A Rapazada do Saíme participa no certame musical “Quero cantar” da Deputación da Coruña

0

Xa levamos tempo vendo que en San Sadurniño hai unha fantástica canteira de pandereteiros e pandereteiras formándose a través da escola municipal de música tradicional. Os nenos e nenas da escola teñen actuado en festivais, repichocas e encontros por toda a comarca, pero agora dán un paso máis embarcándose cun proxecto propio no concurso Quero cantar convocado polo departamento de Cultura da Deputación da Coruña. Fano interpretando a Xota de Narahío que xa leva circulando varios días pola rede con grande aceptación. O certame resolverase cunha votación a través do Facebook e coa valoración por parte dun xurado formado tamén por nenos e nenas na gala final que terá lugar no Teatro Colón da Coruña, á que só chegarán as 5 cancións máis votadas. Polo tanto, atención ao Facebook entre o 23 e o 29 deste mes, período no que estará aberta a votación popular.

Detrás da iniciativa están a profesora de canto e pandeireta da escola, Carmen Pedreira, e o músico Roberto Grandal, que foron os auténticos responsables de animar á cativería a presentarse ao concurso e quen guiaron a montaxe da peza Xota de Narahío tomando como base un poema escrito con 80 anos de idade por Lucía Pita, máis coñecida en Naraío comoLucita de Ernesto.

Esta veciña da Veiga -preto de onde ensaia a rapazada- non só é responsable da letra, senón que tamén se converteu en toda unha activista cultural da parroquia formando parte do grupo de pandereteiras adultas, participando nos obradoiros de memoria activa do Concello e sendo unha das protagonistas do proxecto Teño unha horta en San Sadurniño que estes días compite no festival de webseries Carballo Interplay. Carmen Pedreira comentaba hai uns días nunha entrevista na Radio Galega que para ela a xénese da canción “ten unha historia moi bonita” xa que, segundo asegura, expresa “o sentemento desta muller cara aos pequenos e a música”.

Con estes bimbios, a profesora e o acordeonista Roberto Grandal comezaron a preparar unha peza que, posteriormente, se converteu nunha maqueta gravada e mesturada por Grandal no propio local social de Naraío. Unha delicia melódica nas voces de Carla, Mateo, Marta, Dara, Alicia, África, Antía, Xulia, Area, Sara, Paula, Míriam e Candela. Son a Rapazada do Saíme, nome co que se inscribiron no certame musical Quero cantar da Deputación da Coruña, co que se pretende promover a creatividade e a música en galego entre a infancia. Un obxectivo que nos fai lembrar as Cantareliñas que impulsaran nos anos 80 en San Sadurniño o grupo Saraibas e o crego Ramón Díaz Raña cun lema ben acaído: “mentres canten os meniños Galicia será inmorrente”.

A fase preparatoria do Quero cantar supuxo para os nenos e nenas da escola unha experiencia en si mesma que xa compensa o traballo desinteresado de Grandal e Pedreira, pase o que pase no concurso. “Para eles é como ir a Eurovisión ou moito máis aló. Están moi ilusionados”, comenta Carmen.

Ao certame preséntanse 17 pezas que deberán pasar tres fases. A primeira é a de preselección das pezas por parte dun xurado técnico que se reunirá o día 13 deste mes. A segunda resolverase mediante unha votación a través do Facebook entre os días 23 e 29, polo que cómpre prestar atención á páxina nesta rede de Quero cantar. As dez cancións máis votadas xa terán como premio formar parte dun disco creative commons que se editará tralo concurso. As cinco que obteñan máis apoios serán as que pasen á fase final, que se decidirá no Teatro Colón da Coruña nunha actuación ao vivo perante un xurado formado neste caso por nenos e nenas.

Os premios son gorentosos. Ademais de gravar o disco, o grupo vencedor gravará un videoclip e levará 300 euros en material musical. O segundo clasificado tamén recibirá un vale por valor de 200 euros e do terceiro ao quinto levarán cadanseu por importe de 100 euros.

Máis información
Web de Quero cantar
Páxina en Facebook. Lembrade visitala e votar entre o 23 e o 29 deste mes.
Bases do concurso
Xota de Narahío na Radio Galega (minuto 33 ao 37)

Share.