A rapazada inaugura os eventos co gallo das Letras

0

A Casa da Cultura foi durante esta mañá un non parar de actividade con motivo das Letras Galegas. Desde as 10.00 e ata as 14.00h. pasaron por alí máis dun cento de nenos e nenas para asistiren a tres espectáculos relacionados coa animación á lectura e co 17 de maio, día no que se reivindica a cultura do país recordando a quen foron alguén na arte da escrita. Este ano ese alguén é o ourensán Carlos Casares e sobre el e a súa obra aprendeu unha chea de cousas a cativería do CPI. 

Carlos Casares adiantouse xa en 1991 á tendencia das sagas de contos infantís coas historias protagonizadas por Toribio, un neno de oito anos cun enxeño fóra do común. Cheas de humor e imaxinación e marcadas polos fabulosos inventos do seu personaxe principal, as historias, sempre didácticas, reflicten unha das facetas da personalidade do autor: a fascinación pola tecnoloxía.

O actor e cómico Pedro Brandariz foi o encargado de levalas ao escenario da Casa da Cultura nun formato co que os nenos e nenas gozaron co personaxe mentres descubriron a figura dun escritor polifacético, ademais de activista político e cultural.

Porén, mentres Brandariz contaba as aventuras de Toribio, na biblioteca as criaturas máis pequeniñas -as dos primeiros cursos do CPI- participaban no espectáculo Elefantes que contan contos, de Carmen Domech. Neste caso o tema principal foi o do descubrimento do mundo e da maxia dos libros a través das historias de varios animais que, ao tempo, mostran valores como a amizade, a cooperación e a variedade cultural.

A biblioteca tamén foi escenario a partir das 12.15h. do Grande xogo das letras. Á rapazada propúxoselle un xogo por equiposxogo por equipos, para coñecer  a orixe e o significado do Día das Letras Galegas, así como os autores e autoras homenaxeadas ata o momento, incluído Carlos Casares. Desta actividade encargouse Eduvía, vías para a educación e nela participaron os cativos e cativas de 6º de primaria do CPI.

Casares en profundidade
A celebración das Letras Galegas continúa este mércores festivo e tamén o xoves con dúas propostas que permitirán coñecer máis en profundidade a figura de Carlos Casares.

Na tarde do 17 de maio, a partir das 19.00h., proxectarase na Casa da Cultura unha versión aínda non definitiva do documental de Gonzalo Veloso “Contando a Carlos Casares”. O director -que participou no Chanfaina Lab en 2015- aborda nesta peza a dimensión humana e cultural de Casares, botando man para iso da conversa con amizades e persoas que tiveron relación con el a través da política e da literatura.

Veloso reconstrúe a figura do autor buscando a persoa a través da súa metodoloxía de traballo, das motivacións e paixóns que permitan coñecelo como editor, como político e como axente cultural.

Da análise de Casares como escritor e activista tamén se ocupará a charla do xoves ás 19.30h. impartida polo catedrático Xesús Manuel Valcárcel, amigo persoal do autor falecido en 2002. Co título “Casares e a xeración dos 60”, Valcárcel  contextualizará o xurdir do escritor nunha Compostela de finais dos 60 que, malia a ditadura franquista, recibía as brisas revolucionarias que sacudían o resto de Europa.

Como estudante, Carlos Casares tería grande influencia de Ramón Piñeiro -figura do nacionalismo histórico en Galicia-, pero tamén do pensamento marxista. Tamén se vería seducido polas técnicas narrativas de Joyce, Faulkner, Kafka, Dos Pasos, Hemingway ou Sartre e o existencialismo francés. É dicir, pola modernidade aplicada á escritura en galego que tamén porían en práctica outros compoñentes da Nova Narrativa Galega.

De todo isto falará Xesús López Valcárcel nun encontro con entrada de balde que ten como obxectivo destacar a relevancia literaria e cultural de Carlos Casares. A conferencia -igual que as actividades infantís- encádranse no programa Ler conta moito, deseñado pola Consellería de Cultura para a Rede Galega de Bibliotecas.

Share.