A Xunta alerta da importancia de tomar medidas contra a polilla guatemalteca da pataca

0

A Asociación Agroecolóxica A Cortiña e mailo Concello convocaron para onte á tarde na Casa da Xuventude unha charla sobre a Tecia Solanivora, máis coñecida como polilla guatemalteca da pataca. É unha praga que estraga completamente as colleitas e naquelas zonas onde aparece é necesario declarar a corentena para os movementos de tubérculos. Así ocorreu o ano pasado nos concellos da ría de Ferrol, o punto onde primeiro se tivo constancia da presenza das polillas guatemaltecas no continente europeo. Á charla deste mércores acudiu pouca xente -só sete persoas- a pesar de que tanto o Concello como A Cortiña lle deron publicidade dabondo nos últimos días. Os técnicos da Xunta mostráronse sorprendidos polo escaso éxito da convocatoria tratándose como se trata dunha invasión biolóxica de primeira orde que pode poñer en apretos toda a produción de pataca galega, tanto a comercial como a de autoconsumo. O xefe da oficina agraria comarcal de Ferrol, Antonio Álvarez Feal, foi tallante no aviso: “a xente non é consciente do que nos vén enriba”.

A Tecia solanivora Povolny é unha praga incluída na lista A2 da EPPO (European Plant Protection Organization), e no anexo II, parte A, sección I da Directiva 2000/29/CE do Consello, do 8 de maio de 2000, polo que se considera unha praga de corentena, sometida a regulación e, polo tanto, ante a que é necesario tomar medidas para a súa erradicación e control.

A polilla guatemalteca detectouse por primeira vez nas Canarias en 1999 e o ano pasado a administración constatou que saltara á península pola nosa zona precisamente, o que levou á Xunta a demarcar os concellos de Ferrol, Narón e Neda dentro dun plan de continxencia co que se tentaba confinar e eliminar a praga antes de que se propagase. Porén, en febreiro deste ano apareceron novos focos na zona da Mariña luguesa e crese que as polillas chegaron xa a outros puntos do territorio, incluído San Sadurniño.

Esta especie invasora pon os seus ovos nas patacas. Alí vai medrando na forma dun verme que se alimenta da pulpa e que deixa como resultado unha pataca chea de galerías que acabará podrecendo e que, en calquera caso, xa non vale para comer. Cando completa esta fase, o verme marcha case sempre do tubérculo e fai un casulo de seda onde se transformará nunha polilla. A metamorfose pode producirse no patacal ou tamén no chan, nos sacos ou nas paredes do lugar onde se garden as patacas despois de recollelas. Estímase que, dependendo da temperatura, o ciclo biolóxico de cada exemplar pode completarse entre os 41 e os 95 días.

¿Que facer?
O certo é que se temos polillas guatemaltecas no patacal a súa eliminación é complicada, aínda que non imposible. A cuestión é que na maior parte dos casos non nos daremos conta do que ocorre ata que pelemos a primeira pataca para a tortilla e a atopemos chea de túneles.

A loita contra a praga ten tres partes: a corentena das zonas con presenza constatada, os traballos agronómicos previos á sementeira das patacas e o combate durante a etapa de crecemento e o posterior almacenamento da colleita.

No momento no que estamos, cos patacais en todo o seu esplendor vexetativo, o único efectivo que se pode facer é poñer trampas con feromonas nas plantacións. Son pequenos recipientes de plástico que teñen no seu interior un axente atraente que elimina os machos da especie. As trampas hai que colocalas -segundo indica a Xunta- no borde do cultivo a razón de 8 por hectárea, é dicir,  abonda unha destas trampas por cada dous ferrados e medio de patacal, aínda que en Canarias-onde máis anos levan investigando- aconsellan unha trampa cada 250m² (dúas por ferrado). 

Nas zonas demarcadas -Ferrol, Neda e Narón, onde é obrigatorio trampear- a administración entrega gratuitamente as trampas, pero en zonas en teoría libres como é o caso de San Sadurniño, a adquisición destes dispositivos correrá por conta de cadaquén. Como complemento poden darse tratamentos contra as polillas: clorantraniliprol, clorpirifos, teflutrín e outros que figuran no folleto informativo sobre a praga publicado pola Consellería do Medio Rural.

Unha vez se recollan as patacas é importante revisar que estean libres da praga fixándose no aspecto que presentan os tubérculos e abrindo varios para ver se están comestos ou aínda teñen dentro a larva de cor rosácea. Iso será un indicador importante pero non definitivo, posto que podemos estar gardando patacas aparentemente sanas pero que xa levan dentro os ovos do verme que despois se converterá en avelaíña no almacén.

As precaucións que se deben tomar son varias:

  1. Separar dentro do almacén os tubérculos de semente e os de consumo.
  2. Colocar mallas tupidas, tipo malla anti insectos, sobre os tubérculos almacenados para evitar a entrada e saída da avelaíña.
  3. Desinfección do almacén, da maquinaria e das ferramentas de manipulación con produtos autorizados (descritos no folleto da Xunta)
  4. Realizar unha selección dos tubérculos antes de ser almacenados, eliminando todos aqueles que presenten danos que poidan ser causados pola praga.
  5. Realizar un tratamento dos tubérculos en almacén con materias activas autorizadas no Rexistro Oficial de Produtos Fitosanitarios do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente (descritos no folleto da Xunta).
  6. Colocar trampas con feromona para a detección da praga. Son pequenas follas triangulares onde quedan pegadas as avelaíñas.
  7. Os sacos baleiros e outras embalaxes almacenaranse en compartimentos distintos e separados dos tubérculos.
  8. Para destruír as patacas sospeitosas, pódese facer un burato no chan, botar a pataca e cubrila con cal viva. Tamén se pode conxelar o tubérculo afectado antes de desbotalo, dado que a conxelación elimina as distintas formas do insecto. Por último, pódense quentar as patacas (microondas, por exemplo), de xeito que o insecto morra, antes de enterralo ou botalo no contedor correspondente.

De cara ao ano que vén, cando teñamos que volver plantar as patacas, é importante ter en conta as seguintes recomendacións:

  1. Preparar o terreo e desenterrar, 15 días antes da plantación, os tubérculos afectados de campañas anteriores, recollelos e eliminalos.
  2. Na sementeira enterrar a unha profundidade mínima de 15 cm, tapar ben a semente para colocar unha barreira de terra entre éstas e as larvas.
  3. Eliminar as plantas de colleitas anteriores que broten durante as primeiras etapas de cultivo.
  4. Amontoalas cunha altura mínima da terra de 25-30 cm.
  5. Facer rotación de cultivos, evitando volver plantar nunha zona onde houbese polilla alomenos ata 2 anos despois.

Todo apunta a que San Sadurniño e outros concellos limítrofes han incorporarse en breve ao listado de municipios demarcados por presenza da Tecia Solanivora, de maneira que se entraría nunha situación de corentena para o movemento de patacas. Ademais tamén estaría en grave perigo toda a produción da comarca, onde  en case todas as casas hai un patacal para autoconsumo e mesmo hai pequenas explotacións hortícolas que teñen na pataca unha das súas principais fontes de ingresos.

Na charla de onte organizada pola Cortiña e o Concello púxose o acento nesta cuestión, indicando que é necesario tomar conciencia do problema. O xefe da oficina agraria de Ferrol, Antonio Álvarez, foi moi claro: “a xente non é consciente do que nos vén enriba”. Álvarez mostrouse preocupado polas consecuencias da praga se chega a grandes zonas pataqueiras de Galicia como Vilalba, Coristanco ou a Limia, unha polas propias perdas de produción e outra porque a declaración de corentena suporía pechar toda posibilidade de movementos e exportación das colleitas.

Máis información
Folleto informativo publicado por Medio Rural
Estudo sobre a praga elaborado en Canarias

 

 

Share.