A rapazada do CPI estrea este sábado na Casa da Cultura “A decisión”

0

O alumnado de 5º de Educación Primaria do CPI de San Sadurniño leva varios meses traballando nunha nova participación do centro no proxecto LÓVA -La Ópera como Vehículo de Aprendizaje- que se desenvolve en medio cento de centros de ensino de todo o Estado. A experiencia consiste en formar unha compañía e crear desde cero unha obra musical que, ademais, serve para traballar nas aulas a expresión artística, pero tamén conceptos como o do traballo en equipo, o respecto e a responsabilidade. A compañía infantil -denominada Bolboreta- estreará este sábado na Casa da Cultura a peza “A decisión”, que aborda o dilema de actuar ou non ante unha situación de discriminación. As representacións celebraranse ás 17.00h. e ás 19.00h. con entrada gratuíta, aínda que fan falla convites que a cativería practicamente esgotou repartíndoos entre as familias.

O propio nome da compañía di moito dos obxectivos de LÓVA. Nunha breve nota remitida polo seu departamento de prensa, a rapazada conta que a formación, igual que as bolboretas, ao principio foi “unha pequena eiruga que se alimentou dos retos que fomos conseguindo, e cando actuamos somos unha bolboreta que pode voar soa”. Ese camiño non foi doado xa que, segundo aseguran, “durante todo o proceso tivemos moitos problemas pero aínda así conseguimos representar a nosa ópera e poder voar sós, pasando de verme a bolboreta”.

O tema elixido para compoñer arredor del o libreto e maila música foi “a discriminación”, propoñendo o debate sobre se actuar ou non ante situacións discriminatorias de todo tipo  que se poden producir en calquera momento. “Criamos que é algo moi grave, algo que entre todos e todas temos que frear”, explican desde a compañía, que avoga na tese final por “non quedar quedos e quedas ante a discriminación”.

A obra titúlase “A decisión” e discorre maiormente nunha antiga mina. Os nenos e nenas escriben, compoñen, interpretan; levan a parte técnica da luz, do son e da escenografía… todo é cousa súa, aínda que  no proceso contan coa axuda do profesorado e de consellos facilitados por profesionais de cada ámbito creativo. Incluso fixeron algunhas excursións para se documentar ou obter inspiración, como por exemplo a saída que tiveron co xeólogo Fran Canosa á zona de Meirás coa finalidade de visitar algunhas das minas que hai na costa de Ferrolterra e, de paso, descubrir parte do patrimonio xeolóxico que agora se quere poñer en valor co distintivo de Xeoparque da UNESCO.

A compañía Bolboreta está formada por Jaime e Adrián na parte de composición musical. Como intérpretes actuarán Gabriel, Yasmín, Julia, Diana e Rubén. Da dirección de produción e escena ocúpanse Michelle e Area. Os axustes do libreto foron cousa de Diego e Iago. A caracterización fixérona Alma e Duarte. A escenografía deseñárona Adrián e Dara e a iluminación foi responsabilidade de Iván e Brais. Pechan o cadro artístico e técnico o equipo de documentación e relacións públicas: Marta, Laura e Rubén.

A asignación dos roles foi algo que decidiron entre elas e eles como parte dunha aprendizaxe diaria moito maior: “durante todo o curso aprendemos moitas cousas por exemplo: a respectarnos, traballar en equipo, colaborar, ser amigos, axudarnos, compartir, ser dilixentes, amables, concentrarnos, ter empatía, convivir, escoitarnos, … Todo o proxecto LOVA foi moi divertido. En xeral pasámolo moi ben, aínda que houbo momentos difíciles que superamos xuntos”.

Os nenos e nenas de 5º teñen hoxe un ensaio xeral que será na práctica unha preestrea, posto que a el asistirá como público alumnado doutros cursos. A posta de longo da obra “A decisión” producirase mañá sábado con dúas funcións, unha ás 17.00h. e outra ás 19.00h. A entrada é gratuíta mediante invitacións que, segundo parece, están xa están practicamente todas repartidas entre familiares e amizades do elenco.

 

 

 

Share.