A Xunta actualiza as obrigas e recomendacións preventivas da COVID-19

0

Tralo remate do último Estado de Alarma, a Xunta de Galicia é o organismo responsable de xestionar a todos os efectos a denominada “nova normalidade”, “nova realidade” ou como se lle queira chamar á situación actual en que se pode facer vida máis ou menos normal, aínda que sempre cun ollo posto na prevención. No mes de xuño o Goberno Galego publicou unha normativa marco que despois se foi actualizando e aínda segue facéndoo. De feito, hai unhas semanas decretouse o uso obrigado de máscara en todas as situacións, onte mesmo o DOG publicou a “recomendación” de que tamén se empreguen en espazos privados -evitando ademais que as xuntanzas nos domicilios superen as 25 persoas- e hoxe saiu unha nova resolución obrigando a que todas aquelas persoas que proveñan de zonas con alta incidencia da COVID-19 comuniquen o territorio de procedencia e tamén os seus datos de contacto de cara a poder facer o seu seguimento se se producen gromos da enfermidade. 

Foi o pasado 19 de xullo cando entrou en vigor o uso obrigatorio da máscara “con carácter xeral” aínda que se poida gardar a separación mínima de 1,5 metros. Polo tanto, desde ese día todas as persoas de 6 anos en diante deberemos levar máscara correctamente colocada (desde o tabique nasal até o queixelo) na vía pública, en espazos abertos ao público e en practicamente todas as actividades que fagamos fóra da casa. Ademais, a Xunta tamén especifica a prohibición de usar bozos con válvula exhalatoria, salvo por razóns laborais. As únicas excepcións que permiten prescindir da máscara son as seguintes, cada unha coas súas particulariedades:

  • Na praia e na piscina poderemos quitala sócando esteamos tomando o sol ou bañándonos, pero haberá que levala posta nos movementos que fagamos neses lugares.
  • En bares e restaurantes será obrigatorio levala -xa o era- e só se poderá quitar “no momento específico do consumo”, é dicir, ao entrar/saír, máscara. Mentres agardamos a que nos atendan, máscara. Se imos ao aseo, máscara. Se estamos nunha terraza, máscara. Sempre máscara, salvo no momento de comer ou tomar algo.
  • Nos vehículos privados non haberá que levala se todas as persoas que viaxan son convivintes.
  • En casos de forza maior, se se sofre algunha enfermidade que dificulte a respiración por levala posta ou no caso de persoas cunha discapacidade ou grao de dependencia incompatibles co seu uso.
  • Tampouco será obrigatoria en deporte e actividade física individual ao aire libre exclusivamente durante o desenvolvemento do exercicio e sempre que se poida garantir o distanciamento de 2 metros (si, 2 metros)
  • En recintos deportivos tampouco será obrigatoria no momento do exercicio, sempre que se respecte o distanciamento social. Iso si, hai que poñela ao entrar, ao saír, e nos movementos que se fagan no interior.

A actualización normativa de hai dez días -que tamén prohibiu os “botellóns”- veu dada polo número de gromos da enfermidade que se produciron dentro e fóra de Galicia. De aí que a Xunta reforzase a obriga do vetillo buscando que toda a poboación usase esta barreira protectora que, xunto a hixiene de mans e respiratoria, é a única prevención eficaz dos contaxios.

É máis, este mesmo luns o DOG publicou unha nova actualización da normativa sanitaria  recomendando a máscara nos espazos de uso privado, abertos ou pechados, no caso de reunións ou de posible confluencia de persoas non convivintes. Tamén aconsella nesas mesmas situacións o mantemento da distancia de seguridade interpersoal, a aplicación de medidas de hixiene e limitar o número de asistentes aos mínimos posibles sen superar en ningún caso as 25 persoas.

E esta mesma mañá de martes, outra nova publicación oficial que se refire á chegada a Galicia de persoas procedentes doutros territorios, incluidas aquelas que vivan aquí e que, polo motivo que fose, se desprazasen a outros lugares e agora estean de volta. Os aspectos principais que recolle a resolución son…:

  • Calquera persoa que chegue á Comunidade despois de ter estado fóra -dentro do período de 14 días naturais anteriores á chegada- e que experimente síntomas compatibles cos da COVID (febre, calafríos, tose, sensación de falta de aire, diminución do olfacto e do gusto, dor de gorxa, dores musculares, dor de cabeza, debilidade xeral, diarrea ou vómitos) deberá permanecer no seu domicilio ou no lugar de aloxamento e comunicarllo ao SERGAS o antes posible. As persoas residentes terán que contactar co seu médico ou médica de cabeceira, mentres que as non residentes terán que chamar ao 881 00 20 21 para que lles dean as indicacións que procedan.
  • Porén, quen estivese fóra de Galicia no período de 14 días anteriores, aínda que non teña síntomas, tamén deberá comunicalo no caso de ter estado en territorios cunha alta incidencia da COVID-19 en comparación con Galicia. Esa información ten que comunicárselle ás autoridades sanitarias nun prazo máximo de 24 horas trala chegada, cubrindo para iso o formulario dispoñible en coronavirus.sergas.eschamando ao 881 00 20 21 ou por medio da aplicación para móbiles que posiblemente poña en marcha proximamente a Consellaría de Sanidade. Nas axencias de viaxes, hoteis, aloxamentos, estacións do transporte e outros puntos de trafego de turistas e persoas viaxeiras deberá haber información desde mañá recordando esta obriga.
  • Os datos que se han de facilitar son o número de identidade ou pasaporte, o nome completo e apelidos, o territorio de procedencia, o teléfono de contacto -propio ou do lugar da estadía-, a data de chegada e saída, o enderezo do lugar no que se vai estar.
  • O listado de países “cunha alta incidencia” irase actualizando cada 15 días dependendo da información sobre a súa situación sanitaria. Esa é a razón de que non se incluíse na mesma resolución sobre a obriga informativa, senón que o DOG o publica nun texto separado que se pode consultar aquí. Son unha boa presada de países e tamén algunhas comunidades doutras partes do Estado:
    • África: Obriga de comunicación cando se regrese de calquera país do continente.
    • América: Arxentina, Bahamas, Bolivia, Brasil, Chile, Colombia, Costa Rica, República Dominicana, Ecuador, El Salvador, Guatemala, Honduras, México, Montserrat, Panamá, Paraguai, Perú, Porto Rico, San Vicente e As Granadinas, St Martin, Surinam, Illas Tartarugas, Estados Unidos, Illas Virxes, Venezuela, Haití, Xamaica e Nicaragua.
    • Asia: Bahrein, Bangladesh, India, Irán, Iraq, Israel, Kazakstán, Kuwait, Kyrguistán, Líbano, Maldivas, Omán, Palestina, Filipinas, Qatar, Arabia Saudí, Singapur, Emiratos Árabes, Uzbequistán, Afganistán, Bután, Brunei, Camboxa, Indonesia, Laos, Mongolia, Myanmar, Nepal, Paquistán, Siria, Tailandia e Vietnam.
    • Europa: Albania, Andorra, Armenia, Austria, Acerbaixán, Belarús, Bélxica, Bosnia-Hercegovina, Bulgaria, Croacia, República Checa, Kosovo, Luxemburgo, Moldavia, Mónaco, Montenegro, Macedonia do Norte, Portugal, Romanía, Rusia, Serbia, Suecia e Ucraína.
    • Outras comunidades do Estado: tamén se deberá comunicar a procedencia cando se veña de Aragón, Cataluña, Navarra, País Vasco e La Rioja. Curiosamente, na relación non aparece Madrid, a pesar de que unha boa parte dos casos importados que se confirmaron nos últimos días proceden desa comunidade. ACTUALIZACIÓN: Da obriga de comunicación eliminouse Portugal e tamén La Rioja, ao tempo que a Xunta incorporou no listado a comunidade de Madrid.

Seguiremos informando de todas as novidades que se vaian publicando nos boletíns oficiais. Recordamos, unha vez máis, que para a COVID-19 de momento non hai cura nin vacina efectivas e seguramente aínda tarde tempo en habelas. Os medios falan de estudos prometedores que son iso, estudos que se están facendo e que están dando resultados. Pero antes de que eses medicamentos cheguen a nós van pasar meses ou incluso anos, posto que deben superar probas de efectividade e de seguridade moi estritas que non son para xa e, ademais, despois hai que producilos en masa e distribuílos… algo que, mal que nos pese e por moito que o desexemos, tampouco vai ser estes días.

Por iso, o máis importante é coidarse moito e respectar todas as medidas preventivas que se están adoptando. As principais: máscara en todo momento, ollo coas aglomeracións de xente, respectar sempre a separación mínima de 1,5 metros e hixiene de mans e respiratoria en todo momento.

 

 

 

Share.