A Rolada despide unha nova promoción de nenas e nenos

0

A Casa da Cultura encheuse esta mañá de música, risas e inxentes cantidades de emoción no acto de fin de curso da EIM A Rolada. As nenas e nenos dos tres cursos do centro ofrecéronlles ás súas familias varios bailes ao son de música galega, ademais de presentaren a peza “A Chanfaina da Rolada” producida pola cativería coa axuda das súas mestras. O vídeo mostra todo o que se fai na escola nun día calquera e vén ser unha homenaxe ao encontro audiovisual Chanfaina Lab que se desenvolve en San Sadurniño a primeiros de setembro. Porén, no acto de peche do curso da escola infantil tamén houbo o momento solemne de entrega de diplomas á rapazada que marcha “ao cole de maiores”. 

A clausura do curso comezou pouco despois das 11 da mañá nun salón de actos máis que mediado de papás e mamás e outros familiares, en case todos os casos cámara ou móbil en ristre para non perder detalle da actuación infantil.

Antes de empezar, a directora da escola, Lucía Formoso, agradeceu a colaboración do Concello e das familias da ANPA “por facernos tan cómodo o traballo”. Tamén tivo palabras de recoñecemento para as súas compañeiras na escola, destacando delas “o amor polo seu traballo” e o empeño demostrado “para sacar adiante o proxecto”.

Con todo, as palabras máis emotivas da directora foron para os nenos e nenas que agora marchan. Meniños e meniñas que na súa maioría medraron na escola e que “levan un cachiño do noso corazón”.

Deseguido empezou o espectáculo coa unidade de 2 a 3 anos. Ataviados e ataviadas cun traxe tradicional galego elaborado con grande detalle con cartolina e plástico, bailaron o “E pousa, pousa, pousa” na versión de Uxía Lambona e a Banda molonaA música deste grupo púxolle banda sonora a todas as montaxes da escola. Así,  os máis pequenos e pequenas -0 a 1 ano- saíron ao escenario con estética roqueira para bailar “Fame”, versión de Uxía e a súa banda do afamado Thunderstruck de AC/DC. En penúltimo lugar actuou a unidade de 1 a 2 anos bailando “O espantallo divertido” e, como fin de festa musical, de novo a clase saínte de 2 a 3 anos cos “Catro vellos mariñeiros”.

Antes de pasar ao momento solemne da entrega de diplomas aos 11 nenos e nenas que empezarán no CPI en setembro, a escola agasallou o público coa montaxe audiovisual “A Chanfaina da Rolada”. Nela, é o propio alumnado quen grava e conta -con axuda das mestras- o que fan todos os días na escola: a xuntanza de pola mañá, o coidado da horta, o tren, limpar os dentes… e así ata compoñer unha ducia de pequenas historias certamente simpáticas que han cobrar moito máis valor a medida que vaian pasando os anos e a cativería facéndose maior.

Logo do documental inspirado no Chanfaina Lab, os pequenos e pequenas de 2-3 recibiron os seus diplomas de graduación de mans da Educadora Familiar do Concello, Pilar Calvo. Un título simbólico que é ao mesmo tempo pasaporte para “o cole de maiores” e fin dunha etapa, a da primeira escolarización, que lles quedará gardada na memoria para sempre. Igual que ás súas mestras. Visiblemente emocionadas despedíronse das crianzas entre bágoas e apertas. Para elas tamén houbo aplausos e agradecementos por parte da ANPA da EIM A Rolada, quen tiña gardada unha “Lola da Cascarilla” para cada unha delas.

Despedida tamén da escola de ximnasia de mantemento
E non só despediron curso as nenas e nenos de maior idade da EIM, senón que este venres tamén pecharon ano as escolas de ximnasia de mantemento que se imparten polas parroquias. Estaba previsto facer unha exhibición de exercicios e xogos cooperativos nos xardíns municipais. Porén, finalmente, a calor abafante e pegañenta da tarde aconsellou levar as actividades á sombra do patio interior da Casa do Concello.

Nese emprazamento, a vintena de mulleres -cunha media de idade superior aos 70 anos- demostraron que se atopan moi en forma participando nos desafíos que lles tiña preparado o seu profesor, o técnico deportivo David Guiñazu. Ao remate da tarde, e para repoñer forzas, todas elas desfrutaron dunha merenda e dunha chea de paroladas e contos.

Foto de familia das participantes nas actividades de ximnasia de mantemento

Foto de familia das participantes nas actividades de ximnasia de mantemento

Share.