A partir do 26 de xuño: curso de reprodución apícola básica

0

A delegación de Ferrolterra da Asociación Galega de Apicultura e mailo Concello organizan un curso de reprodución apícola básica que terá lugar durante catro xornadas a partir do 26 de xuño na aula de formación da Casa da Xuventude e tamén no apiario da finca da Cortiña. O curso, de 16 horas de duración, iniciarase cun horario de 10 a 14.00h., aínda que despois poderá variar en canto ás datas e horarios dependendo das condicións do tempo. Ofrécense 20 prazas e é gratuíto para a veciñanza de San Sadurniño. As inscricións hai que facelas a través do correo dagaferrol@hotmail.com.

Os obxectivos do curso son varios. Dunha banda facilitar coñecementos básicos teorico-prácticos sobre a cría e selección das raíñas e así mellorar a xenética das abellas. De outra, alcanzar un dominio mínimo das técnicas básicas de reprodución do colmear. Dous factores que, conxugados, permiten mellorar o manexo e a rendibilidade das explotacións gandeiras de abellas.

O programa inclúe os seguintes apartados: bioloxía e calendarios, enxamía, reprodución controlada, formación de núcleos, obtención de raíñas de calidade, colonias criadoras e métodos de cría e manexo complementarios.

A teoría impartirase na Casa da Xuventude, situada nun dos laterais da antiga casa consistorial, mentres que a práctica se desenvolverá no colmear didáctico da finca da Cortiña -ao pé da horta de froiteiras do país- e en apiarios particulares da zona que ofrezan condicións idóneas para abordar cada un dos temas tratados no curso.

O curso comeza o domingo 26 coa teoría, nun horario de 10 a 14.00h. O resto das xornadas e horarios de prácticas coordinaranse coas persoas participantes atendendo ás condicións do tempo.

A monitoraxe corre por conta dun equipo técnico da delegación de Ferrolterra da Asociación Galega de Apicultura. Esta acción formativa é gratuíta para a xente empadroada en San Sadurniño e Narón, mentres que o resto de participantes deberán aboar 50€ de inscrición. Ademais das clases teorico-prácticas, tamén se entregará documentación en formato dixital. Para obter máis información ou inscribirse é necesario enviar un correo a dagaferrol@hotmail.com

 

 

 

Share.