A Xunta anuncia tres semanas de endurecemento das restricións

0

O Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, compareceu pasadas as dúas da tarde para dar conta das decisións adoptadas no seo do Comité clínico da Xunta que se trasladarán mañá ao Diario Oficial de Galicia en forma de novas restricións, que replican o denominado “Modelo O Carballiño” en toda a comunidade. O principal é que os 313 concellos de Galicia quedan perimetrados sen que se poida entrar ou saír deles -salvo nas excepcións previstas-; tamén se establece o peche da hostalaría, que só poderá atender pedidos para levar ou para entregar en domicilio, e o comercio non esencial verá reducido o seu horario até as 18.00h., mentres que o imprescindible -supermercados, farmacias, talleres de vehículos, entre outros- poderá seguir funcionando con normalidade sen sobrepasar as 21.30h. Os grupos redúcense agora só a persoas conviventes e, ademais, suspéndense outras actividades que ata agora estaban permitidas.  Feijoo  foi tallante este mediodía indicando que a situación sanitaria  é “moi grave” e que “quedan por pasar momentos moi duros”, posto que as medidas adoptadas hai dúas semanas “non se traduciron nunha mellora sustancial” en canto á redución dos contaxios, de aí que o Comité clínico  recomendase incrementar o nivel de restricións para “salvagardar vidas e diminuir a presión hospitalaria” mentres non empeza a surtir efecto o proceso de vacinación. As restricións de nivel extremo aplicaranse desde a medianoite deste martes para mércores ata, polo menos, o día 17 de febreiro.

O repaso das limitacións feito  polo presidente comezou polo anuncio de que todos os municipios de Galicia quedarán con peches perimetrais que só se poderán saltar polas razóns xa sabidas, é dicir, por motivos laborais, sanitarios, administrativos, educativos ou de coidado de persoas maiores ou menores. Tamén se mantén o toque de queda entre as 22.00 e as 06.00h., salvo nos casos autorizados na normativa preventiva da COVID-19. Na súa intervención, Feijoo volveu lamentar que o Estado non atenda “o clamor” de comunidades que, como Galicia, solicitan agora adiantar o horario de recollida ás 20.00h. cando non hai tanto tempo se opoñían incluso a que houbese toque de queda.

Por outra banda, os grupos de persoas só poderán ser de conviventes en espazos públicos e privados a partir da madrugada deste mércores. A posibilidade de que se xunten persoas que non vivan no mesmo domicilio queda reducida exclusivamente a circunstancias laborais ou de coidado doutras persoas, segundo informou Alberto Núñez Feijoo na rolda de prensa.

Na intervención emitida en horario de máxima audiencia tamén se informou do peche da hostalaría, que só poderá ofrecer o servizo de recollida ou entrega a domicilio, pero non atender ao público no interior ou nas terrazas.

Ademais, todo o comercio “non esencial” deberá pechar ás 18.00h., mentres que si poderán continuar abertos despois desa hora e sen sobrepasar as 21.30h. os establecementos considerados como esenciais, é dicir, supermercados, tendas de alimentación, farmacias, talleres de vehículos, etc. A relación completa de uns e outros recollerase no DOG que se publicará mañá. Os centros comerciais -aos que non podemos ir desde San Sadurniño-, pecharán durante as fins de semana.

No listado de restricións, Feijoo lembrou a prohibición das visitas nos hospitais, salvo no caso do acompañamento de dependentes ou menores. Taméndeberán pechar os centros sociocomunitarios e da terceira idade (clubes de persoas xubiladas, etc.) e só permanecerán abertas instalacións asistenciais como as residencias de persoas maiores e os Centros de Día.

No ensino mantense a actividade lectiva nos ciclos obrigatorios e parte dos postobrigatorios -infantil, primaria, secundaria e a actividade nas escolas infantís-, mentres que as universidades non retomarán as clases até o 8 de febreiro e mediante teleformación e, se é posible, de maneira presencial a partir do 17. Nas escolas oficiais de idiomas e conservatorios as clases tamén terán que ser telemáticas.

Suspéndese toda a actividade cultural -museos, bibliotecas, cines, espectáculos, etc.- e, con carácter xeral, tamén a actividade deportiva. Os ximnasios deben botar o peche durante tres semanas e en toda Galicia interrómpense as competicións deportivas, agás as de ámbito nacional ou internacional que poderán seguir desenvolvéndose, pero sen público. Só se poderá facer deporte individual ao aire libre e haberá que practicalo levando sempre a máscara de protección.

Todas estas restricións -e a relación completa que publique o DOG- van acompañadas da recomendación insistente repetida varias veces nas últimas semanas: debemos autoconfinarnos no posible e saír da casa só para cuestións esenciais, como poden ser a merca de alimentos, medicamento e outros produtos básicos, acudir ao traballo ou facer calquera outra xestión inaprazable.

San Sadurniño, con 40 casos activos
O anuncio do endurecemento das restricións durante as próximas tres semanas prodúcese nun contexto de contaxios medrando de maneira exponencial cada día.   Alberto Núñez Feijoo, informou este mediodía de que a situación é “moi grave” e que “quedan por pasar momentos moi duros”, posto que as medidas adoptadas hai dúas semanas “non se traduciron nunha mellora sustancial” en canto á redución dos contaxios. A día de hoxe hai en Galicia 19.768 casos activos, 993 persoas hospitalizadas e 161 persoas ingresadas en UCI.

San Sadurniño continúa ascendendo en número de casos, aínda que a un ritmo inferior que noutros municipios da volta. Hoxe a Xerencia da Área Sanitaria informou a media mañá dun total de 40 casos activos, 4 máis ca onte e, non o esquezamos, o dobre que hai unha semana.

Share.