A programación do 8M aposta polo crecemento persoal e a homenaxe ás mulleres “que sempre están aí”

0
A Concellaría de Igualdade de San Sadurniño ten xa lista a programación do 8 de Marzo, Día Internacional da Muller, que neste 2021 tamén se verá condicionado pola pandemia. É máis, a propia pandemia e os seus efectos na vida das mulleres será o principal eixo das actividades que se van organizar para, por unha banda, proporcionar ferramentas de empoderamento e crecemento persoal e, por outra, homenaxear a todas aquelas mulleres que afrontaron nos últimos meses grandes sobrecargas familiares, pero tamén emocionais. As propostas do Concello pasan por unha serie de tres obradoiros virtuais que se desenvolverán os martes 9, 16 e 23 de marzo e polo convite a que se envíen fotos para publicar nas redes sociais municipais a xeito de tributo a aquelas mulleres “que sempre están aí”.
Os obradoiros virtuais titúlanse “Namórate da túa vida” e serán ofrecidos pola coach Laura Fernández mediante tres videoconferencias de 90 minutos de duración cada unha para as que se ofrecen 15 prazas, aínda que o mínimo para que o programa vaia adiante serán 5 inscricións. Para anotarse hai que enviar un correo a pilar.calvo@sansadurnino.gal ou contactar coa Educadora Familiar a través do 981 490 027. O último día para anotarse é o 5 de marzo.
É moi importante facilitar un correo electrónico de contacto -pode ser o propio ou o dun familiar- xa que nel se recibirá a ligazón para sumarse á charla virtual en vídeo que se desenvolverá a través da plataforma Zoom. Nas inscricións terán prioridade as mulleres empadroadas en San Sadurniño e só se hai prazas libres poderán acceder a elas veciñas doutros municipios.
As sesións, que son gratuítas,  arrancarán ás 20.00h. dos martes 9, 16 e 23 de marzo e con elas as participantes aprenderán a recoñecer as súas emocións, reconectar co seu corpo e tomar decisións para mellorar o seu rendemento laboral, a relación coa familia, a súa saúde, etc., por medio de exercicios prácticos centrados na resiliencia, na reconexión interior e na creatividade.
Tal e como sinala a concelleira da área, Ana Belén Breixo, o resultado que se persegue con esta actividade é “superar a sensación de medo e inseguridade, vitimismo ou frustación, á que a miúdo estamos acostumadas e que agora estamos a vivir máis ca nunca por causa da pandemia. O obxectivo das charlas é pasar a un estado de confianza e tranquilidade, sentirnos máis seguras de nós mesmas”.

Homenaxe a través das redes sociais
Igualdade considera que este ano “é importante poñer máis en valor ás nosas mulleres, dado que sempre están aí. E agora pode que aínda máis, xa que moitas delas deixaron os seus traballos por causa da pandemia para adicarse aos coidados de rapazada e persoas maiores e iso supuxo sobrecargas nas súas responsabilidades e sobre todo emocionais”, apunta Ana Belén Breixo.

A proposta para homenaxealas a todas é enviar a sansadurninoenigualdade@gmail.com unha foto  -da nai, unha irmá, a avoa, a mestra, unha enfermeira, etc.- ou un debuxo alusivo,  xunto con un breve texto cos motivos do agradecemento. Todas as imaxes recibidas subiranse ao facebook municipal no mes de marzo. O último día para achegar as imaxes é o 6 de marzo.
Por último, Igualdade tamén agarda facer o propio 8 de Marzo unha concentración diante da Casa do Concello -mantendo a distancia- para ler o manifesto institucional con motivo desta data.
Share.