A Rolada empeza curso con tan só seis prazas libres

0

Primeiro día de escola na EIM A Rolada. Día de reencontro para a cativería que xa estivo matriculada no centro o ano pasado, pero tamén día de estrea para aquelas criaturas que empezan a escola, nuns casos aínda bebés e, noutros, xa con certa autonomía. Porén, tamén foi día de comezo para os papás e mamás vendo como se adapta a rapazada ao entorno e ao equipo de mestras co que convivirán os próximos meses. Este ano A Rolada rexistrou o seu máximo de matrículas, pendurando o cartel de completo nas unidades de 1 a 2 anos e de 2 a 3. Das 38 prazas ofertadas para este curso só quedan 6 vacantes na unidade de 0 a 1, que seguramente se cubran antes de finais de ano. 

Tal e como comentaba a directora da escola, Lucía Formoso, o primeiro día foi “bastante tranquilo”, tendo en conta que se trata do ano “máis numeroso” en canto a alumnado. “Non temos moitos choros e os nenos e nenas estano levando moi ben… A ver que pasa o luns, cando empecen a quedar sós”.

A incorporación ao centro faise pouco a pouco para que a cativería se vaia adaptando progresivamente ao espazo e ás novas caras coas que compartirán tempo, xogos e aprendizaxe. Neste primeiro día só foi unha pequena toma de contacto e de presentacións. A partir da semana que vén, as crianzas irán ampliando cada día o tempo de estadía mentres se reduce, tamén aos poucos, a presenza de maiores. “Hoxe o que fixemos foi unha xornada de portas abertas coas familias e a partir do luns empezan unha adaptación escalonada. O luns veñen unha hora ou hora e media, entran coas familias. A partir de aí imos aumentando pouco a pouco o tempo para que se vaian adaptando de forma correcta”, explica Formoso.

Este período estímase nuns 15 días e desenvólvese na medida en que os pais e nais “van podendo” deixar os nenos e nenas sen forzar situacións desagradables. Hai criaturas moi independentes que se adaptan desde o primeiro día mentres que a outras lles custa un pouco máis asumir o cambio de rutinas. Con todo, na práctica totalidade dos casos a entrada na escola -momento no que sempre hai algún pequeno disgusto-  e a convivencia normalízanse incluso antes desas dúas semanas de adaptación.

A EIM A Rolada ten capacidade para atender a 38 nenas e nenos. Este ano recibíronse un total de 32 solicitudes de matrícula que ocuparon completamente as unidades de 1 a 2 anos e de 2 a 3.  “Quedan libres 6 prazas na unidade de bebés, as outras dúas están completas. Pero esperamos que en decembro esteamos cerca de encher a unidade de bebés”, apunta a directora da escola.

Share.