A Xunta alixeira as restricións para atender cultivos e hortas

0

O Diario Oficial de Galicia desta mañá publica unha orde da Consellaría do Medio Rural relativa ao movemento de persoas para atender cultivos e hortas, tanto profesionais como para autoconsumo. No caso da agricultura profesional, os desprazamentos e o laboreo das terras estaban permitidos como unha actividade esencial. Porén, desde hoxe, tamén se dá máis marxe de movementos para aquelas persoas non profesionais que teñan cultivos afastados da casa. Só poderán facelo dentro dos límites do concello -ou un máximo de 5 quilómetros do seu domicilio se a leira está noutro municipio- e é moi importante ter en conta que para acreditar a necesidade do desprazamento perante as autoridades deberán levar canda si unha declaración responsable coa referenza da parcela e o tipo de cultivo e, ademais, estar en posesión do carné de aplicación de produtos fitosanitarios, a menos que se trate dunha parcela rexistrada como ecolóxica.

A orde da consellaría insiste en que eses desprazamentos deben ser “os mínimos e imprescindibles” para o mantemento e atención de cultivos ou viñas. Tamén se recorda que nos predios non poderá haber máis de dúas persoas ao mesmo tempo e que se deberán respectar “en todo momento” as distancias de seguridade e demais protocolos de prevención establecidos pola autoridade sanitaria.

Na práctica vén sendo a mesma doutrina que se viña aplicando desde o 24 de marzo autorizando que se laboreasen predios que non estivesen a máis de 500 metros da casa. Porén, a orde publicada hoxe incrementa considerablemente ese límite. De feito poderase traballar calquera leira que estea dentro do municipio de residencia e incluso as que estean noutros concellos limítrofes, sempre e cando non disten máis de 5 quilómetros do domicilio do seu titular.

En relación coa acreditación da necesidade do desprazamento, Medio Rural é claro: as actividades agrarias para autoconsumo poderanse realizar coa presentación do carné de aplicación/manipulación de produtos fitosanitarios -ou coa tarxeta de rexistro do consello regulador no caso da viticultura- e cómpre levar sempre unha declaración responsable que comprenda a relación dos predios cultivados, incluíndo a identificación da parcela e o tipo de plantación que hai nela.

No caso de tratarse de cultivos ecolóxicos, a declaración incluirá tamén que non se empregan tratamentos fitosanitarios e que, polo tanto, carece do carné de aplicador/manipulador destes produtos. Nese documento, ademais, a persoa deberá declarar responsablemente que leva desprazándose de xeito habitual ao predio en cuestión para a realización de actividades agrarias de autoconsumo polo menos durante o último ano.

Desde o Concello de San Sadurniño recórdase que continúan activas as medidas do Estado de Alarma, principalmente as relativas ao confinamento agás nas excepcións de desprazamentos autorizados: desprazamentos laborais, merca de produtos básicos e medicamento, consultas médicas, paseo de mascotas e saídas coa rapazada menor de 14 anos durante unha hora ao día.  Neste sentido prégase que esta ampliación das posibilidades de movemento para atender cultivos se aplique con responsabilidade e só se se trata de labores inaprazables.

Por outra banda tamén se lembra que en San Sadurniño segue en vigor a prohibición de plantar patacas, en aplicación das medidas de erradicación da praga da couza guatemalteca, e que seguen suspendidos en toda Galicia os permisos de queima.

Por último tamén se debe sinalar que as persoas propietarias de montes que queiran vender madeira poden desprazarse ás súas propiedades unicamente para indicarlle á empresa o alcance da corta -atopar marcos, definir a tala, etc.-, aínda que para iso deberá ser a propia empresa forestal quen lle outorgue un salvoconducto e só para a data concreta en que se vaia facer a identificación. É dicir, a empresa deberá proporcionarnos unha autorización para ir ao noso monte o día en que quedemos co madeirista para identificar a corta, pero non estar indo alí un día si e outro tamén para ver como vai o traballo.

Orde publicada no DOG
Modelo de declaración responsable (SLG)

Share.