A VI Carreira Popular Concello de San Sadurniño completa o cupo de 650 participantes na proba absoluta

0

Dez horas antes de que finalizase o prazo para apuntarse na proba absoluta da VI Carreira popular de San Sadurniño, a web www.rockthesport.com xa recollera as 650 solicitudes marcadas como tope para o desenvolvemento dunha cita co deporte en familia e a prol da igualdade que este domingo 26 de maio percorrerá os arredores do paseo fluvial. A presentación oficial da carreira tivo lugar hoxe ao mediodía nunha Casa da Cultura ateigada de rapazada do CPI, con presenza do dúas veces olímpico e recordman galego Andrés Díaz, quen posúe desde hai dúas décadas a mellor marca europea dos 1.500 en pista cuberta. Porén, antes de escoitar o que Díaz lles tiña que dicir, as mozas e mozos asistiron a unha charla da investigadora Cristina López sobre a historia do deporte feminino en Galicia.

López resumiu o contido da súa obra “Pioneiras do deporte en Galicia”, onde repasa os nomes e xestas de mulleres que, desde os albores do século XX, racharon coa barreira patriarcal para poderen practicar distintas disciplinas en igualdade de condicións que calquera home.

Os primeiros compases da centuria, especialmente os anos 20, foron tempos de modernidade e progreso nas ideas nos que xermolaron múltiples formas de exercicio vencellado á saúde e tamén como espectáculo masivo. E nese contexto Galicia tamén viviu unha certa revolución coa chegada do fútbol e doutros deportes, capitalizados polos homes e, case sempre, polas clases máis ricas. De feito, Cristina López referiuse varias veces ao exemplo de San Sadurniño e os testemuños dispoñibles en Fálame de San Sadurniño sobre María Natividad Quindós -a marquesa- como sendeirista ou como tenista na pista que posuía nos xardíns do pazo, a única en toda a volta.

López falou tamén do club de hóckey Ícaros, de Ferrol, formado e dirixido integramente por mulleres, do primeiro partido feminino de fútbol do que se ten constancia en Galicia -disputado en Vigo en 1928-, da figura de Emilia Docet, grande nadadora, miss nos tempos da II República e activista social e política desde o Galeguismo; ou de Irene García, a capitana coruñesa dun equipo de homes que mesmo levaba o seu nome “Irene C.F.”, enchendo campos alí onde ía -cobrando as máis das veces- para vela xogar de porteira.

Mulleres, en definitiva “transgresoras” no seu tempo que batían co machismo social tradicional enmascarado en puritanismo que as obrigaba a nadar con pesados traxes de baño, cubertas desde o nocello até o pescozo, ou a ter que facer ciclismo con longas saias que incluso eran un perigo se se enguedellaban na cadea ou nos radios. Unha situación que contrastaba coa do mundo circense “onde as mulleres eran as fortes” e podían facer libremente calquera tipo de exercicio.

A carreira do domingo
A charla de Cristina López, organizada pola área de Igualdade, deulle paso ao seu remate á presentación da carreira popular do domingo, que ás 14.30h. de hoxe estaba en 650 participantes para a proba absoluta, número marcado como tope pola organización. As distintas competicións comezarán ás 11.00h. coas tandas Sub 14 e Sub 12 e, ao seu remate -a iso das 11.30h.- sairá a absoluta, que transitará por un itinerario de 5 km. máis 400 metros neutralizados. A cifra fai prever que o conxunto da carreira poida superar ás 800 persoas, tendo en conta que no Arboreto da Cortiña tamén vai haber varios circuítos para a rapazada que non requiren inscrición previa a través da web www.rockthesport.com.

Na presentación desta popular puntuable para o circuíto da Deputación, a concelleira de Cultura e Deportes, Sabela Íñiguez, destacou a importancia dunha carreira “que non teñen moitas vilas e cidades máis grandes ca nós”, en especial por ser unha carreira “cunha alta participación feminina, familiar e de rapazada, algo que nos fai sentir moito orgullo”. Na mesma liña tamén se pronunciou Luís Gamundi, exprofesor do CPI e membro do Club Castro de Lobadiz, que colabora coa organización da cita. A el tocoulle presentar ao padriño deste ano: o atleta coruñés Andrés Díaz,  dúas veces olímpico e plusmarquista europeo nos 1.500 en pista cuberta.

Díaz faloulle ao alumnado do CPI de San Sadurniño sobre a súa traxectoria deportiva e sobre os beneficios da práctica deportiva, máis que nada “na aprendizaxe de valores como a responsabilidade, o esforzo, o autocoñecemento, a colaboración e a perseverancia”. Neste sentido, o atleta insistiu en que “se aprende máis dos fracasos que dos éxitos”, engadindo que fracasar “obriga a reflexionar”. “Éxito e fracaso son só percepcións que dependen de con quen nos comparemos, o importante é competir contra un mesmo”, dixo o atleta.

Antes de entrar na quenda de preguntas, Díaz recomendoulle á cativería que aproveitase “os valores que ensina o deporte” en canto a “esforzo, disciplina e motivación” que, no seu caso, lle axudaron a rematar os seus estudos universitarios pasados os 35 anos despois dunha mocidade dedicada ao deporte de alto rendemento.

 

Share.