A unidade móbil da ITV Agrícola posiblemente non volva ata comezos de ano

0

O Concello recibiu nos últimos días varias chamadas de veciños e veciñas para preguntar se había algunha información sobre cando virá por San Sadurniño a unidade móbil da ITV Agrícola, que habitualmente se situaba en Santa Mariña e en Igrexafeita. O alcalde púxose en contacto este luns con SyC APPLUS+ ITV  para interesarse pola cuestión e desde a concesionaria das inspeccións comunicaron que non prevén desprazar ningún equipo ata polo menos “xaneiro ou febreiro do 2021” debido aos retrasos acumulados nos últimos meses. En calquera caso, tal e como lle comentaron ao alcalde, a validez das inspeccións técnicas para os vehículos agrícolas “destinados a labores no campo” -tal e como cita literalmente o BOE- está prorrogada até o 10 de novembro. Porén, de momento non se sabe que vai pasar despois desa data.

APPLUS-SyC ITV non adianta ningunha previsión máis aló do horizonte temporal de xaneiro ou febreiro do ano que vén, polo que a pregunta obvia é a de que vai ocorrer cos tractores que teñan vencida a “revisión” despois do 10 de novembro. Na ITV non comentaron nada ao respecto, posto que a súa función é a de verificar o correcto estado de circulación da maquinaria, non a de decidir como debe actuar Tráfico en caso de parar un vehículo agrícola sen a inspección en vigor.

Neste sentido, o Concello tamén se puxo en contacto coa Delegación do Goberno na Coruña de cara a solicitarlle información sobre se se conta con ampliar a vixencia das inspeccións ou, en caso contrario, se se vai dar algunha instrución desde a Dirección Xeral de Tráfico no sentido de flexibilizar as posibles actuacións no caso de vehículos agrícolas que deberían ter pasado a ITV desde a declaración do primeiro Estado de Alarma. “Sería un gran inconveniente que os tractores tivesen que ir á Gándara pasar a revisión despois do 10 de novembro, cando antes tiñan garantida unha inspección todos os anos en Santa Mariña, en Igrexafeita e en Moeche. Ademais tamén sería inxusto que calquera veciña ou veciño fose multado despois desa data por por non ter a revisión pasada se lles caducou durante o estado de alarma, xa que non é culpa deles que as unidades móbiles vaian con retraso no seu calendario”, comenta Secundino García.

Desde Delegación do Goberno  remítense á normativa da prórroga ata o 10 de novembro sen avanzar se o prazo se vai ampliar ou non -posibilidade que tampouco se descarta-, polo que recomendan solicitar vez na estación máis próxima a pesar de recoñeceren o inconveniente que supón ter que levar a maquinaria ata alí,  sexa desprazándose polos seus propios medios ou sobre unha plataforma.  Tampouco se aclara como vai proceder Tráfico a partir desa data se as patrullas detectan algún tractor circulando sen a itv ao día. Fontes da Delegación aseguran que a Xefatura provincial de Tráfico “está ao tanto e comprende a situación”, ao tempo que recordan que o feito de circular sen itv é un risco para a seguridade e, ademais, unha complicación legal engadida no caso de que se produza un accidente.

Desde o Concello enviarase unha solicitude oficial dirixida a SYC APPLUS+ ITV co obxectivo de que se “axilice no posible” o calendario de inspeccións itinerantes para vehículos agrícolas, ante a incertidume de que vai ocorrer despois do 10 de novembro. Tamén se cursará unha petición á Delegación do Goberno co obxectivo de que se amplíe a prórroga das inspeccións polo menos dous meses máis, como única maneira de asegurar que tractores e outra maquinaria circulan dentro da legalidade mentres agardan pola “revisión”.

Con todo, desde o Concello vólvese lembrar a necesidade de ter sempre os vehículos en orde de revista, independentemente de que lles toque ou non pasar a ITV. O máis importante é que teñan en perfectas condicións as rodas, os freos e todo o sistema de iluminación e indicación. Por seguridade tamén cómpre ter en bo estado a dirección, os enganches de apeiros -fundamental ter protexidas as tomas de forza- e, se se pode, dotar o vehículo dun arco ou unha cabina homologada que nos protexa no caso de envorcamento, principal causa de morte en Galicia por accidentes no agro.

Share.