A rapazada estrea o entroido

0

Último día de escola para a cativería antes dunhas minivacacións que rematarán o xoves, xusto despois dunhas datas nas que, quizais, teñan algo máis de corda. E é que neste tempo de Entroido case todo está permitido: as bromas, as chanzas, a mofa, as vestimentas que ninguén poría noutras épocas do ano e, en resume, poñer o mundo cos pés arriba antes de volver á normalidade. O colexio público celebrou o Entroido no recinto durante toda a mañá. Porén, ao mediodía, centos de máscaras desfilaron ata a praza do antigo Concello para retratarse, verse e deixarse ver todas xuntas baixo un sol primaveral. Mentres, na escola infantil, as criaturas roían orellas, galletas e gusanitos ataviadas como gatos, ratos e ratiñas.

Os primeiros en chegar ao pé do novo cuartel da Garda Civil foron os ciclos de primaria e, cousas do Entroido, plantáronse diante do destacamento da Benemérita vestidos de cacos. Todos de negro rigoroso para camuflarse na noite, todos con gorro de lá ou pasamontañas… e tamén con antifaces, aínda que neste caso había variacións de modelo xa que había quen o levaba de cartolina e quen optou por levalo estampado directamente na pel. Ningún garda saiu prender a caterva miúda, seguramente porque xa viña alindada desde o colexio por un nutrido grupo de policia loca(l) que a puña firme ao momento a golpe de asubío.

Policías e delincuentes eran os máis numerosos nun encontro no que tamén había outras máscaras. A cultura audiovisual marcou tendencia na elección de traxes: unha brigada de CSI, a tropa Mario Bros, a Branca de Neve de Disney cos sete ananos, cheer leaders das series americanas, algún que outro minion, un Actor Secundario Bob pululando polo medio, un pitufo de escasos meses…

E, entre todos eles, tamén grupos que optaron polas indumentarias de toda a vida, esas que sempre funcionan e que, se cadra, son as que entroncan directamente coa tradición. Porque, as cousas como son, non hai Entroido que se prece no que non haxa alomenos un cura e unha monxa. No desta mañá había varios. Por haber había ata unha procesión completa que por santo levaba o boneco dun mapache, aínda que a cativería se empeñase en dicir que era un koala. Incluso acudiu o Papa con seguridade privada e todo.

Quen tamén gozaron do Entroido foron os meniños e meniñas da Rolada, aínda que finalmente non se xuntaron cos maiores na praza do convento. Quedaron na escola xogando coas mestras, comendo orellas, gusanitos e galletas. Iso si, con cadanseu disfrace. Aquí a metade dos nenos e nenas ían de roedores mentres que a outra metade eran gatos e gatas. Unha proporción que tamén se lle aplicaba ás mestras. Ao mediodía, e aproveitando o bo tempo, saíron dar unha volta polo contorno da escola.

Máis actividades ata a semana
Desde mañá mesmo hai programadas máis actividades para a cativería. O ximnasio do CPI acollerá a partir das 17.00h. unha festa infantil de disfraces animada por La Guagua con música, xogos e hinchables. O domingo ás 18.00h. a Casa da Cultura encherase de maxia con Martín Camiña -espectáculo gratuíto para toda a familia- e para o luns organizáronse dous obradoiros: un de elaboración de traxes con material de refugallo e outro de pintura creativa dirixidos a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos. As dúas actividades estarán conducidas por Ita Animación.

La Guagua volverá o sábado 13 a Naraío -local social, 18.00h- co espectáculo Cantabaila. Será dentro do Entroido Infantil organizado pola A.VV. O Castelo de Naraío e é importante lembrar que a festa se celebrará dentro dunha semana e non mañá, como publicou erroneamente La Voz de Galicia na súa axenda.
– See more at: http://workplace.afaisca.com/gl/novas/contenido/0341_gl.html#/-1/

Share.