Centro de Transformación Alimentaria

0

O Director Xeral de Gandeiría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Silvestre José Balseiros, visitou San Sadurniño este martes para visitar a horta de conservación de froiteiras Carlos Fornos, atendendo así á solicitude da AGFA do Eume dun encontro no que expoñerlle á Xunta varias propostas de protección e valorización da froita autóctona. Na reunión tamén participou o concelleiro de Desenvolvemento local, Manolo Varela, quen hai escasas semanas mantivera en Santiago outra xuntanza co Director Xeral na compaña da rexedora de Moeche, Beatriz Bascoy, para tratar a posible implicación autonómica na posta en marcha do centro de transformación alimentaria nunha das naves de San Ramón. O responsable desta área en Medio Rural adiantou no encontro de onte o compromiso da Xunta de achegar á iniciativa un total de 12.000 euros, que os catro concellos promotores -San Sadurniño, Moeche, Cerdido e Valdoviño- destinarán ao financiamento dos proxectos técnicos de remodelación do recinto. 

O proxecto global do Centro Comarcal de Apoio ao Desenvolvemento Rural -nome que figura na documentación relativa á iniciativa- está cifrado en 207.170 euros que os municipios agardan cubrir por tres vías: cun acordo económico coa Deputación, con fondos do Leader xestionados polo GDR Seitura 22  e, por último, coa achega de 12.000 euros da Xunta confirmada este martes por Silvestre José Balseiros.

A distribución deses fondos tamén está predefinida, de maneira que a achega provincial iría para a remodelación da antiga nave dos queixos de San Ramón e o seu entorno; a do Leader dedicaríase tamén a rehabilitación e á dotación do espazo co equipamento necesario e, por último, a de Medio Rural daría para cubrir os custes de redacción dos dous proxectos técnicos  e a dirección da obra.

O Centro de Transformación Alimentaria é unha iniciativa de ámbito comarcal que busca facilitarlle á pequena produción unhas instalacións axeitadas e con todos os aparellos precisos para a conservación e envasado de horta, froita, zumes e mesmo mel. Na práctica será unha pequena planta de elaboración dotada de todo o necesario para garantir a calidade do produto final e unha absoluta seguridade alimentaria. Dentro haberá un autoclave, cámara frigorífica, un tanque de lavado, unha zona de procesamento, unha deshidratadora, etiquetadora, prensa, espazo de almacén e incluso un grupo electróxeno especial.

O pasado mes de novembro, os rexedores de San Sadurniño, Moeche, Cerdido e Valdoviño asinaron o acordo de cooperación de cara a poñer en marcha o centro, que  tamén pretende ser punto de dinamización e  lugar para a organización de cursos, charlas e xornadas relacionadas en todo caso cun modelo de produción alimentaria sustentable que atenda principalmente a mercados de “quilómetro cero”.

Unha vez que se constate todo o apartado financieiro, os municipios contratarán as obras e elaborarán o plan de xestión, para o que se procurará a colaboración de entidades do territorio. Ademais tamén se deberá preparar unha ordenanza reguladora que fixe os servizos ofertados e as taxas que aseguren o seu sostemento económico como servizo público sen fins de lucro.

Demandas da AGFA do Eume
No transcurso da xuntanza en que Silvestre José Balseiros confirmou a colaboración económica da Xunta no centro de transformación tamén se falou de varias peticións formuladas pola AGFA do Eume, na liña de favorecer a produción de froita autóctona e a súa posterior comercialización en circuítos próximos.

Neste sentido, a entidade e o Concello comentaron co Director Xeral a posibilidade de que desde a Xunta se promova un plan específico de apoio á fructicultura baseada en castes do país que, ademais, inclúa medidas que incentiven o seu consumo. A máis destacada sería a adopción de medidas que valoricen a froita en fresco e os seus elaborados -marmeladas, zumes, etc.-, introducíndoa, por exemplo, en comedores públicos dependentes do goberno autonómico tales como centros de ensino, hospitais, ou centros de día.

Outra das propostas céntrase na creación de liñas de económicas que, por unha banda, axuden a rexurdir plantacións autóctonas e, por outra, que sirvan para detectar e asentar niños de mercado. A última das iniciativas comentadas co responsable  de Industrias Agroalimentarias foi a de que a Xunta axilice o proceso de legalización de todas as variedades autóctonas e tradicionais de froiteiras, de cara á súa inclusión no rexistro de variedades comerciais.

Share.