A XI Feira Rural, escenario dunha das probas morfolóxicas da Raza Can de Palleiro

0

San Sadurniño acollerá o próximo 31 de agosto unha das probas morfolóxicas puntuables para o  trofeo Can de Palleiro do ano 2020 en Galicia, organizado polo Club Raza Can de Palleiro. O evento contará con tres categorías separadas en cada caso para machos e femias: mellor cachorro/moi cachorro, destinado ao xulgamento morfolóxico de animais de 3 a 9 meses; mellor animal xove -de 9 a 18 meses- e mellor animal adulto, é dicir, maior de ano e medio. Ademais, de entre todas as categorías tamén se elixirá a mellor cadela ou can do concurso. Quen teña un can ou unha cadela deste tipo pode inscribirse ata o 28 de agosto no correo candepalleiro@candepalleiro.com ou chamando ao 629 864 754.

Para poder participar é condición indispensable formar parte do Libro Xenealóxico da Raza supervisado polo propio club desde que a Xunta comezou a recuperación das razas caninas autóctonas de Galicia, fai agora 20 anos. Porén, no caso dos animais adultos -máis de 18 meses- deberán ter recibida a cualificación de aptitude para a reprodución dentro dos estándares morfolóxicos da raza Can de Palleiro.

O concurso de San Sadurniño -e todos os que desenvolve o club- rexerase pola normativa dos certames de morfoloxía  publicada pola Real Sociedade Canina de España. Esta será a primeira das probas da raza que se celebrarán dentro do trofeo ao mellor exemplar do ano 2020. O galardón entregarase na Semana Verde de Silleda o ano que vén. Ata daquela contaranse alomenos catro monográficos coma este -o seguinte será en Ponteareas o 7 de setembro- e para optar ao título final será requisito ter participado en alomenos dous deles.

O X Monográfico da Raza Can de Palleiro comezará sobre as 16.30h. coa inspección veterinaria dos animais inscritos e media hora despois iniciaranse as probas morfolóxicas nunha área valada duns 150 m². A participación no concurso é gratuíta, pero será obrigatorio cursar a solicitude a través do 629 864 754 ou do correo candepalleiro@candepalleiro.com antes das doce da noite do 28 de agosto.

O obxectivo tanto do monográfico como do trofeo anual é, segundo o club, “apoiar o labor das persoas propietarias e favorecer a recuperación da raza canina autóctona Can de Palleiro”. Ademais de organizar a proba, a entidade tamén terá durante toda a xornada da Feira Rural un posto de información sobre as actividades que desenvolve e sobre como facerse cun exemplar con pedigrí.

A feira será, polo tanto, un bo lugar para coñecer máis en profundidade unha raza que se coñece en Galicia desde antigo, aínda que durante moito tempo “can de palleiro” fose sinónimo de can sen caste. Froito de xeracións e xeracións de cruzamentos para obter un animal de garda e pastoreo, os traballos de identificación que se desenvolveron a finais do século XX deron como resultado a definición dun estándar racial que, unha vez recoñecido oficialmente, se comezou a recuperar con supervisión da Xunta e do Club Raza Can de Palleiro, depositario do libro de rexistro xenealóxico.

Outros animais
Ademais das cadelas e cans da raza autóctona galega, na XI Feira Rural de San Sadurniño tamén poderemos ver durante todo o día unha impresionante colección de aves rapaces. Aguias, azores, falcóns, mouchos e outras especies permanecerán nunha área acoutada que permitirá ollar os exemplares de preto.

A exposición destas aves de cetraría -arte milenaria da caza con aves adestradas- combinarase con dúas exhibicións do seu voo e da súa habilidade para capturar cebos tanto na terra coma no aire. A primeira terá lugar na parte traseira da carpa principal da feira a iso das 12.00h. e a segunda ás 18.30h.

Máis información:
Programación completa da XI Feira Rural

Share.