A serie “Rapa” tamén se rodará en San Sadurniño

0

Cedeira acolleu este martes a persentación da rodaxe de “Rapa”, a nova serie de Movistar+ dirixida por Jorge Coira e protagonizada por Javier Cámara. Na vila mariñeira déronse cita, ademais do equipo técnico e interpretativo, representantes dos municipios da zona onde se localizan os escenarios deste thriller ambientado na Serra da Capelada. Ferrol e Cedeira coparán boa parte da filmación, que tamén chegará a San Sadurniño no mes de novembro. A produtora da serie -a galega Portocabo- xa estivo en agosto no noso concello para elixir espazos, entre eles as instalacións da Casa da Xuventude e o Pazo, con previsión de gravar varias escenas a mediados de novembro. Deste modo San Sadurniño volve converterse en plató para o audiovisual, despois da rodaxe de “Néboa” (TVE), de episodios de Serramoura (TVG) e, sobra dicilo, das pezas do Chanfaina Lab.

Detrás de “Rapa” está practicamente todo o equipo que produciu “Hierro”, a serie máis vista de Movistar+ en 2020. A idea é de Fran Araújo e de Pepe Coira -quen estivo con nós na pasada Feira Rural- e da dirección ocúpase o seu irmán Jorge, guionista, director e montador que ademais dunha chea de Mestre Mateo tamén garda un Goya á mellor montaxe polo filme “El desconocido”, do monfortino Dani de La Torre.

O pequeno dos Coira participou no Chanfaina Lab 2016-17 e quizais fose daquela cando foi tomando nota mental de espazos susceptibles de encaixar en futuros proxectos, como é hoxe a serie “Rapa”. Para o director é unha volta ao traballo na terra despois do seu anterior proxecto, filmado integramente na illa canaria de El Hierro. Onte en Cedeira expresou a súa satisfacción por regresar e por poder contar “unha historia coma esta, cos actores e actrices marabillosos que temos en Galicia, e con ese equilibrio divertido de poder facer algo que para o público sexa recoñecible como un mundo cercano ao de ‘Hierro’, pero ao mesmo tempo novo e moi diferente en canto ao entorno e os temas que moven aos personaxes”.

Tal e como se avanzou  na presentación oficial,  “Rapa” consta de 6 episodios de 50 minutos cada un. Os escenarios principais son a vila de Cedeira e a Serra da Capelada, onde se desenvolve unha trama que arranca co asasinato da alcaldesa dun municipio ficticio que copia o nome da propia serra. O crime prodúcese no día da rapa das bestas e Tomás -Javier Cámara- é a única testemuña duns feitos que tentará aclarar Maite -Mónica López-, sarxento da Policía Xudicial da Garda Civil.

Cámara declarou na presentación estar “emocionado” por participar nesta serie de intriga, un xénero co que tiña moitas ganas de traballar “sobre todo despois de ver Hierro”, e destacou o enorme talento do resto do elenco, na súa maioría galego e con nomes como o de Lucía Veiga, Eva Varela, Toni Salgado, Berta Ojea, Iria Sobrado, Tito Asorey, Ricardo Barreiro ou Mabel Rivera.

A outra protagonista, Mónica López, mostrouse encantada con metere na pel de Maite, “un personaxe complicado e excitante”, para o que está facendo “unha inmersión total” en Galicia.

Pepe Coira, creador da serie xunto a Fran Araújo, referiuse á importancia que ten nesta ficción o coñecemento dos personaxes e das súas motivacións, pero tamén os espazos en que se desenvolve a trama, que terá como pano de fondo a paisaxe do proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal. De feito, Secundino García comentaba esta mañá que produtos audiovisuais “desta envergadura e para plataformas masivas” axudan a mostrar un territorio “que aínda é un grande descoñecido, incluso dentro de Galicia”, reforzando desta maneira  ademais, “a parte turística e de desenvolvemento económico asociado a ela”.

“Rapa” en San Sadurniño
O equipo de Portocabo leva xa varias semanas filmando en localizacións de Ferrol e Cedeira. O seu plan de traballo inclúe outras zonas da costa e tamén do interior. Jorge Coira e outros membros da produtora estiveron a principios de agosto en San Sadurniño para buscar espazos acaídos á trama, entre os que elixiron a Casa da Xuventude, a praza do antigo Concello e a parte baixa do Pazo, aínda que cabe a posibilidade de que a rodaxe tamén se traslade a outros puntos exteriores do noso territorio.

De acordo cos calendario que anticipaba naquel momento o director da serie, as gravacións en San Sadurniño desenvolveranse, previsiblemente, durante a segunda metade do mes de novembro.

Share.