A neve déixase ver e marcha case sen deixar rastro

0

Desde onte á tarde toda Galicia está baixo a influencia dunha masa de aire polar combinada con ventos e aire húmido procedente do Atlántico. Unha combinación que fixo baixar, e moito, a sensación de frío e que durante esta noite e primeiras horas da mañá volveu achegar a neve ao noso territorio. Non foi unha nevarada copiosa, senón máis ben varias folerpadas de baixa intensidade que tinguiron a paisaxe das zonas máis altas cunha fina capa semellante a azucre glas. A diferenza doutras ocasións en que foron o Forgoselo e Igrexafeita quen acapararon para si o fenómeno, desta vez a neve deixouse ver en zonas máis baixas -mesmo na zona urbana de San Sadurniño-, aínda que sen callar en ningún caso nin provocar incidencias sobre o tráfico rodado, alomenos ata as 11 da mañá, hora na que elaboramos esta información.

A parte máis elevada do concello amenceu cun lixeiro tinte branco e unha temperatura que a duras penas chegaba aos 0°. Só con dar unha volta pola AG-64 (ou pola AC-861 Ferrol-As Pontes) observábase que as nevadas da noite non foran tan intensas como se agardaba e que a cantidade de precipitación non incidiu na circulación.

Porén, o temporal de frío e vento aínda continúa e así se deixou notar ao longo da mañá, con folerpadas a intervalos que chegaron maiormente ás parroquias do norte. Santa Mariña, Bardaos e parte de Lamas foron quen mellor puideron ver a neve entre fortes refachos de vento xélido do nordés.

Manolo Cobelo, quen rexenta agora o bar Casa Marcial na Cruz da Raíña, sinalaba a iso das 9 da mañá que “había anos” que non vía nevar así en Bardaos e que non notaba tanto frío fóra: “andamos nos dous graos pero parece que haxa 5 ou 6 baixo cero”, asegurou.

Os dato térmico contrástao a información en tempo real da estación meteorolóxica situada no CPI de San Sadurniño, onde ás 10.58h. se rexistraba unha temperatura de tan só 1,4°, case tres graos menos que na madrugada de onte a hoxe.

E é que a neve mesmo asomou no centro urbano de San Sadurniño caendo aos poucos entre as 9 e as 11 da mañá. Alí tampouco callou. Nin sequera deu para amontoarse nos parabrisas dos coches, aínda que en certos momentos si ofreceu unha estampa, cando menos, pouco habitual en cotas tan baixas.

Share.