A parroquia de San Sadurniño xa está preparada para a festa

0

Nos arredores do colexio público de San Sadurniño leva habendo movemento varios días. Os “cochitos” e outras atraccións ocupan xa parte da leira contigua, o alumeado está posto e hoxe mesmo quedará montado o “toldo”. E é que xa temos ás portas as festas de Santa Isabel, que se celebran o luns 2 -festivo local- e o martes 3 de xullo.  Catro orquestras animarán os dous días de festexos para os que se anuncia bo tempo. Porén, este sábado tamén temos unha cita na Casa da Cultura coa clausura ás 18.00h. das escolas municipais de música coral e tradicional.

No peche das escolas actuarán as agrupacións de gaita e pandeireta e tamén a formación vocal que xunta alumnado principalmente de Lamas e San Sadurniño. As cantareiras e a Rapazada do Saíme ofrecerán un repertorio con varias pezas tradicionais para as que contarán co acompañamento do grupo de gaiteiros e gaiteiras que acode semanalmente ás clases no local social de Naraío. Este último tamén tocará varias pezas en solitario con percusión da banda de Agarimo de Catabois.

Pola súa banda, a coral de Lamas e San Sadurniño ten preparadas varias pezas nas que darán boa conta das súas evolucións no último ano, case todas elas sacadas do cancioneiro popular galego.

O acto comezará ás 18.00h. con entrada libre ata completar o aforo da Casa da Cultura, onde a meirande parte do público seguramente sexan familiares e amizades das preto de 40 persoas que pasarán polo escenario.

San Sadurniño en festas
As festas de Santa Isabel arrancarán o luns ás 13.00h. cunha misa na Igrexa de Santa María a Maior do Rosario, verdadeira patroa relixiosa da parroquia.  De feito, ata hai moi pouco tempo a igrexa local non dispuña dunha imaxe  da santa á que se lle rende homenaxe desde antigo. Esta ausencia -cuberta xa cunha talla o artista Carlos García- ten unha xustificación histórica. E é que durante séculos o que se debeu estar conmemorando foi a Visitación da Virxe María á súa curmá Isabel, fixada no calendario romano no día 2 de xullo ata que o Concilio Vaticano II a trasladou ao 31 de maio. O cambio de data non surtiu efecto en San Sadurniño, onde se segue celebrando ata os nosos días a  “Santa Isabel” sempre o día 2 de xullo.

Deixando a un lado estas explicacións sobre o calendario litúrxico, o caso é que en San Sadurniño haberá festa o luns -festivo local- e mailo martes. A comisión encargoulle a animación da sesión vermú do luns á orquestra Xacobeo, que repetirá de noite na verbena axudada por Ritmo Joven.

O martes 3 volverá haber misa ás 13.00h. e posterior función coa orquestra Samba. A na velada nocturna esta formación estará acompañada por Jerusalén.

Unha volta por Sansa
De seguro que para o luns xa haberá moita xente de vacacións de dentro e fóra de San Sadurniño que teña pensado ir á festa, que é unha boa escusa para dar unha volta e descubrir a riqueza ambiental e patrimonial que hai a só un paso do epicentro da troula.

Nos arredores do centro urbano poden facerse dous itinerarios circulares cun trazado inferior aos 3 Km. e escaso desnivel, concibidos máis como paseo que como ruta propiamente dita. O primeiro deles, denominado “Ruta do patrimonio” sae do Pazo da Marquesa, sobe ao convento do Rosario e logo chega á Capela do Belén, volvendo desde aí ao punto de saída seguindo o camiño do Enxerto, desde onde temos boas vistas do centro urbano e da veiga do Xubia.

A segunda senda, chamada “Ruta da Natureza”, sae tamén do Pazo, baixa polos xardíns e percorre o paseo fluvial até o Muíño de Mera, pasando ao carón da estatua da Deusa Navia -a única que existe en Galicia- e por dous elementos tamén únicos no país: o Arboreto de especies autóctonas da Cortiña e a Horta de conservación de froiteiras “Carlos Fornos”.

O arboreto é un mostrario dos sete tipos de bosque galego distribuídos pola parcela e debidamente identificados. Pasando polos sendeiros podemos ver loureiros, carballos, aciñeiras, sobreiras, acivros, castiñeiros e outras árbores que exhiben a pequena escala a riqueza dos nosos montes. Pola súa banda, a horta de conservación Carlos Fornos é un proxecto municipal sostido en colaboración coa AGFA do Eume que ten en produción case 200 árbores froiteiras propias das comarcas do Eume, Ferrol e Ortegal. O obxectivo é preservar este patrimonio vexetal, pero tamén servir de espazo formativo e de difusión de todo este valor.

A zona permite gozar de natureza e patrimonio, pero tamén da boa mesa que ofrecen o Mesón A Granxa e o restaurante O Muíño do Pepe -situados á beira do Xubia-, así como doutros recunchos onde tomar tranquilamente un aperitivo ou un café.

Share.