A partir deste luns xa podedes apuntarvos en “San Sadurniño en flor”

0

Do 26 de abril ao 7 de maio estará aberto o prazo para que toda a veciñanza  -estea empadroada ou teña vivenda aquí- poida solicitar a súa participación no certame “San Sadurniño en flor”, que premiará as mellores decoracións florais de patios, balcóns, xardíns e negocios. Igual que o ano pasado, primeiro en que se organizou esta experiencia, o Concello repartirá de balde un pequeno lote de planta co obxectivo de que se utilice para facer composicións rechamantes que, en conxunto, lle dean un aire primaveral a todo o territorio, ademais de ser un argumento máis para vir por San Sadurniño e ver ata onde chega a creatividade das persoas participantes. Para anotarse no certame, que reserva un total de 35 premios, haberá que enviar un  correo a agustin.perez@sansadurnino.gal ou chamar ao 616 332 919 (tamén vale un whatsapp), indicando o nome completo, o enderezo e en cal das catro categorías se quere participar.

As remesas de flor e planta terán pés variados aos que despois cadaquén lles poderán engadir outros elementos decorativos ou máis especies que se teñan na casa ou que se merquen para facer composicións máis grandes e vistosas. En calquera caso é fundamental que sexan visibles desde a vía pública, canda o cartel da iniciativa que o Concello tamén entregará no momento de repartir os lotes polas casas.

Ese reparto farase entre o 10 e o 20 de maio e despois daranse outros dez días máis de prazo, até o 30 de maio, para deseñar a combinación, tirarlle un máximo de tres fotos -máximo tres, nin unha máis- que logo se deberán enviar ao whatsapp ou ao correo electrónico de inscrición. É importante que polo menos unha desas tres fotos estea feita desde o punto de vista de quen pase pola vía pública e asegurándose de que se vexa o cartel de “San Sadurniño en flor”.

Pero…¿cales son as categorías e cantos premios hai para cada unha delas?. Tomade nota:

  • Composicións florais de exterior, dotada con 10 agasallos, pensada para que se decore calquera espazo da finca, a terraza, un patio, un curral, etc. Haberá que coller as plantas e flores entregadas polo Concello e, se se quere, arrimarlles outras para que o conxunto luza aínda máis.
  • Decoración de xanelas e balcóns, para a que se reservan outros 10 premios, onde tamén haberá que utilizar o verde proporcionado polo Concello e, como opción, enriquecelo con máis planta e outros elementos coa finalidade de adobiar balcóns ou soleiras de fiestras.
  • Establecementos comerciais e hostaleiros (5 premios). Esta categoría é nova e diríxese exclusivamente aos negocios locais en activo, que deberán decorar os accesos, os escaparates ou as xanelas, ou todo.
  • Xardíns máis vistosos, que outorgará outros 10 premios para aqueles xardíns nos que se incorpore a planta achegada polo Concello. A diferenza do apartado de composicións florais en exterior, neste caso premiarase tanto a creatividade  como resultado de anos de coidados.

Un xurado formado por unha persoa nomeada polo Concello e dúas en representación dos viveiros locais farán as valoracións dos conxuntos revisando as fotos e, no caso de dúbida, poderán visitar calquera deles para tomar a súa decisión, que se dará a coñecer o día 10 de xuño. Os 35 premios, consistentes en cestas de produtos de proximidade e vales para a hostalaría local, entregaranse na Casa do Concello o día 13 de xuño, sempre e cando a situación sanitaria o permita.

Neste proxecto o Concello de San Sadurniño conta coa colaboración de Vivergal, Flor Galicia, A Casa da Planta e Viveiros Gundín. “San Sadurniño en flor” naceu o ano pasado como unha maneira distinta de celebrar a primavera tras varias semanas de confinamento e como fórmula substitutiva da Feira da Plantación, que non se puido celebrar nin daquela nin tampouco este ano.

Bases do certame

 

 

 

 

Share.