A XI Xornada de Cultura popular Galega xuntará música e xogo tradicional na Casa da Cultura

0

A outra grande referencia cultural da fin de semana en San Sadurniño vai ser a celebración da XI Xornada de Cultura popular Galega organizada pola AFC Berros do Castro. Un evento que volve estruturarse en tres apartados cos que encher toda a xornada do sábado. O título elixido este ano é “Xogando coa tradición” e o día comezará, precisamente, cunha mostra de enredos do mestre Antón Cortizas que se poderá visitar durante toda a xornada no recibidor da Casa da Cultura. Proseguirá logo cun obradoiro sobre o pandeiro tradicional titorizado por Xulia Feixoo e Guillerme Ignacio e, como remate -a iso das 20.00h.-, teremos os concertos gratuítos ofrecidos polas persoas participantes no taller, pero tamén pola AC Buxainas -Cedeira- e polo cuarteto ferrolán Raparigos. A exposición e mailos concertos da tarde son con entrada libre, mentres que a para asistir ao curso acelerado de pandeiro fai falla pagar o prezo simbólico de 10€ e apuntarse antes nos teléfonos  669 795 418 e 626 140 798.

No repaso ao programa do sábado cómpre empezar pola mostra de xoguetes tradicionais de Cortizas, quen traerá a San Sadurniño “O xoguete tradicional na nosa cultura”. Trátase dun completo mostrario de enredos e xogos de toda a vida que este mestre ferrolán foi reunindo durante anos de investigación. Un labor do que mesmo saiu o libro “Chirlosmirlos: enciclopedia do xogo popular”, todo un manual ilustrado sobre como pasalo ben igual que antano.

A exposición de xogos estará aberta desde primeira hora da mañá no recibidor da Casa da Cultura. Xusto ao lado, no auditorio, desenvolverase durante a mañá e a tarde o obradoiro de pandeiro cadrado impartido pola etnomusicóloga Xulia Feixoo e o cofundador de Quempallou e mestre de canto e pandeireta Guillerme Ignacio. O temario contempla un repaso ás músicas de tradición oral que se acompañan con este instrumento, aínda que a formación será eminentemente práctica abordando para iso técnicas, ritmos e exemplos de pezas. A sesión será un maratón de percusión manual que se prolongará desde as 10 até as 19.00h. facendo unha pausa para o xantar.

O grupo de persoas participantes preparará pola tarde un pequeno repertorio que inaugurará ás 20.00h. a parte da xornada dedicada aos concertos. Ademais, a  AFC Berros do Castro tamén chamou nesta ocasión á Asociación Cutural Buxainas, nacida en Cedeira en 1994 como grupo centrado na música e na danza tradicional galega. Pecharán as actuacións do serán o cuarteto ferrolán Raparigos, quen xa o ano pasado protagonizaran a xornada cultural con motivo do seu medio século de vida.

Os concertos desta XI Xornada de Cultura popular Galega son con entrada libre ata completar o aforo da Casa da Cultura, mentres que a participación no obradoiro de pandeiro ten un prezo simbólico de 10€ e fai falla apuntarse previamente contactando coa AFC Berros do Castro no correo berrosdocastro@gmail.com ou nos teléfonos  669 795 418 e 626 140 798. Quedan poucas prazas libres.

 

Share.