A rapazada da Aldea de Verán aprende a linguaxe de signos

0

Na Aldea de Verán de San Sadurniño non hai sitio para o aburrimento. Todos os días se aprende algo novo e tamén todos os días se traballa sobre as emocións, os sentimentos e a importancia que ten a comunicación e saber poñerse no lugar da outra persoa… iso que se coñece comunmente como “empatía”. Esta semana foron un paso máis aló e iniciáronse coa profesora Mar Hermida na linguaxe de signos con dous obxectivos: ser conscientes das dificultades que afrontan día a día as persoas xordas e, por outra banda, interiorizar que só fai falla algo de aprendizaxe previa e algo de práctica para poder manter unha conversa.

Aínda que Mar sexa mestra, non deu unha clase. Mellor ca iso, propúxolles aos nenos e nenas da Aldea de verán xogar a facer acenos coas mans, acenos que teñen significados concretos e que as persoas cunha discapacidade auditiva entenden perfectamente. Na lingua de signos hai letras, palabras e verbos cos que tamén se constrúen frases e ideas, só que a súa expresión se fai a través da mímica, cun código propio entendible por quen coñece este idioma falado con xestos.

Durante a mañá deste luns, a rapazada aprendeu coa mestra e lingüista Mar Hermida algúns deses signos básicos e como empezar a dicir as súas primeiras palabras. Mellor dito, como empezar a “signar” as súas primeiras ideas: o nome, expresións afirmativas, negativas, estados de ánimo, etc. Tal foi a aplicación que en tan só hora e media a maioría dos nenos e nenas eran capaces de dicir coas mans como se chamaban e incluso de manter unha sinxela conversa só con signos.

Porén, antes de chegar a ese punto houbo un traballo previo para o que Hermida botou man do conto “Todos somos capitáns” pertencente ao repertorio de A Nena e o Grilo nun barquiño, de Magín Blanco. Un conto que lles axudou a aprender o básico da lingua de signos e, sobre todo, que todos e todas somos iguais, sen que importen as diferenzas físicas.

 

Share.