A RedeXiana2 ofrece un curso preparatorio para a obtención do carné B

0

A RedeXiana2 é un proxecto de mellora da empregabilidade e de impulso do emprendemento a través da formación impulsado pola Deputación da Coruña e coa colaboración de 26 municipios da provincia, entre eles San Sadurniño. Dentro desta iniciativa agora convócase un curso para preparar a obtención do permiso de condución B, que habilita para guiar vehículos duna masa máxima autorizada de 3.500 quilos. As inscricións hai que facelas antes do mércores pasando pola oficina de Igualdade do Concello. O curso impartirase en Ferrol e consta de 400 horas de duración, 100 horas teóricas e 300 de prácticas, ademais do dereito a realizar o exame oficial para obter o carné.

A razón de dar tan pouco prazo para formular a solicitude vén motivada en que a coordinación do proxecto lle comunicou ao Concello a dispoñibilidade do curso xusto antes da fin de semana indicándolle que o mércores 20 era a data límite para entregar a documentación xunto coas solicitudes.

Para participar nesta acción formativa hai que cumprir varios requisitos:
-Ser demandantes de emprego no Servicio Público de Emprego de Galicia.
-Ter máis de 18 anos.
-Posuír o certificado de escolaridade ou nivel básico de lecto-escritura e comprensión lectora.
-Reunir as aptitudes psicofísicas requiridas en relación coa clase de permiso B que permitan a superación do test psicotécnico.

Terán prioridade as persoas que participasen ou estean participando nas accións específicas impartidas no marco do proxecto RedeXiana2, podendo, no caso de existir vacantes, facilitar a participación de persoas das fases iniciais de capacitación, pre-formación, formación transversal e complementaria desta iniciativa, ou en último lugar, persoas non beneficiarias do proxecto pero ás que a obtención deste permiso lles facilite o acceso ao mercado laboral.

Hai dispoñibles 18 prazas que poderán solicitar persoas empadroadas en calquera dos 26 concellos integrados na Rede Xiana2. No caso de San Sadurniño as inscricións deben facerse na oficina de Igualdade.Para o caso de persoas que xa participaran nalgunha acción formativa da RedeXiana2 só é preciso que actualicen a Tarxeta de Demandante de Emprego e o Informe de Vida Laboral. No caso de novas incorporacións ao proxecto, ademais da documentación anterior, tamén deberán achegar o DNI e a certificación dos estudos que posúan.

Xunto con este curso para obter o carné B, que habilita para conducir vehículos cunha masa máxima autorizada de 3.500 kgs., a RedeXiana2 tamén prevé convocar en breve outro para a obtención do título de Transporte de Mercadorías por Estrada -o CAP- de 300 horas de duración. Hai máis información no departamento de Igualdade ou a través da web do proxecto.

Share.