A Xeración Z fai autocrítica do seu xeito de vida

0

Neste mundo hai que poñerlle etiquetas a todo, incluso ás xeracións que van nacendo relacionadas con cambios sociolóxicos ou tecnolóxicos que marcan a sociedade. Oímos falar da Baby Boom nacida trala II Guerra Mundial, da Xeración X onde entraría a xente nacida entre mediados dos 60 e principios dos 80 e tamén da Xeración Y -máis coñecida como “Millennials”- que medrou parella con internet e a revolución tecnolóxica. O último termo acuñado ata agora pola socioloxía e a psicoloxía é a Xeración Z, é dicir, a rapazada que hoxe é adolescente e que xa é nativa dixital, con todo o que iso ten de bo e de malo. Non lles importa saber como funcionan os trebellos -como ocorre cos millennials- senón que os usan con tal naturalidade que xa non entenden nin o mundo nin as relacións sociais sen estar pegados a eles. E iso tamén ten consecuencias: maior illamento, menor capacidade para afrontar situacións da vida real, problemas para xestionar a frustración, dificultade nalgúns casos para  interactuar con outras persoas se non é a través dalgunha interfaz ou rede social. E iso non o dicimos nós, dino estudos sesudos que analizan o frenético cambio en todos os ámbitos -laboral, político, do pensamento, etc.- ao que nos abocou a rede e a conectividade instantánea. Da comuñón rapazada-dispositivo fala precisamente unha das últimas curtametraxes do Chanfaina Lab, titulada “Conectado”. O curioso do asunto é que a peza non é obra, como cabería agardar, dun carca “millennial” ou dun “xeración x”, senón dun mozo Z. O seu nome é Pablo Martínez e aos seus catorce anos foi capaz de afastarse un pouco e mirar con perspectiva o mainstream da súa xeración para retratar os efectos menos bos de tanta conexión e de adentrarse de máis na irrealidade do mundo virtual.

Pablo Martínez -xunto cos seus colegas Iago, Joám e Catalina- son os participantes mais novos do 5º Chanfaina lab. Hai pouco que cumpriron os catorce anos e que comezaron 3º da ESO no CPI de San Sadurniño. De sempre, Pablo foi un mozo inquedo e activo, pois dende os seis anos gústalle gravar coa cámara “o que pode”, aínda que a súa teima verdadeira é a animación.

Os seus xéneros favoritos son os filmes de fantasía e ciencia ficción, mais tamén os videoxogos, nomeadamente os que se desenvolven en “mundos abertos”. De feito xestiona PJPentakill, a súa propia canle de videoxogos en youtube. Hai xa dous anos sorprendéranos coa frescura que zumega a súa curta “O meu traxecto ao cole” e no Chanfaina de 2017 realizara o moi meritorio “Enamorándose de San Sadurniño”

Nesta edición ademais de axudar nas curtas dos seus amigos “A rapaza que borboriñaba aos cabalos” e “The Sansa stomp”, asistiu ao curso de iluminación básica impartido por Alberte Branco e ao de gravación de son de Carlos Suárez.

Porén, para o encontro audiovisual de setembro de 2018, Pablo optou por realizar unha peza máis elaborada e que transmitira unha mensaxe á xente da súa xeración: “A idea da curta chegoume ao ver un vídeo cómico cunha estrutura similar, na que me inspirei para realizar “Conectado”, idea que levei a cabo sen moitas dificultades, pero que me fixo aprender cousas novas sobre a edición dos vídeos. O principal obxectivo da curtametraxe é amosar aos espectadores a realidade que é o feito de vivir pegados ás pantallas, dun xeito algo esaxerado pero absolutamente verosímil, mostrando algo que sucede na actualidade como son os mozos que viven encerrados na súa habitación, situación moi común en lugares coma Xapón.”

“Conectado” representa un grande salto cualitativo con respecto ás pezas feitas por Pablo en anteriores Chanfainas, pois a planificación e a posta en escena están ao servizo dunha mensaxe que anima á mocidade a enxergarse na vida exterior, abandoando o enclaustramento e illamento que ás veces promoven as novas tecnoloxías: “Este ano esforceime por mellorar a calidade tanto de edición coma de narrativa, e espero que siga mellorando co paso dos anos, realizando tramas mais complicadas e mellor editadas, ou simples, pero constando da capacidade de decisión entre unhas e outras, e non tendo o meu nivel como limitante”.

Tal e como comenta o profesor Manolo González na ficha da curta en Fálame de San Sadurniño “sorprende a madurez e humildade que reflicte este novísimo e prometedor cineasta no que xa podemos observar os trazos que van definir unha mirada propia. Volve  ser un orgullo e unha honra contar coa participación de rapaces tan creativos como Pablo e os seus colegas”.

De seguro que Pablo ha apuntarse dos primeiriños no equipo de representantes locais da próxima edición do Chanfaina Lab. Xa hai datas reservadas: o venres 6, o sábado 7 e o domingo 8 de setembro. A relación de directoras e directores que acudirán á cita darase a coñecer, como vén sendo habitual, a mediados do mes de agosto.

 

Share.