A Xeorruta das Pías mostraranos o venres as curiosidades da zona sur do Proxecto de Xeoparque

0

Os concellos promotores do proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal -entre eles San Sadurniño- iniciaron hai dúas semanas o calendario estival de rutas con 16 itinerarios distintos e 71 saídas até o 14 de setembro que nos mostrarán o territorio desde o punto de vista da súa riqueza xeolóxica, natural e patrimonial. No noso concello vai desenvolverse a denominada “Xeorruta das Pías” este venres a partir das 16:30h, que nos levará primeiro ao castelo e a fervenza de Riolimpo para logo subir -cadaquén no seu coche- até o Forgoselo. Para participar neste percorrido guiado polo Doutor en Xeoloxía Francisco Canosa hai que anotarse a través deste formulario en liña. O prezo son 9€ por persoa. 

A ruta comezará ás 16:30h. no castelo de Naraío e, posteriormente, baixará a Riolimpo. Logo regresarase ao punto de partida e será necesario coller o coche para subir até Racamonde, lugar onde finalizará o paseo percorrendo a pista do parque eólico, salpicada a un lado e outro por distintas formacións graníticas.

Na primeira metade da tarde veranse as distintas fases da formación dos bolos graníticos -grandes rochas que aparecen na paisaxe, ás veces unhas dacabalo doutras- e tamén das pías, que son curiosos buratos resultado da erosión, nuns casos polo de desbaste producido por pequenas rochas cautivas en ocos, como ocorre na zona de Riolimpo, e noutros pola acción físico-química da auga da chuvia, algo que se verá claramente nas penas de Racamonde na segunda parte do traxecto.

A andaina é de dificultade media-baixa, apta para calquera idade e moi indicada para facela na compaña de rapazada polo seu contido didáctico. De guiala encargarase Francisco Canosa, quen ademais ofrece unha visión das orixes xeolóxicas da zona en relación con outros puntos do proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal.

O percorrido das Pías deste venres repetirase o día 25 de xullo e tamén o 6 e 31 de agosto. Este ano os sete municipios promotores programaron conxuntamente o calendario de xeorrutas e habilitaron na web do proxecto unha central de reservas en liña, única maneira de gardar sitio para participar nunha actividade que oferta 20 prazas.

Na web tamén se poden consultar as outras 15 xeorrutas que se van desenvolver até o 14 de setembro por todo o ámbito que aspira a converterse en Xeoparque Mundial da UNESCO.

Share.