A Rolada recolle 29 solicitudes de praza para o curso 2018-19

0

Hai tan só uns días que rematou o segundo período de solicitude de praza para a Escola Infantil Municipal “A Rolada”, despois de que durante a primeira quincena de marzo estivese aberto á súa vez o prazo para reservas daquelas criaturas que xa estivesen matriculadas no centro. Ao peche de ambos prazos, o Concello recibiu un total de 29 peticións -2 máis que o ano pasado- que agora deberán ser baremadas pola área de Igualdade antes de ser confirmadas. Posteriormente, entre maio e xuño, as familias admitidas poderán efectuar as matrículas.

As solicitudes presentadas distribuíronse do seguinte xeito en cada unidade educativa: para 0-1 ano houbo 1 petición, para a unidade de 1 a 2 recibíronse 11 solicitudes e para o último ciclo, o de 2 a 3 anos, achegáronse 17 instancias. Números que aínda poderán variar, posto que aínda cómpre valorar tanto as solicitudes de reserva como as de nova incorporación e, ademais, hai familias que solicitan en varios centros ao mesmo tempo e que despois elixen o que lles queda máis á man.

Porén, no suposto de que esta fose a adxudicación de prazas definitiva e que se efectuasen tantas matrículas como solicitudes, o servizo de ensino e conciliación disporía aínda de 7 prazas para bebés de 0 a 1 ano, mentres que na unidade de 1 a 2 anos quedarían dúas vacantes e na de 2 a 3 anos o cupo estaría completo.

Tan pronto como se complete o proceso de baremación das peticións publicarase no tablón de anuncios do Concello e no propio centro a resolución provisional do alumnado admitido e dos horarios e servizos elixidos.

Logo abrirá un prazo regulamentario de 10 días para que as familias comproben que toda a información é correcta e para que, de ser o caso, presenten as reclamacións que estimen oportunas. Pasado ese tempo reunirase a comisión de avaliación e seguimento da escola co obxectivo de analizar e resolver as alegacións se é que as hai e, se non, o contido do listado quedará aprobado automaticamente.

Unha vez que a lista de admisións sexa definitiva notificaráselles ás familias por correo. Unha vez recibida esa notificación empezará a contar un novo período de 15 días para que formalicen a matrícula.

Descargas:
Regulamento de funcionamento da EIM

Share.